Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Xoves, 18 de agosto de 2016 Páx. 36693

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 107/2016, do 4 de agosto, polo que se crea a Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago.

O Camiño de Santiago desenvolvido desde o descubrimento da tumba do Apostolo Santiago no Finisterrae Atlántico de Galicia supuxo a aparición dun constante fluxo de peregrinos e peregrinas que, no seu itinerario cara a Santiago de Compostela, van construíndo unha cultura común europea ao longo de máis de mil anos de historia en común.

Nas últimas décadas este Camiño Xacobeo experimentou unha extraordinaria revitalización, vivindo un novo tempo de peregrinación, de intercambio de ideas, de culturas e de nacionalidades, que converten o Camiño de Santiago nun elemento referencial de Galicia.

A protección legal ao Camiño de Santiago comezou coa declaración do chamado Camiño Francés, como conxunto histórico-artístico, a través do Decreto 2224/1962, do 5 de setembro.

A Comunidade Autónoma de Galicia recoñeceuno como un ben patrimonial protexido por medio da Lei 3/1996, do 10 de maio, de protección dos camiños de Santiago, que establece a condición de territorio histórico catalogado ás outras sete rutas de peregrinación en Galicia.

Posteriormente, a Xunta de Galicia realizou a delimitación dos camiños Francés, Norte, Primitivo e Inglés para garantir a súa protección.

As institucións europeas, asumindo esta herdanza, mostraron unha gran sensibilidade cara ao Camiño de Santiago. Así, o Consello de Europa distinguiu o Camiño como Primeiro Itinerario Cultural en 1987 e concedeulle en 2004 a categoría de Grande Itinerario Cultural.

Ese mesmo ano recibiu o Premio Príncipe de Asturias da Concordia por ser, segundo afirmou a súa alteza real, un «lugar de peregrinación e de encontro entre persoas e pobos, que, a través dos séculos, se converteu en símbolo de fraternidade, que vertebra a conciencia europea».

Tamén a Unesco distinguiu o Camiño de Santiago Francés como ben integrante do Patrimonio Mundial en 1993. Esta declaración foi ampliada en 2015 aos Camiños do Norte de España.

O Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, sinala que corresponde a esta consellería, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, entre outras competencias, a conservación e recuperación dos camiños de Santiago, así como a elaboración de anteproxectos normativos que os afecten.

Pola súa parte, a Axencia Turismo de Galicia créase como axencia pública autonómica, co obxectivo de impulsar, coordinar e xestionar a política autonómica en materia de turismo e, en especial, a promoción e ordenación do turismo dentro da comunidade e tamén da conservación e promoción dos camiños de Santiago, de conformidade co disposto polo artigo 1 do Decreto 196/2012, do 27 de setembro, polo que se crea a Axencia de Turismo de Galicia e se aproban os seus estatutos.

No artigo 9 dos estatutos da Axencia Turismo de Galicia establécese que, entre as súas competencias, directamente ou a través da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, exerce a dirección e coordinación das actuacións relacionadas coa posta en valor cultural e turístico do Camiño de Santiago, a súa promoción, a xestión da imaxe corporativa do Xacobeo e da rede de albergues, e o mantemento e conservación dos camiños e a súa sinalización, así como calquera outra acción que redunde en beneficio do Camiño de Santiago.

Para a xestión integral do Camiño de Santiago, o Consello da Xunta de Galicia do 24 de setembro de 2015 aprobou o Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021. Con este plan avánzase no proceso de ordenación, regulación e posta en valor dun dos maiores símbolos de Galicia, as rutas xacobeas, tendo sempre como horizonte o Ano Santo 2021.

O Plan director formula tres obxectivos básicos na xestión do Camiño de Santiago: protexer e preservar o Camiño, lograr que a peregrinación sexa unha experiencia de calidade e adaptada ao peregrino e á peregrina do século XXI e fomentar a cohesión social e o equilibrio territorial.

A primeira das oito liñas estratéxicas deste Plan director establece como unha das medidas prioritarias: a coordinación e complementariedade entre as actuacións relativas á identificación, protección, xestión, promoción e divulgación do Camiño de Santiago que levan a cabo os diferentes departamentos da Xunta de Galicia, mediante un órgano específico de coordinación.

Na primeira acción a impulsar establécese a creación dunha Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago. Esta comisión está chamada a ser o instrumento idóneo para facer cumprir os obxectivos establecidos pola Xunta de Galicia no Plan director e estratéxico do Camiño de Santiago 2015-2021 e debe garantir a homoxeneidade e coordinación das accións que, desde a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e do sector público autonómico, se desenvolvan sobre o Camiño de Santiago.

A Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, derroga a Lei 3/1996, do 10 de maio, e integra de xeito coherente a protección dos camiños de Santiago no conxunto da protección do patrimonio cultural e devólvelles o protagonismo aos concellos tamén neste ámbito tan significativo para o país. Esta lei regula un total de nove rutas que conforman os camiños de Santiago. Así mesmo, na súa disposición adicional décimo segunda establece o recoñecemento como Camiño de Santiago da denominada Ruta da Translatio, pola Ruta Xacobea do Mar de Arousa e Río Ulla.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e tras a deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de agosto de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Este decreto ten por obxecto a creación, composición, funcións e réxime de funcionamento da Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago.

2. A Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago é o órgano de coordinación das actuacións sectoriais dos distintos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito relacionado co Camiño de Santiago.

Artigo 2. Adscrición

A Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago estará adscrita á Axencia Turismo de Galicia.

Artigo 3. Réxime xurídico

A Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago rexerase polo disposto para os órganos colexiados na normativa reguladora do réxime xurídico do sector público; na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, neste decreto e, se é o caso, polo seu regulamento interno de funcionamento.

Artigo 4. Funcións

Son funcións da Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago:

a) Coñecer as liñas de actuación dos diferentes sectores ou ámbitos da Administración autonómica que permitan avanzar na xestión dos camiños de Santiago de forma conxunta e homoxénea.

b) Coordinar, fomentar e impulsar as actuacións dos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con repercusión sobre os camiños de Santiago, sen prexuízo do exercicio das competencias propias de cada departamento.

c) Informe, seguimento e avaliación das estratexias, plans, políticas e accións dos departamentos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia con repercusión directa e indirecta sobre os camiños de Santiago.

d) Propoñer as medidas necesarias para homoxeneización, desenvolvemento e aplicación da normativa vixente en relación cos camiños de Santiago, así como coñecer sobre as propostas normativas que os afecten.

e) Elaborar propostas para a súa elevación ás distintas administracións públicas en relación coa situación e problemática dos camiños de Santiago.

f) Aprobar un informe anual sobre a situación dos camiños de Santiago.

g) Calquera outra competencia e función relacionada co seu ámbito de actuación ou que lle sexa atribuída pola normativa vixente, así como as que lle encomende o Consello da Xunta e as que lle deleguen os órganos con competencia na materia.

Artigo 5. Composición

1. A Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago terá a seguinte composición:

a) Presidencia: correspóndelle a Presidencia da Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago á persoa titular da Presidencia da Xunta de Galicia.

b) Dúas vicepresidencias: a Vicepresidencia primeira corresponderalle a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia e a Vicepresidencia segunda corresponderalle á persoa titular da consellería competente en materia de patrimonio cultural.

c) Vogais: as persoas titulares de cada unha das consellerías da Xunta de Galicia, a persoa titular da Secretaría Xeral da Presidencia, e a persoa titular da Dirección-Xerencia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

d) Secretaría: a persoa que ocupe a Xerencia da Axencia Turismo de Galicia, que actuará con voz pero sen voto.

2. En caso de ausencia ou enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada, os/as vogais serán substituídos/as polas persoas suplentes designadas polos/as titulares. O/a secretario/a poderá ser substituído/a pola persoa suplente que se designe, por acordo do propio Pleno.

3. Na composición da Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago procurarase conseguir unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

Artigo 6. Presidencia

Son funcións da Presidencia da Comisión:

a) Exercer a superior representación da Comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias da Comisión, presidilas, levantalas e moderar o desenvolvemento dos debates.

c) Establecer a orde do día das sesións.

d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adoptar acordos.

e) Visar as actas e certificacións dos acordos da Comisión.

f) Exercer cantas funcións sexan inherentes á Presidencia do órgano colexiado.

Artigo 7. Vicepresidencias

Correspóndelles ás persoas que desempeñen as vicepresidencias e por orden de prelación:

a) Substituír a persoa que desempeña a Presidencia na totalidade das súas atribucións, nos casos de vacante, enfermidade, ausencia ou outra causa legal.

b) Exercer as funcións intrínsecas á súa condición de membro da Comisión, con dereito a voto.

c) Cantas outras funcións expresamente lle sexan delegadas pola Presidencia.

d) Asistir á Presidencia nas correspondentes sesións da Comisión.

Artigo 8. Vogais

Correspóndelles ás persoas que desempeñen as vogalías:

a) Asistir ás reunións e participar nos debates, expoñendo a súa opinión e formulando as propostas que consideren pertinentes.

b) Exercer o seu dereito ao voto e formular o seu voto particular, así como expresar o sentido do seu voto e os motivos que o xustifican.

c) Propoñer á Presidencia, a través da Secretaría da Comisión, a inclusión de puntos na orde do día das sesións ordinarias.

d) Solicitar e obter a información necesaria para cumprir debidamente as funcións asignadas á Comisión. Para os efectos anteriores deberán formular, por escrito, a petición correspondente dirixida á Secretaría da Comisión.

e) Formular suxestións, rogos e preguntas.

f) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de vogais.

Artigo 9. Secretaría

Son funciones do/da secretario/a da Comisión:

a) Asistir ás reunións con voz e sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións da Comisión por orde da persoa que desempeñe a Presidencia, así como as citacións aos membros desta.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros co órgano e, polo tanto, as notificacións, peticións de datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos dos cales deba ter coñecemento.

d) Preparar o despacho dos asuntos e levantar a acta das sesións do Pleno.

e) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

f) Coordinar as tarefas das subcomisións específicas que se poidan constituír.

g) Aquelas que sexan inherentes á Secretaría da Comisión.

Artigo 10. Funcionamento

1. A Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago funcionará en pleno, en comisión permanente ou en subcomisións específicas.

2. Para a válida constitución da Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago, en pleno, en comisión permanente ou en subcomisións específicas, para os efectos da celebración de sesións, deliberacións e toma de acordos, requirirase a presenza da persoa que desempeñe a Presidencia e da persoa que desempeñe a Secretaría ou das persoas que as substitúan, e da metade, polo menos, dos seus membros, en primeira convocatoria, e dunha terceira parte dos seus membros en segunda convocatoria.

Artigo 11. Pleno

1. Ao Pleno da Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago, coa composición establecida no artigo 5 do decreto, corresponderanlle as funcións propias da Comisión establecidas no artigo 4, sen prexuízo da súa posible delegación na Comisión Permanente.

2. O Pleno da Comisión reunirase, con carácter ordinario, polo menos, unha vez ao ano e, con carácter extraordinario, cando sexa convocado pola persoa que desempeñe a Secretaría, por acordo da persoa que desempeñe a Presidencia.

3. Os acordos adoptaranse por maioría simple de votos. A persoa que desempeñe a Presidencia, en caso de empate, terá voto de calidade.

4. Ademais dos membros da Comisión, poderán asistir ás sesións do Pleno, logo de convite da persoa que desempeñe a Presidencia, con voz pero sen voto, as persoas titulares das alcaldías e das presidencias das deputacións dos municipios e provincias polos que discorren os camiños de Santiago, así como outras persoas de recoñecida competencia profesional nos asuntos que vaian tratarse.

5. As convocatorias do Pleno, tanto ordinarias coma extraordinarias, realizaranse, polo menos, con dez días de antelación. Á convocatoria achegarase a orde do día dos temas que se van tratar e a documentación necesaria que a acompañe.

6. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

7. Quen acredite a titularidade dun interese lexítimo poderá dirixirse ao/á secretario/a dun órgano colexiado para que lle sexa expedida certificación dos seus acordos.

Artigo 12. Comisión Permanente

1. A Comisión Permanente terá a seguinte composición:

a) Presidencia: a persoa titular da Dirección da Axencia Turismo de Galicia.

b) Dúas vicepresidencias: a Vicepresidencia primeira corresponderalle a unha persoa designada pola consellería competente en materia de patrimonio cultural, e a Vicepresidencia segunda corresponderalle a persoa titular da Dirección-Xerencia da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo.

c) Vogais: unha persoa en representación da Presidencia da Xunta e unha persoa en representación de cada unha das consellerías.

d) Secretaría: a persoa que ocupe a Xerencia da Axencia Turismo de Galicia, que actuará con voz pero sen voto.

2. Á Comisión Permanente corresponderalle preparar as reunións do Pleno, así como todas aquelas funcións que lle sexan delegadas por aquel.

No caso de exercer competencias por delegación do Pleno, a Comisión Permanente reunirase, con carácter ordinario, polo menos unha vez ao semestre e, con carácter extraordinario, cando sexa convocado pola persoa que desempeñe a Secretaría, por acordo da persoa que desempeñe a Presidencia.

3. A Comisión Permanente dará conta ao Pleno das actuacións derivadas do exercicio das competencias que teña delegadas, a través dun informe que lle elevará anualmente.

4. As convocatorias da Comisión Permanente, tanto ordinarias coma extraordinarias, realizaranse polo menos, con tres días de antelación. Á convocatoria achegarase a orde do día dos temas que se van tratar e a documentación necesaria que a acompañe.

5. Seralle aplicable á Comisión Permanente o disposto nos números 3, 4, 6 e 7 do artigo 11 do decreto.

Artigo 13. Subcomisións específicas

1. O Pleno e a Comisión Permanente poderán acordar a constitución de subcomisións específicas que elaboren estudos ou informes sobre asuntos encomendados polo Pleno ou pola Comisión Permanente.

2. O acordo de constitución determinará o seu labor, composición, así como a súa forma de funcionamento e ámbito temporal.

3. O traballo das subcomisións culminará nun informe, que incluirá propostas de actuación e que se elevará ao Pleno ou a Comisión Permanente, segundo o órgano que acordase a súa constitución, para o seu debate e votación.

4. No caso de que a constitución das subcomisións específicas fose acordada pola Comisión Permanente, esta dará conta ao Pleno no informe establecido no número 3.

Artigo 14. Duración do mandato

Os membros da Comisión manterán a condición de membro por razón do seu cargo.

Artigo 15. Retribucións

Os servizos que presten os membros da Comisión non xerarán dereitos laborais nin económicos para ningún dos seus membros.

Disposición adicional única. Gastos de funcionamento

As actuacións da Comisión Interdepartamental do Camiño de Santiago non xerarán incremento das consignacións orzamentarias da Axencia Turismo de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa

Facúltaselle a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para ditar cantas disposicións sexan necesarias para a execución e desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, catro de agosto de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza