Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 188 Luns, 3 de outubro de 2016 Páx. 45620

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Ponteareas

ANUNCIO do convenio do Concello coa Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo.

Na vila de Ponteareas o 2 de agosto de 2016,

Comparecen:

– Dunha parte, Xosé Represas Giráldez, alcalde-presidente do Concello de Ponteareas, maior de idade e veciño de Ponteareas, facultado neste acto polo Pleno da Corporación en Acordo adoptado na sesión do 19 de xullo de 2016.

– Doutra parte, José Manuel Lorenzo Varela, maior de idade, casado e veciño de Ponteareas (Pontevedra), con domicilio na parroquia de Xinzo, A Cividá, 1, provisto de DNI nº 76904877-F, que actúa na súa condición de presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo segundo resulta da acta da asemblea da dita comunidade.

Ambos actúan en nome e representación do Concello de Ponteareas e da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo e

Expoñen:

Primeiro. Que o Concello de Ponteareas, en sesión plenaria da Corporación do 2 de febreiro de 2016 aprobou provisionalmente o seu Plan xeral de ordenación municipal, no cal se contén unha ficha que abarca o ámbito de solo de núcleo rural común denominado A Portela para o cal se prevé un desenvolvemento urbanístico a través dun Plan especial de ordenación do núcleo rural nº 1; o sistema de actuación é o de cooperación e a iniciativa pública e nel prevense unha serie de cesións a favor do concello.

Achéganse a ficha de planeamento citada e o plano de localización do polígono incluído no seu ámbito.

Segundo. Pola súa banda, a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo é propietaria dunha serie de terreos que se atopan na súa maior parte dentro do ambito do plan especial referido no punto anterior. Únese o plano de situación dos ditos terreos.

Terceiro. Co fin de desenvolver tal ámbito, dada a súa iniciativa pública, corresponde ao Concello a redacción do plan especial en cuestión e a súa aprobación, así como a posterior xestión e execución tendo en conta a distribución de cargas e beneficios entre os propietarios.

Cuarto. Por outra banda, ao estar nas proximidades do ámbito en cuestión o Centro Cultural de Xinzo, en que anualmente se celebran na época estival as súas festas, e ao ser necesario que o Concello proceda ao adecentamento dun terreo próximo, propiedade da comunidade de montes citada e incluído no ámbito en cuestión, sendo as actuacións a levar a cabo a súa explanación para destinalo a aparcadoiro, o Concello de Ponteareas e a Comunidade de Montes teñen decidiron asinar o presente convenio de execucion do planeamento, ao abeiro do disposto nos artigos 2.3 e 17 da Lei do solo de Galicia conforme as seguintes

Estipulacións:

I. Co fin de obter de xeito anticipado a cesión de uso dunha parte do terreo propiedade da Comunidade de Montes de Xinzo, situado no ámbito do Plan especial de ordenación de núcleo rural nº 1, cuxa superficie e localización quedarán pendentes de determinar, a Comunidade de Montes, por medio deste anuncio, e o abeiro da autorización conferida pola súa asemblea celebrada o día 2 de xullo de 2016, cede ao Concello de Ponteareas o uso da parcela que no seu momento se concretará pero que está situada dentro dos planos que se achegan para os únicos e exclusivos efectos de levar a cabo sobre tal terreo as actuacións derivadas do desenvolvemento, xestión e execución do plan especial descrito no expositivo primeiro do presente documento.

Sen prexuízo do anterior, a Comunidade de Montes poderá utilizar e desfrutar do terreo obxecto de cesión, logo de autorización do Concello, para poder destinalo a aqueles fins que non sexan incompatibles coas actuacións que vai levar a cabo o Concello nin as limiten ou prexudiquen.

II. O Concello, a cambio de tal cesión de uso, comprométese a realizar as obras de adecentamento, consistentes na súa explanación mediante os movementos de terra precisos, obra que realizará contratando unha empresa especializada neses labores.

III. Pola súa vez, dado que o Concello de Ponteareas vai contratar proximamente a redacción do plan especial citado no expoñendo primeiro, e unha vez aprobado definitivamente, vai proceder a executar as pertinentes obras de urbanización por estar prevista a iniciativa pública do ámbito, e por iso, en contraprestación de tal labor económico, a Comunidade de Montes comprométese a entregar ao Concello de Ponteareas tamén unha parcela dentro do ámbito do PEONR nº 1, de superficie e localización que se concretarán, ademais das que lle corresponden ao Concello polas cesións obrigatorias establecidas na correspondente ficha anexa, parcela que o Concello destinará, en todo caso, a un uso dotacional múltiple.

IV. Este convenio non supón ningunha alteración, modificación ou dispensa do planeamento.

V. Este convenio resolverase se non se aproba definitivamente o Plan xeral de ordenación municipal e, consecuentemente, o Plan especial de ordenación de núcleo rural nº 1 referido no expositivo primeiro deste documento.

Do mesmo xeito, se finalmente non se aproba definitivamente o Plan xeral de núcleo rural, a cesión de uso formalizada no presente documento quedará automaticamente sen efecto, sen que a Comunidade lle teña que satisfacer ao Concello ningunha compensación polas obras de adecentamento sinaladas na estipulación segunda do presente documento.

VI. Unha vez aprobados o Plan xeral de ordenación municipal e o plan especial de ordenación, as partes comprométense a subscribir un novo convenio no cal se determinarán as condicións do desenvolvemento, xestión e execución do plan e se concretará a parcela que percibirá o Concello como contraprestación pola execución das obras de urbanización referida na estipulación terceira deste documento.

En proba de conformidade, asinan os contratantes este convenio por duplicado exemplar e para un só efecto no lugar e na data indicados.

Xosé Represas Giráldez
Alcalde

José Manuel Lorenzo Varela
Presidente da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Xinzo