Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 172 Venres, 9 de setembro de 2016 Páx. 39678

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 11 de agosto de 2016, do Xurado Provincial de Clasificación de Montes Veciñais en Man Común de Ourense, polo que se publica o acordo do 20 de xullo de 2016 relativo á revisión do esbozo do monte veciñal en man común Lagoa de Antela, pertencente aos veciños da parroquia de Sandiás, no concello de Sandiás.

O Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común adoptou o seguinte acordo, baseándose nos feitos e consideracións legais que a seguir se expoñen:

«Feitos.

Primeiro. Con data do 16 de marzo de 2016 o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común de Ourense acordou a revisión do expediente de clasificación do monte veciñal en man común Lagoa de Antela co obxecto de levar a cabo unha delimitación precisa dos terreos incluídos nel.

Con base no citado acordo e tendo en conta as previsións recollidas na disposición transitoria décimo terceira da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, o Xurado solicitou ao Servizo de Montes unha proposta coa revisión e elaboración da cartografía actualizada do monte veciñal en man común.

Segundo. A citada proposta foi elaborada polo Servizo de Montes con data do 22 de xuño de 2016, de acordo cos seguintes aspectos:

Monte: Lagoa de Antela.

Superficie: 169,84.

Os seus límites son:

Norte: MVMC Corga, pertencente aos veciños da parroquia de Piñeira de Arcos, no concello de Sandiás.

Leste e sur: zona afectada pola expropiación realizada polo Instituto Nacional de Colonización.

Oeste: parcelas catastrais incluídas na zona de concentración parcelaria Sandiás-Piñeira de Arcos.

Para a realización da proposta estableceuse o límite co MVMC Corga de acordo cos datos existentes na sección provincial do Rexistro de Montes Veciñais en Man Común. Non obstante, o procedemento de deslindamento deberá realizarse de acordo co establecido no artigo 53 da Lei 7/2012.

O monte veciñal estaría integrado, así mesmo, pola parcela 9 do polígono 74, comprendida na descrición do monte que consta na inscrición do Rexistro da Propiedade de Xinzo de Limia.

Consideracións legais e técnicas:

Primeiro. A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, na súa disposición transitoria décimo terceira, establece o procedemento de revisión de esbozos de montes veciñais en man común.

De acordo con ela, os esbozos de montes veciñais integrados nun expediente que, pola súa antigüidade, non reúnan as características de fiabilidade e precisión que exixen as novas técnicas topográficas poderán ser obxecto de revisión e axustarase e completarase con aqueles datos e documentos que se consideren necesarios, en particular, os requiridos para a súa inmatriculación no Rexistro da Propiedade.

De acordo cos feitos e fundamentos de dereito expostos, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común, de acordo coa proposta do Servizo de Montes do 22 de xuño de 2016, acordou por unanimidade o día 20 de xullo de 2016:

Aprobar a proposta de revisión da descrición do monte veciñal en man común Lagoa de Antela, clasificado a favor dos veciños da parroquia de Sandiás, no concello de Sandiás».

Ourense, 11 de agosto de 2016

Yago Borrajo Sánchez
Presidente do Xurado Provincial de Clasificación
de Montes Veciñais en Man Común de Ourense