Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Xoves, 29 de setembro de 2016 Páx. 44507

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 22 de setembro de 2016 pola que se amplía o crédito existente para a concesión das axudas previstas na Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), e se convocan para o exercicio 2016, publicada no Diario Oficial de Galicia número 134, do 15 de xullo.

O día 15 de xullo de 2016 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), e se convocan para o exercicio 2016

Na dita orde prevíase que as subvencións que se establezan para as actuacións obxecto destas axudas contarían cun orzamento de 400.000 € financiados con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

No artigo 7 das bases reguladoras da Orde do 22 de xuño de 2016 establécese que o prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará o día 14 de outubro de 2016, agás que se produza o suposto de esgotamento previo do crédito.

Así mesmo, no citado artigo establécese que as solicitudes que se presenten unha vez comunicado o esgotamento do crédito, de ser o caso, quedarán nunha situación de “espera” e serán admitidas a trámite na medida en que exista crédito para poder atendelas (ben sexa porque se incremente o crédito inicial previsto para as axudas, ben porque se libere crédito inicialmente comprometido con base noutras solicitudes).

Tendo en conta que, sen ter rematado o prazo de presentación de solicitudes, o crédito inicial da convocatoria xa se esgotou e que existe crédito susceptible de ser utilizado para este fin, considérase conveniente ampliar o importe inicial en 400.000 €, de xeito que se acade un maior grao de cumprimento do Real decreto 1554/2007, do 23 de novembro, polo que se regulan as condicións básicas de accesibilidade e non discriminación para o acceso e a utilización de modos de transporte para persoas con discapacidade.

De acordo co anterior, vista a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento,

DISPOÑO:

Artigo único. Ampliación de crédito

Ampliar o importe total do crédito das axudas establecidas na Orde do 22 de xuño de 2016 (DOG núm. 134, do 15 de xullo), pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a adquisición de vehículos taxi adaptados a persoas con mobilidade reducida (Eurotaxi), e se convocan para o exercicio 2016, por un importe de 400.000 € con cargo á aplicación orzamentaria 08.02.512A.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

Unha vez efectuada esta ampliación, o importe total destas axudas ascende a 800.000 €.

Esta modificación non dá lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2016

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda