Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 29 de setembro de 2016 Páx. 44509

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 31 de agosto de 2016, da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, pola que se inclúe no Censo do patrimonio cultural a técnica tradicional da construción coa pedra en seco como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

No exercicio das competencias exclusivas en materia de protección do patrimonio cultural recoñecidas constitucional e estatutariamente, que me atribúe o artigo 13 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, correspóndeme a incorporación de bens e manifestacións inmateriais no Censo do patrimonio cultural.

No artigo 9.3.a) da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, recoñécense como manifestacións do patrimonio cultural inmaterial de Galicia os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas, xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En particular no seu punto 7º recoñécense as técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos.

O artigo 14.1 da devandita Lei 5/2016, do 4 de maio, establece que as manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, en tanto non fosen declaradas de interese cultural ou catalogadas, incluiranse no Censo do patrimonio cultural para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores.

A técnica tradicional da construción coa pedra en seco conforma, sen dúbida, un dos exemplos de técnicas, coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe. O coñecemento do material, o desenvolvemento dos procesos axeitados para a súa selección e transporte e a habilidade para a construción de estruturas estables e permanentes posúen unhas características propias e recoñecibles, ademais de posuír unha beleza estética propia do tectónico e o creativo.

Ademais, existen outras manifestacións inmateriais de interese relacionadas coa actividade da construción de pedra en seco, entre elas a máis singular a que representa unha linguaxe propia de carácter gremial, abundante e complexo en termos e fontes, así como algúns temas para cantar tamén referidos ás formas de vida e ás relacións sociais dos canteiros, á súa habilidade, á súa vida itinerante, etc.

En Galicia poden recoñecerse diferentes técnicas e procesos relacionados tanto coa diferente natureza da materia prima como cos usos e tipoloxías desenvolvidos con ela. Son abondosos os exemplos de muros, peches e construcións adxectivas para diferentes usos agrarios e gandeiros, e evidencian a estrutura da propiedade e explotación do territorio. Especialmente significativa resulta a técnica e os seus exemplos no territorio na comarca de Pontevedra e Terra de Montes; nas de Bergantiños, Soneira, Xallas e Fisterra; e nas da Terra Chá e Ribeira Sacra; aínda que son numerosos e significativos os exemplos en todo o territorio galego, e mesmo fóra del é común a presenza de canteiros galegos en Euskadi, Navarra ou Cataluña.

Para identificar inicialmente o alcance da técnica e o seu estado actual, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural mantivo contactos con canteiros profesionais que manteñen na actualidade o coñecemento da técnica tradicional, coa Escola de Canteiros de Pontevedra e con profesionais e responsables da protección do patrimonio cultural de varias comunidades autónomas, no contexto dunha recollida global de información para a preparación dunha candidatura internacional para incluír a técnica na lista de manifestacións relevantes do patrimonio cultural inmaterial da Unesco.

Esta técnica tradicional da construción coa pedra en seco, por todo o indicado, é un exemplo significativo das formas de vida tradicionais. Para os efectos de promover o estudo e a documentación da técnica e dos seus procesos, así como para colaborar na súa difusión para o público coñecemento e respecto polo traballo dos canteiros tradicionais e dos numerosos exemplos que dos seus resultados se conservan,

RESOLVO:

Primeiro. Incorporar ao Censo do patrimonio cultural a técnica tradicional da construción coa pedra en seco, tamén denominada pedra seca, cachotaría ou cantaría tradicional, co contido básico do anexo que acompaña esta resolución.

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e difundir o seu contido na páxina web corporativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. Ordenar aos servizos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural tomar como referencia a dita técnica para a elaboración de informes en materia de protección do patrimonio cultural de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de agosto de 2016

Mª Carmen Martínez Ínsua
Directora xeral do Patrimonio Cultural

ANEXO I

Técnica tradicional da construción coa pedra en seco

1. Denominación: técnica tradicional da construción coa pedra en seco, tamén denominada pedra seca, cachotaría ou cantaría tradicional.

2. Definición: técnica tradicional de construción con pedra, sen labra ou cun traballo de regularización máis ou menos rudimentario, combinando entre si pezas de diferentes tamaños e mesmo características, con múltiples combinacións en función do material usado e os seus requirimentos funcionais, pero sen aglomerantes nin adhesivos de ningún tipo, polo que estruturalmente funcionan pola súa masa e o equilibrio e habilidade na súa disposición e combinacións.

É usada para executar unha grande variedade de construcións, instalacións e edificacións, principalmente no ámbito rural e ligadas á identificación do territorio, á estrutura da súa propiedade, pertenza, dereitos e transmisión; á seguridade e explotación do gando; aos usos e produción agrícola; á transformación ou conservación dos produtos (xeo, castañas, cereais, mel, hortalizas...), e mesmo ao aproveitamento das augas e á edificación de vivendas e dependencias auxiliares.

A elección desta técnica depende da dispoñibilidade do material e do coñecemento dos seus procesos. O seu uso ten por obxectivo a consecución de construcións de carácter permanente e de gran estabilidade, tanto cando se require lonxevidade como cando é necesario afrontar inclemencias climatolóxicas rigorosas, a actividade de animais domesticados ou salvaxes, ou especiais necesidades e características dos produtos a que está destinada.

A técnica da pedra en seco emprégase principalmente para executar muros de maior ou menor altura e espesor, aínda que en función das características do material e dos coñecementos do canteiro poden facerse máis complexas con técnicas e sistemas desenvolvidos coas mesmas premisas do exclusivo uso da pedra, o seu peso e o seu equilibrio.

3. Ámbito de desenvolvemento: Galicia, en especial comarcas de Pontevedra e Terra de Montes, de Bergantiños, Soneira, Xallas e Fisterra, e as da Terra Chá e Ribeira Sacra.

4. Ámbito e características dos valores culturais inmateriais.

• Tradicións orais e expresións:

Existe unha terminoloxía propia para identificar o material, as técnicas extractivas, o traballo de labra e as ferramentas necesarias, así como para os métodos construtivos, os seus sistemas e os medios auxiliares. A variedade xeográfica inflúe establecendo variantes e denominacións propias, pero no caso dos traballos de cantaría da zona de Pontevedra e Terra de Montes destaca a existencia dunha complexa xerga de carácter gremial, denominada «o verbo dos arxinas», «o latín dos canteiros», «verbo» ou «arxina», que constitúe de seu unha tradición singular da zona suroccidental da provincia, ao redor da capital, importante vila de orixe medieval, e na cal se forma e perfecciona esta técnica ata constituír unha profesión altamente especializada e cun sistema de transmisión propio de mestre a aprendiz.

O verbo toma, ademais, préstamos doutros idiomas, especialmente do latín, do francés e do éuscaro, posto que, aínda que o uso do material é local, non así o seu traballador, que é un profesional especializado que se despraza, en moitas ocasións a grandes distancias e por longas tempadas. Así é o caso dos canteiros galegos en Castela, Euskadi ou en rexións dos Pireneos en época contemporánea, pero da mesma forma era habitual a chegada de traballadores portugueses ou casteláns a Galicia noutras épocas.

Esta lingua propia da transmisión oral foi parcialmente estudada e o seu vocabulario recollido nalgunha publicación, con máis de 4.000 rexistros, ben que polas características da súa transmisión, privada e secreta, o seu coñecemento e uso é agora apenas residual e moi parcial.

• Prácticas sociais, rituais e eventos festivos:

Na actualidade esta é a parte deste coñecemento e técnica máis descoñecida, pouco estudada, non convenientemente relacionada e, ademais, practicamente desaparecida. A forma de realizar o traballo, con longos períodos fóra do lugar de orixe dos canteiros e en lugares ás veces estraños para eles e de diferentes costumes, leva a tensións e desconfianzas nas relacións, de tal forma que é recollida en cantares e coplas tradicionais ese carácter transeúnte e pouco fiable do canteiro.

O traballo a xornal do canteiro e a súa manutención, as grandes tempadas lonxe do fogar e a familia e o contacto breve con culturas diferentes son prácticas sociais de interese que poden seguirse nas biografías dos canteiros e nas súas vivencias persoais.

No desenvolvemento da súa actividade, tanto na localización do material adecuado na canteira, no seu desprendemento, no seu transporte ou ao remate dos traballos, foron documentados diferentes ritos e eventos festivos que na maior parte xa apenas son memorias e material de rexistro, posto que nin os transportes nin as condicións laborais ou as relacións persoais que as xustificaban se manteñen. Por iso, ademais de certo repertorio de canción tradicional relacionado cos canteiros, apenas poden documentarse vivos outro tipo de manifestacións:

En palabras de canteiros

rapazas, non vos fiedes,

collen os picos e marchan,

rapazas, que lles queredes?

* * *

Canteiriño de Pontevedra

Canteiriño de pedra miúda

Pica na muller allea

Que outro picará na túa

• Coñecementos e prácticas relativas á natureza e ao universo:

Os canteiros manteñen un coñecemento directo e empírico do material, transmitido de forma directa pero cerimoniosa. A habilidade para recoñecer a pedra na súa localización, o saber en que lugar practicar unha incisión, en que momento introducir unha cuña, cando revisala e partila polo lugar desexado e co tamaño necesario é un coñecemento adquirido coa práctica e baseado en referencias que se manteñen fóra do alcance dos demais e mesmo dos aprendices. Estas mesmas habilidades son usadas para o movemento e a disposición, que leva ao uso do peso e o equilibrio que tamén está fóra do alcance de calquera e que só se adquire coa práctica, a repetición e os anos de experiencia, e unha certa intuición que parece predispoñer un aprendiz a chegar a ser un mestre canteiro.

Sendo ademais unha actividade suxeita a un alto índice de sinistros, ao traballar con materiais pesados, alturas, golpes por percusión, cortes etc, eran habituais os cortes, esmagamentos ou afeccións respiratorias e oculares, para as cales existían múltiples remedios e tradicións baseadas na experiencia e na necesaria rapidez de actuación, nas cales en moitas ocasións se empregaba o mesmo material con que se traballaba ou elementos vexetais e animais dispoñibles.

• Técnicas tradicionais:

A técnica tradicional da construción coa pedra en seco é un coñecemento tradicional e especializado, transmitido de forma oral e empírica. Existen diferentes especialidades, tanto polos coñecementos e habilidades do canteiro como polos propios materiais ou estruturas en que se especializan. O traballo de canteiro é desenvolvido maioritariamente por homes na actualidade. Aínda que existen tamén mulleres que se forman e exercen esta actividade, non era esta a súa función tradicional no oficio da cantaría.

Nos traballos máis rudimentarios, a construción de muros con pedra en seco podía ser realizada por unha familia ou por unha comunidade local, co obxecto de sinxelas construcións relacionadas coa estrutura do territorio e sen outro tipo de requirimentos.

Nestes procesos os traballos eran realizados indistintamente por todos os seus membros, desde o carrexo á colocación. Con todo, pode definirse xeralmente este traballo como un sistema moi xerarquizado no cal o coñecemento e as habilidades dan un lugar propio e diferenciado aos traballos máis complexos ou aos que requiren un esforzo físico. Os especialistas adoitan gabarse diso e non son receptivos a realizar traballos que non requiran unha habilidade singular.

Nos traballos máis complexos existen persoas especializadas na extracción do material, os pedreiros, que nalgúns casos requiren unha alta especialización, como son os chanteiros, que extraen finas laxes de escasos centímetros de espesor e dimensións próximas ao metro cadrado ou superiores. Aínda existen coñecedores deste sistema de extracción tradicional.

No caso do transporte do material, as condicións actuais non corresponden coas tradicionais, xa que era un traballo moi esforzado, de risco e moi baixo rendemento. Para o transporte agora úsanse principalmente vehículos de carácter industrial, pequenos elevadores ou carretas.

Tradicionalmente podía usarse tracción animal, mulas, cabalos ou bois, con elementos de arrastre adaptados ás condicións topográficas, aínda que era habitual o traballo non especializado e o carrexo ou transporte en cesto, realizado especialmente por mulleres.

Na execución diferénciase o mestre, os canteiros, samarúas ou arxinas, con coñecementos especializados, e os aprendices, chamados morróns, pinches ou simplemente rapaces, obviamente en función dos coñecementos, habilidades e status propio. Existe unha grande variedade de termos e mesmo diferentes interpretacións destes. Esta estrutura dalgunha forma pode entenderse existente na actualidade, adaptada ás condicións laborais e legais exixidas.

Na actualidade as ferramentas e as condicións dos traballadores foron adaptándose aos cambios sociais xeneralizados; con todo, a execución da técnica tradicional da construción coa pedra en seco atopou o seu lugar e a forma de traballo do material, o seu sistema de colocación, os coñecementos necesarios e os resultados manteñen as características tradicionais.

Así é sentido por moitos canteiros que na actualidade desenvolven a súa actividade, herdeiros e portadores deste coñecemento, que adquiriron dunha forma tradicional por transmisión oral, por práctica, por desenvolvemento do mesmo modelo construtivo. E existe neles a intención e o convencemento de que a técnica tradicional ten un lugar vivo, activo e de futuro na construción do territorio e da paisaxe.

5. Descrición da actividade.

Material: granitos en moitas variedades locais, cuarcitas, lousa, xisto «ollo de sapo»...

Extracción: tamén existen moitas variedades en función dos traballos para realizar ou a súa localización. En ocasións o material é simplemente arrastrado ou sacado superficialmente da pedra solta dunhas parcelas que queren ser destinadas a cultivos e emprégase para a súa delimitación e peche. Para a extracción máis especializada acódese a afloramentos a nivel de terreo, pequenas canteiras ao descuberto ou penedos graníticos de grandes dimensións que se explotan ao longo de anos en función das necesidades. Nestes casos a pedra debe romperse ou fenderse empregando ferramentas específicas, como as cuñas, guillos ou pinchotes con que perforalas e apealas.

É habitual que algúns destes lugares e penedos, pola súa presenza na paisaxe e o seu valor intrínseco, teñan asociados significados e valores de índole cultural e mesmo espiritual, sendo tamén numerosos os exemplos de pedra explotadas historicamente en que se observan petróglifos, relacionados cos mouros e acontecementos dun pasado mítico afastado no tempo.

Transporte: empregábanse carros de bestas ou bois e mesmo carros manuais, aínda que para determinadas pezas se procedía ao arrastre directo sobre un rastro de madeira. Este traballo non requiría cualificación e adoitaba ser tarefa dos promotores do labor e non dos especialistas, que requirían a pedra ao pé da obra, ao alcance da man.

Execución: na execución existen dous traballos que necesitan dunha alta capacitación, que é o movemento do material e a súa disposición adecuada. Os dous son dificultosos, xa que para realizalos é necesaria unha especial habilidade, sobre todo para os muros de maior altura ou máis dificilmente accesibles. No movemento aprovéitase o abalo das pedras e o uso de ferramentas ou instrumentos complementarios, aproveitando o coñecemento intuitivo do peso, as masas e os volumes.

No asento, a destreza co martillón é o máis importante, tanto para a mellor colocación como para ir adaptando o material á forma acaída e necesaria para o seu equilibrio.

As primeiras fiadas do muro son executadas coas pedras de maior tamaño, escavando unha cimentación para a firmeza da estrutura e regulando as súas características co uso de varas de madeira e ventos. Toda a actividade realízase con calma, con precisión, con paciencia, e buscando a seguridade en cada paso.

A estrutura trabállase por medio do asento adecuado para o equilibrio e a trabazón de elementos que lle dean a consistencia axeitada. Dependendo das necesidades e a calidade do muro, pode empregarse o cordel para seguir as referencias da chumbada, que é moi relevante e para o que se usan pequenas cuñas (en ocasións asentos de cunchas, ou de terra seca, ou de brión ou outra vexetación) sen apertar e para que o seu funcionamento sexa eficaz. A disposición do material evita as gretas internas e as súas debilidades ocultas. A calidade do muro e a súa garantía de durabilidade é o orgullo do canteiro.

6. Formas de transmisión dos coñecementos e saberes na actualidade.

Na actualidade o sistema de aprendizaxe é familiar ou vocacional. O canteiro maior, xubilado e fóra do mercado laboral, foi transmitindo a un traballador xa formado con intereses na cantaría os seus coñecementos, de forma oral e práctica. A especialización tradicional na cachotaría e o asento, na labra, na talla ou na traza, na actualidade, pola escaseza de encargas e pouca rendibilidade en termos económicos e de tempos, é máis un desenvolvemento selectivo de certas habilidades e coñecementos que poidan aplicarse en futuras encargas, co desexo de mellorar as propias habilidades.

Esta transmisión corre risco de perderse xa que os últimos canteiros que traballaron nas condicións tradicionais repetidas ao longo dos séculos están xa fóra da idade laboral e con limitadas capacidades físicas.

Con todo, existe unha ampla xeración activa en Galicia, moitos deles con formación regrada en cursos de formación ocupacional, escolas taller ou outras capacitacións laborais que, por inquietudes persoais e amor á técnica e á súa filosofía do traballo habilidoso e de calidade, foron adquirindo os coñecementos e aplicándoos cando as encargas o permiten.

No referente ao mantemento e á transmisión do coñecemento, debe facerse unha especial mención á Escola de Canteiros de Pontevedra, sostida pola Deputación Provincial de Pontevedra e localizada moi próxima á capital, na localidade de Poio.

Esta institución, de carácter público, ofrece unha formación especializada en cantaría de cinco anos, que pasa por todos os sistemas, métodos e medios dispoñibles, tamén de natureza artística e industrial, pero que nos seus primeiros dous anos transmite o coñecemento tradicional e manual, e foi recompilando o coñecemento da técnica desde a súa fundación en 1979 no Mosteiro de Poio, aínda que desde o ano 2000 conta cun edificio e talleres propios nos cales se combinan ensinos teóricos e prácticos, desde o debuxo e o traballo co punteiro ata as aplicacións informáticas e a investigación. Os seus alumnos conforman xa varias xeracións de portadores deste saber que foi aplicado á construción e á recuperación do patrimonio arquitectónico e etnográfico.

7. Función social e significado cultural.

A técnica tradicional da construción coa pedra en seco é un saber relacionado coas formas de vida tradicionais e intimamente ligado ao mantemento do territorio, da paisaxe e dos seus valores culturais. Tanto a distribución das terras, o seu aproveitamento e ata o fogar do alimento, dos animais e das persoas en Galicia en gran medida están construídas, e en casos cubertas, por estruturas de pedra en seco.

O traballo dos canteiros, a súa habilidade e o seu xenio especial, de carácter creativo e artístico, está vivo. A sociedade identificou na pedra un valor engadido ao cultural, mesmo superior a el, que é un valor de autenticidade. A construción en pedra é un sinal de identidade; con todo, o seu descoñecemento é aínda xeneralizado. Por iso proliferan as técnicas que reproducen os acabamentos da pedra en seco para múltiples construcións actuais, vivendas de nova construción que imitan os tipos e o acabamento da pedra en seco tradicional, aínda que non o son en realidade.

Tamén en Galicia resulta abundante o uso de modelos que imitan os tradicionais, especialmente no hórreo, en peches e portóns, que, aínda así, son realizados na súa maior parte por operarios non especializados ou que non dispoñen dos adecuados coñecementos e, por tanto, aínda que socialmente existe a demanda do uso dunha técnica e uns modelos auténticos e na liña natural cos tradicionais, non pode darse unha resposta por ser o alcance do seu coñecemento limitado ou pouco rendible en termos económicos ou de tempos.

Por tal motivo o mantemento da técnica é esencial, non simplemente por cuestións de autenticidade ou para a súa correcta aplicación na recuperación do patrimonio arquitectónico e etnográfico, senón porque a sociedade asumiu xa esta técnica como un sinal de identidade propio e, por tanto, aínda que debe atopar o seu lugar no cumprimento dos requirimentos actuais de confort, de seguridade e de salubridade para os seus traballadores, tamén é obvio que pola súa calidade e por resultar unha técnica sustentable e mellor integrada no ambiente, ten un lugar propio no futuro, de forma viva.

Por tanto, a súa función social está relacionada coa recuperación dunha mellor convivencia coa natureza en si pero tamén coa paisaxe propia das comunidades locais, que se senten pertencentes a el e responsables da súa conservación.

8. Incompatibilidades con instrumentos internacionais sobre dereitos humanos, de respecto mutuo entre comunidades, grupos ou individuos ou desenvolvemento sustentable.

Non existen incompatibilidades co respecto entre as persoas, grupos ou comunidades, nin riscos para o desenvolvemento sustentable.

Antes ao contrario, a técnica tradicional promove o respecto e a comunicación entre as persoas na medida en que promove as relacións entre as xeracións e o traballo colaborativo. Así mesmo, tamén é unha actividade compatible co ambiente e o desenvolvemento sustentable, posto que a actividade construtiva só explota o material na medida en que é necesario, xa que a provisión e acumulación non ten sentido, e ademais promove o uso do material local e reduce, por tanto, as distancias dos transportes.

En calquera caso, os ámbitos de explotación deben ser contrastados pola probada existencia de manifestacións de arte rupestre á intemperie que foron tradicionalmente explotados, para evitar riscos de deterioración deste tipo de bens culturais.

Na súa execución en seco non produce ningún contaminante e a súa vida útil é moitísimo maior que a que implica o uso de materiais máis tecnolóxicos. Por todo iso, os termos de rendibilidade en cuestión ambiental e de desenvolvemento sustentable xustifican o seu uso e a súa competitividade, no marco dunha adecuada responsabilidade social.

Os tipos construtivos teñen relación con usos agrícolas respectuosos co ambiente e, mesmo, con usos potenciais relacionados co coñecemento do medio, o turismo, a ecoloxía, etc.

É certo que a actividade, no modo en que se realizaba tradicionalmente, tiña riscos para a saúde dos traballadores, polas condicións de traballo, os pesos, os riscos potenciais e os efectos do propio material. Con todo, é perfectamente compatible a aplicación dunhas adecuadas medidas de seguridade persoal que minimicen os devanditos riscos e permitan o exercicio da actividade no marco das actuais regulacións na materia.

9. Bibliografía.

– Olano Silva, V. de (1951): Os canteiros, Boletín da CPMHA Lugo, tomo IV

– García Alén, A. (1956): Vocabulario de los canteros de Pontevedra, El Museo de Pontevedra, tomo X

– Quibén, V. (1957): Cancionero y refranero de los canteros de Galicia, Boletín da RAG, tomo XXVIII

– Filgueira Valverde, J. (1976): Los canteros gallegos, Palacios, Vigo

– Lorenzo Fernández, X. (1979): Etnografía. Cultura Material en Otero Pedrayo, R. (dir.), Historia de Galiza

– De Llano, Pedro (1981): Arquitectura popular en Galicia.

– Bas López, B. (1983): As construccións populares: un tema de etnografía en Galicia, Ediciós do Castro, Sada

– COAG (1994) Construcciones de Junta Seca en Galicia. Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia.

– García Otero, J.M. (1997): Escuela de canteros de Pontevedra: garantía de continuidad en el oficio, R&R: Restauración y Rehabilitación, 9.

– Fontoira Surís, R. (2000): Fábricas de cantería, Deputación de Pontevedra

– González Graña, F. (2000): O Latín do canteiro, Taboada, 1

Os canteiros: actas das xornadas celebradas en Parga (2000), Brigadas en defensa do Patrimonio Chairego.

– Caamaño Suárez, M. (2006) As construcións da Arquitectura popular en Galicia. Hércules de Ediciones

– Rodrigues Gomes, Jorge. (2008) Falas Secretas: Estudo das gírias gremiais galego-portuguesas e ibéricas. Através Editora 2008.

– Gulías Lamas, Xesús Antonio. (2009) Dicionario do verbo dos canteiros. Edicións Ir Indo

– Solla, Calros (2011) O vervo xido. A fala secreta do canteiros de Cerdedo.

– Trigo Díaz, Feliciano (2011) O verbo dos arginas de Avedra. Xerga gremial dos canteiros de Pontevedra.

10. Fotografías.

missing image file

Chantos en Vilalba

missing image file

missing image file

Santiago de Compostela

Pendellos da feira de Agolada

missing image file

missing image file

Pombal en Moraime, Muxía

San Alberte, Guitiriz

missing image file

missing image file

Hórreo en Lira, Carnota

A Gañidoira, Muras

missing image file

missing image file

Os Mouchos, Carnota

missing image file

missing image file

Cruceiro no Cadavedo,
A Pastoriza

Acibeiro, Forcarei

missing image file

missing image file

Piornedo, Cervantes

missing image file

missing image file

Ponte Caldelas