Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 190 Mércores, 5 de outubro de 2016 Páx. 45813

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 23 de setembro de 2016 pola que se amplía a dotación orzamentaria das subvencións convocadas ao abeiro da Orde do 15 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos e ás asociacións de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos para a consecución de mercados de excelencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN223A).

A Orde do 15 de xuño de 2016, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 133, do 14 de xullo de 2016, establece as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos e ás asociacións de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos para a consecución de mercados de excelencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN223A).

No artigo 1.3 da orde e no artigo 2.1 do seu anexo I, bases reguladoras, precísase que as devanditas subvencións serán financiadas co crédito correspondente á aplicación orzamentaria 09.30.751-A.761.3, Transferencias de capital. Corporacións locais. Ordenación territorial do comercio. Espazos comerciais municipais. Rede galega de mercados, por un importe total de 300.000,00 euros.

No artigo 1 da orde tamén se sinala que se poderán incrementar as contías previstas en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito. Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

Co obxecto de poder amparar o maior número de solicitudes e posto que a dotación inicial resulta insuficiente, tramítase o correspondente expediente de ampliación de crédito polo que cómpre, mediante esta orde, incrementar a dotación orzamentaria consignada inicialmente para a concesión das mencionadas subvencións dada a existencia de remanentes doutras convocatorias de axudas. Na súa virtude, facendo uso das facultades que me confiren os artigos 38, 43.3 e 44 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais disposicións de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Artigo único. Financiamento

1. Amplíase a dotación orzamentaria prevista na Orde do 15 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das subvencións aos concellos galegos e ás asociacións de persoas praceiras dos mercados e prazas de abastos para a consecución de mercados de excelencia e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento IN223A).

2. O incremento da dotación será de 907.000,00 euros con cargo á aplicación orzamentaria 09.30.751-A.761.3, Transferencias de capital. Corporacións locais. Ordenación territorial do comercio. Espazos comerciais municipais. Rede galega de mercados, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Unha vez efectuado este incremento, o importe da dotación orzamentaria previsto ascende a 1.207.000,00 euros.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas na dita orde estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria