Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 18 de agosto de 2016 Páx. 36703

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 2 de agosto de 2016 pola que se establece o modelo normalizado de solicitude de recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta.

A disposición derradeira primeira do Decreto 269/2008, do 6 de novembro, polo que se aprobou o Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia (DOG núm. 242, do 15 de decembro), así como o artigo 15 deste, estableceron a obriga da consellería competente en materia de xustiza de aprobar, por medio de orde, o modelo normalizado de solicitude do recoñecemento á asistencia xurídica gratuíta.

En desenvolvemento do anterior, publicouse no DOG do 17 de febreiro de 2009 a Orde do 12 de febreiro de 2009 pola que se establecía o indicado modelo normalizado, modificado pola súa vez pola Orde do 21 de marzo de 2012 e posteriormente pola Orde do 24 de outubro de 2013.

Na actualidade, o novo marco normativo motiva a necesidade de aprobar un novo modelo de solicitude de recoñecemento do dereito normalizado.

Así, por unha banda, a Lei 42/2015, do 5 de outubro, de reforma da Lei 1/2000, do 7 de xaneiro, de axuizamento civil, na súa disposición derradeira terceira modificou algúns aspectos da Lei 1/1996, do 10 de xaneiro, de asistencia xurídica gratuíta, entre eles a equiparación da parella de feito ao/á cónxuxe e a prestación do seu consentimento para a consulta telemática que permita a comprobación da súa situación económica e patrimonial, así como o concepto de unidade familiar.

Por outra banda, a Lei orgánica 13/2015, do 5 de outubro, de modificación da Lei de axuizamento criminal, eliminou o termo «imputado», que foi substituído por «investigado» ou «encausado».

Todo isto aconsella a aprobación dun novo modelo normalizado de solicitude de recoñecemento do dereito, co fin de axustalo á normativa vixente, polo que se deixan sen efecto os aprobados con anterioridade.

De acordo co anterior, en virtude da autorización conferida na disposición derradeira primeira do Decreto 269/2008, e tras informe favorable da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa,

DISPOÑO:

Artigo primeiro. Aprobación do modelo de solicitude

Aprobar mediante a presente orde o modelo normalizado de solicitude do recoñecemento do dereito á asistencia xurídica gratuíta, que figura como anexo I, de acordo co disposto no artigo 15 do Regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galicia.

Artigo segundo. Presentación da solicitude

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia.

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo terceiro. Documentación

Xunto coa solicitude, a persoa interesada deberá presentar a documentación que figura no anexo I.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia cos seus orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

Artigo cuarto. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta norma, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo quinto. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación deste procedemento cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», dado de alta na Axencia Española de Protección de Datos, co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza mediante o envío dunha comunicación ao enderezo de San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a cpapx@xunta.es.

Artigo sexto. Modelos normalizados

A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional. Modificacións e actualizacións futuras

Co obxectivo de manter adaptados á normativa vixente os formularios vinculados a normas reguladoras de procedementos administrativos de prazo aberto, estes poderán ser actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia sen necesidade de publicalos novamente no Diario Oficial de Galicia, sempre que a modificación ou actualización non supoña unha modificación substancial destes. Por conseguinte, para a presentación das solicitudes será necesario utilizar os formularios normalizados, dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente actualizados e accesibles para as persoas interesadas.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 12 de febreiro de 2009 pola que se establece o modelo normalizado de solicitude de recoñecemento á asistencia xurídica gratuíta, así como ás súas modificacións posteriores.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor aos 20 días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file