Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 189 Martes, 4 de outubro de 2016 Páx. 45637

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Maside, para a delimitación do núcleo rural común da Carrasca.

O Concello de Maside remite o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, conforme o disposto na disposición adicional segunda da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Unha vez examinada a documentación achegada polo Concello de Maside e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resultan:

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Maside dispón actualmente de normas subsidiarias de planeamento, aprobadas definitivamente o 29 de outubro de 1985, con sete modificacións puntuais.

I.2. A tramitación da modificación puntual foi a seguinte:

– O 14.10.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental declarou a non necesidade de someter á avaliación ambiental estratéxica a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Maside para a delimitación do núcleo rural da Carrasca (DOG do 13.11.2013).

– Constan informes municipais técnicos, do 4.11.2013, 18.12.2013 e 25.4.2014; e xurídicos, do 19.12.2013 e 15.5.2014.

– O Pleno do Concello, en sesión do 22.8.2014, aprobou inicialmente a modificación puntual e someteuna á información pública durante dous meses, mediante anuncios nos diarios La Voz de Galicia do 11.9.2014 e La Región do 20.9.2014, e no DOG do 29.9.2014. Durante o período de exposición non se presentou ningunha alegación.

– Déuselles audiencia aos municipios limítrofes de Amoeiro, San Cristovo de Cea, San Amaro, O Carballiño e Punxín, sen que conste ningunha contestación de ningún deles.

– Consta informe favorable do 15.5.2014 da Deputación Provincial de Ourense.

– Consta informe favorable do 12.11.2014 da Subdirección Xeral de Redes e Operadores de Telecomunicacións do Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo.

– Constan informes da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, do 20.1.2015 e do 19.1.2016, favorables.

– Consta informe favorable do 24.7.2015 da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural.

– Solicitouse, ademais, informe a Augas de Galicia, sen que conste contestación. Existe informe na fase de tramitación ambiental, no cal se sinala que deben terse en conta os plans de abastecemento e de saneamento de Galicia.

– O Pleno do Concello, en sesión do 10.2.2016, aprobou provisionalmente a modificación puntual.

II. Análise e consideracións.

II.1. O ámbito de actuación é o núcleo rural da Carrasca e o seu contorno inmediato, e afecta, segundo as normas subsidiarias de planeamento vixentes, solo non urbanizable (actualmente rústico). A superficie total do ámbito é de 17.111 m2.

II.2. O obxecto da modificación puntual é a incorporación do núcleo da Carrasca como núcleo rural común, delimitar o dito núcleo e definir unha normativa específica para a súa ordenación pormenorizada, en concordancia co establecido na disposición transitoria primeira e) da Lei 2/2010.

II.3. O 19.3.2016 entrou en vigor a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que establece no punto 1 da disposición transitoria segunda que os plans en tramitación que nesa data tivesen aprobación provisional poderán continuar a súa tramitación ata a súa aprobación definitiva a teor do disposto na LOUG.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG e co artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento municipal de Maside, no núcleo rural común da Carrasca.

Segundo. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Tercero. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2016

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file