Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Venres, 26 de agosto de 2016 Páx. 38085

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa

EDICTO (F02 295/2015).

No procedemento de referencia ditouse sentenza cuxo encabezamento e resolución son do teor literal seguinte:

«Sentenza nº 24/2016

En Vilagarcía de Arousa o 3 de marzo de 2016.

Vistos por Rosa Lama Marra, xuíza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa e o seu partido xudicial, os autos número 295/2015, sobre petición de alimentos, garda e custodia, promovidos pola procuradora Marta María Ferradáns Padín, en nome e representación de Gabriela Pérez Taboada, en que Rafael Pérez Falcón é o letrado asinante da demanda, fronte a Jason Johan Díaz Caserza, que foi declarado en rebeldía procesual, con intervención do Ministerio Fiscal.

[…]

En atención ao exposto

Vistas as disposicións citadas e demais de pertinente aplicación

Decido que, estimando integramente a demanda presentada pola procuradora Marta María Ferradáns Padín, en nome e representación de Gabriela Pérez Taboada, fronte a Jason Johan Díaz Caserza, acordo a adopción das seguintes medidas reguladoras da garda e custodia da menor Vienna María Díaz Pérez, así como a súa pensión de alimentos:

1º. A titularidade e exercicio da patria potestade será compartida entre ambos os proxenitores.

Este exercicio conxunto supón que as decisións importantes relativas á menor serán adoptadas por ambos os proxenitores de mutuo acordo e, en caso de discrepancia, resolveranse polo artigo 156 do CC. Deben comunicarse todo aquilo que, dado o interese prioritario, deban coñecer os pais. A título indicativo, son decisións incluídas na patria potestade: o cambio de domicilio dos menores fóra do municipio de residencia habitual e traslado ao estranxeiro; elección inicial ou cambio de centro escolar; as actividades extraescolares ou complementarias; celebracións sociais e relixiosas de relevancia; actos médicos non urxentes que supoñan intervención cirúrxica ou tratamento médico non habitual, tanto se entraña gasto coma se está cuberto por algún seguro. O proxenitor que nese momento se encontre en compañía da filla poderá adoptar decisións respecto a ela sen consulta previa nos casos en que exista unha situación de urxencia ou naquelas decisións diarias, pouco transcendentes ou rutineiras que no normal transcorrer da vida cun menor poidan producirse.

2º. Atribúese a garda e custodia da menor Vienna María Díaz Pérez á nai, Gabriela Pérez Taboada.

3º. Recoñécese o seguinte réxime de visitas a favor de Jason Johan Díaz Caserza. Poderá ter a súa filla menor na súa compañía:

– Ata que a menor faga 5 anos, o pai poderá estar en compañía da súa filla en fins de semana alternas (contados desde a notificación da presente sentenza), desde o sábado pola mañá ás 12.00 horas ata o mesmo sábado ás 18.00 horas, entregando á menor no domicilio materno, sen dereito a pernoita. Así mesmo, terá dereito a estar en compañía da menor o domingo pola mañá desde as 12.00 horas ata o mesmo domingo ás 18.00 horas, entregando a menor no domicilio materno, sen dereito a pernoita.

– Non obstante, cando a menor faga 5 anos, e se o pai non cumprise co réxime de visitas estipulado ata a idade de 5 anos e non mantivese relación coa menor, establécese como pide o Ministerio Fiscal, se chegada a menor á idade de cinco anos, un réxime transitorio de manter os fins de semana alternos durante 6 meses sen dereito a pernoita, recollendo a menor no domicilio materno o sábado pola mañá ás 12.00 horas ata o mesmo sábado ás 18.00 horas, entregando á menor no domicilio materno, sen dereito a pernoita. Así mesmo, terá dereito a estar en compañía da menor o domingo pola mañá desde as 12.00 horas ata o mesmo domingo ás 18.00 horas entregando a menor no domicilio materno, sen dereito a pernoita. Pasa a rexer tras ese período de 6 meses sen pernoita o réxime ordinario de visitas e vacacións que se estipula no parágrafo seguinte (para menor que fai 5 anos).

– Cando a menor faga 5 anos, e o pai manteña relación coa menor, poderase aplicar este réxime: o pai poderá estar coa filla menor de idade fins de semana alternas nun réxime ordinario de recoller a menor os venres ás 20.00 horas e entregar a menor os domingos ás 20.00 horas, con pernoita, sendo a recollida e entrega no domicilio da menor. Así mesmo, tería dereito a estar coa menor a metade das vacacións de Nadal, os anos pares, a primeira metade, e os impares, a segunda, entendendo que a primeira metade será desde a saída do colexio o día en que rematan as clases ata as 21.00 horas do 30 de decembro e desde esta data ás 21.00 horas ata o día anterior en que comece a menor a súa actividade escolar. A menor será recollida e reintegrada polo pai no domicilio materno. En canto á Semana Santa, entenderanse por vacacións o período comprendido desde o xoves santo ata o luns de pascua (ambos os incluídos), e gozaranas os proxenitores de xeito alternativo, o pai, os anos impares, e a nai, os pares. A menor será recollida ás 18.00 horas do mércores santo e será reintegrada ás 21.00 horas do luns de pascua no domicilio materno. En canto ás vacacións de verán, repartiranse por quincenas os meses de xullo e agosto, podendo gozar do mes completo logo de acordo de ambas as partes. A nai elixirá os anos pares, e o pai, os impares, de maneira que a quen elixa a primeira quincena de xullo seralle adxudicada a primeira quincena de agosto, ou alternativamente, quen elixa a segunda quincena de xullo seralle adxudicada a segunda de agosto, salvo que entre os proxenitores acorden outra repartición. O proxenitor que goce da menor a primeira quincena de calquera destes meses será desde o día 1 ás 10.00 horas, e este deberá entregala ao outro o día 16 do mes correspondente ás 10.00 horas. Cando se trate da segunda quincena, aplicarase o mesmo réxime, cunha excepción, e é que cando corresponda ao pai ter a súa filla a segunda quincena do mes de agosto, este deberá entregala á nai o día 31 do devandito mes ás 20.00 horas. Durante os períodos de vacacións queda en suspenso o réxime de visitas e estadía da menor entre a semana e fins de semanas alternos con cada proxenitor. Con independencia de quen gozase o último período de vacacións de verán, ao proxenitor corresponderalle o réxime de visitas de fin de semana que quedase en suspenso.

Ambos os proxenitores poderán comunicarse coa súa filla cando non a tiveren consigo, por calquera método telemático (teléfono, correo electrónico, videoconferencia etc.) ou correo ordinario, cando o consideren conveniente, en horas oportunas ao normal e cotián desenvolvemento da vida da menor, tendo en conta o seu descanso.

4º. En concepto de alimentos a favor da filla, establécese a obriga do pai de aboar, dentro dos cinco días hábiles de cada mes e na conta que designe a nai, a suma de 200 euros, que serán anualmente actualizados en función das variacións que experimente o IPC ou índice que o substitúa.

Así mesmo, o pai e a nai contribuirán nun 50 % aos gastos extraordinarios que se xeren na vida da menor, diferenciando neste caso entre os necesarios (médicos non cubertos pola Seguridade Social, medicamentos non cubertos, aparellos, lentes...) cuxo aboamento será sen necesidade de autorización previa dada a natureza destes, e os non necesarios (clases extraescolares, viaxes, clases de apoio...) que requirirán o consentimento previo de ambos os proxenitores para ser cubertos, salvo que exista unha urxencia, caso en que deberán poñelos en coñecemento do outro proxenitor inmediatamente.

Non se impoñen as custas do presente procedemento a ningunha das partes.

Notifíquese esta resolución ás partes e ao Ministerio Fiscal. Esta sentenza non é firme. Conforme o disposto no artigo 208.4 da LAC, indícase que contra a presente resolución cabe preparar, no prazo de vinte días, recurso de apelación (arts. 458 e ss. da LAC) ante este tribunal.

Lévese o orixinal ao libro de sentenzas, deixando testemuño suficiente en autos.

Así o acorda, manda e asina, Rosa Lama Marra, xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 de Vilagarcía de Arousa. Dou fe».

E como consecuencia do ignorado paradoiro do demandado, Jason Johan Díaz Caserza, expídese a presente para que sirva de cédula de notificación.

Vilagarcía de Arousa, 19 de xullo de 2016

A letrada da Administración de xustiza