Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 20 de xullo de 2016 Páx. 31511

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

ORDE do 10 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

O Programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) pretende dinamizar a vocación emprendedora da comunidade universitaria e aproveitar o potencial empresarial das persoas dedicadas á investigación e das persoas con amplos coñecementos das novas tecnoloxías, así como impulsar a transformación do coñecemento creado nas universidades e nos centros de investigación en proxectos xeradores de riqueza e de emprego.

A estrutura normativa do programa das IEBT desenvólvese no Decreto 56/2007, do 15 de marzo (DOG nº 65, do 2 de abril), polo que se establece un programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica e se regulan os instrumentos e mecanismos de apoio e de avaliación técnica, así como os requisitos e condicións que deben reunir os proxectos e o procedemento para a súa cualificación e inscrición no rexistro de IEBT.

Na presente orde fíxanse as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica e establécese un procedemento de concesión que non ten a consideración de concorrencia competitiva dado que, de acordo coa finalidade e co obxecto do programa regulado polo citado Decreto 56/2007, en que se establece un programa de apoio e se regula a cualificación de empresas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) a través dun procedemento que require, entre outros, a análise da viabilidade dos proxectos empresariais, non resulta necesario realizar, nun único procedemento, a comparación e prelación das solicitudes presentadas senón que a concesión das axudas se realiza pola comprobación da concorrencia na empresa, previamente cualificada como IEBT, dos requisitos establecidos e ata o esgotamento do crédito orzamentario.

A Comunidade Autónoma galega considera de importancia o retorno e a incorporación laboral da súa poboación no exterior, polo que nesta liña se pretende tamén chegar á poboación galega, laboralmente activa, que reside fóra de Galicia.

De acordo co disposto no Decreto 116/2015, do 4 de outubro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, correspóndelle á Consellería de Economía, Emprego e Industria o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Este programa está cofinanciado polo Fondo Social Europeo nunha porcentaxe do 80 % a través do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, encadrándose nos obxectivos que teñen por obxecto diminuír as taxas de desemprego así como fomentar o espírito empresarial e as competencias emprendedoras incrementando o número de empresas e iniciativas de traballo por conta propia.

De acordo co establecido no artigo 14 do Regulamento (UE) nº 1304/2013, incorpórase o establecemento de métodos de custo simplificados para o cálculo dos custos subvencionables nalgunha das modalidades de axuda obxecto desta convocatoria.

Consecuentemente con todo o anterior, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, logo do informe da Asesoría Xurídica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos, da Dirección Xeral de Proxectos e Fondos Europeos, da Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e da Intervención Delegada, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1. Obxecto, finalidade e principios de xestión

1. Coa finalidade de impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia, esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2016 do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica.

2. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

3. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións, e o seu Regulamento de desenvolvemento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo; no Decreto 56/2007, do 15 de marzo, polo que se establece un Programa de apoio ás iniciativas de emprego de base tecnolóxica e ao disposto nesta orde.

4. Por tratarse de subvencións cofinanciadas polo Fondo Social Europeo serán de aplicación o Regulamento (CE) 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao Fondo Social Europeo (DOUE L 341, do 20 de decembro de 2013), o Regulamento (UE) nº 1303/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen as disposicións comúns relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola e de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e polo que se establecen disposicións xerais relativas ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, ao Fondo Social Europeo e ao Fondo de Cohesión, ao Fondo Europeo Agrícola e de Desenvolvemento Rural e ao Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e se derroga o Regulamento (CE) nº 1083/2006, así como a normativa estatal de subvencionalidade dos gastos para o período 2014-2020.

Artigo 2. Orzamentos

1. A concesión das axudas e subvencións previstas para o ano 2016 nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario. Se é o caso, e de acordo co disposto no artigo 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, publicarase mediante resolución do/da secretario/a xeral de Emprego o esgotamento das partidas orzamentarias asignadas. Se o orzamento establecido para esta axuda non é suficiente para proceder ao pagamento de todas as axudas solicitadas, aplicarase como criterio de prioridade a data de presentación. Para estes efectos, terase en conta a data en que a correspondente solicitude se presentase nalgún dos lugares previstos no artigo 10.1 desta orde. No caso de coincidencia na data de presentación entre dúas ou máis solicitudes presentadas en rexistros diferentes, a orde de prioridade virá determinada pola hora.

2. No exercicio económico 2016 as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.40.322C.472.1, código de proxecto 2015 00565, cun crédito de 736.337 euros. Estas contías están recollidas na Lei 12/2015, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2016.

3. Estes créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas do emprego de acordo coas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Poderá ampliarse a contía máxima dos créditos dispoñibles para esta convocatoria. O incremento do crédito estará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia dunha xeración, ampliación, ou incorporación de crédito, da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.

4. Estas axudas son financiables polo FSE ao 80 % no programa operativo FSE Galicia 2014-2020 e encádranse nos obxectivos seguintes:

– Obxectivo temático 08: promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral.

– Prioridade de investimento 8.3: o traballo por conta propia, o espírito emprendedor e a creación de empresas, incluídas as microempresas e as pequenas e medianas empresas innovadoras.

– Obxectivo específico 8.3.1: aumentar as competencias emprendedoras e incrementar o número de empresas e iniciativas de traballo por conta propia sustentables creadas facilitando o seu financiamento mellorando a calidade e eficiencia dos servizos de apoio e consolidación.

Artigo 3. Entidades beneficiarias

1. Poderán ser entidades beneficiarias dos incentivos previstos nesta orde as empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

2. Para poder acceder ás distintas liñas de axudas desta orde deberase crear emprego estable para persoas desempregadas.

3. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Ser condenadas mediante sentenza firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións ou axudas públicas.

b) Solicitar a declaración de concurso, ser declarados insolventes en calquera procedemento, acharse declarados en concurso, estar suxeitos a intervención xudicial ou ser inhabilitados conforme a Lei concursal sen que conclúa o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.

c) Dar lugar, por causa da que fosen declarados culpables, á resolución firme de calquera contrato subscrito coa Administración.

d) Estar incursa a persoa física, os administradores das sociedades mercantís ou aqueles que exerzan a representación legal doutras persoas xurídicas nalgún dos supostos de incompatibilidades que estableza a normativa vixente.

e) Non acharse ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou ter pendente de pagamento algunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma nos termos regulamentariamente establecidos.

f) Ter a residencia fiscal nun país ou territorio cualificado regulamentariamente como paraíso fiscal.

g) Non acharse ao día de pagamento de obrigas por reintegro de subvencións nos termos regulamentariamente establecidos.

h) Ser sancionado mediante resolución firme coa perda da posibilidade de obter subvencións segundo a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou a Lei xeral tributaria.

4. Non poderán obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido no artigo 46.2 do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.

5. A xustificación por parte das persoas ou entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións para obter a condición de beneficiario realizarase mediante declaración responsable.

Artigo 4. Definicións

1. Constitución da empresa: entenderase que unha empresa está constituída desde o momento da súa inscrición no correspondente rexistro mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas. No caso de empresaria ou empresario individual, cando cause alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

2. Inicio da actividade empresarial: entenderase que unha empresa inicia a súa actividade produtiva desde a data de alta no imposto de actividades económicas, ou ben desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

3. Persoa desempregada: para os efectos das axudas recollidas nesta orde, terá a consideración de persoa desempregada aquela que figure inscrita como demandante de emprego no Servizo Público de Emprego e, pola súa vez, careza de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

A comprobación da inscrición no Servizo Público de Emprego como demandante de emprego na data de solicitude de alta na Seguridade Social realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

Así mesmo, o órgano xestor comprobará directamente que a persoa traballadora pola que se solicita subvención carece de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

Estas comprobacións incorporaranse ao expediente.

4. Mozo desempregado e moza desempregada: as persoas desempregadas de menos de 30 anos de idade no momento da súa contratación e que non estean inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

5. Empregos subvencionables: os postos de traballo creados de carácter estable e que sexan ocupados por persoas desempregadas que non estean inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil.

Nos postos de traballo creados e polos cales se solicite subvención deberá existir correspondencia entre a categoría da titulación académica de tipo profesional que posúa a persoa contratada e a categoría profesional pola que se contrata.

As contratacións indefinidas, para poderen ser obxecto de subvención deberán formalizarse e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

6. Ámbito temporal de aplicación das subvencións: as axudas destínanse a sufragar as accións, gastos e pagamentos establecidos en cadansúa modalidade, que se produzan e realicen entre o 1 de outubro de 2014 e o 30 de setembro de 2016, dentro do período dun ano desde o inicio da actividade da empresa, coas particularidades que se establezan nesta orde para cadansúa modalidade.

CAPÍTULO II
Modalidades de axuda

Artigo 5. Tipos de axuda

As empresas cualificadas como IEBT poderán solicitar as seguintes modalidades de axudas:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

c) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

Artigo 6. Subvención á creación directa de emprego estable

1. Os postos de traballo estables de carácter indefinido, incluídos os dos propios promotores e promotoras, creados nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia antes de transcorrer un ano desde a data de inicio da actividade e que sexan ocupados por persoas desempregadas, incentivarase cada un deles cunha subvención de:

a) 6.000 euros se son homes desempregados.

b) 6.600 euros se son mulleres desempregadas.

c) 7.000 euros se son mozos desempregados.

d) 7.600 euros se son mozas desempregadas.

e) 8.000 euros se son titulados universitarios desempregados.

f) 8.600 euros se son tituladas universitarias desempregadas.

g) 9.000 euros se son persoas desempregadas que posúan o título de doutor ou doutora.

2. É requisito para poder ser beneficiario desta subvención que o cadro de persoal no mes en que se proceda á primeira contratación por conta allea deberá estar constituído, como mínimo, nun 25 % por persoas con titulación universitaria.

3. Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, na súa falta, da xornada ordinaria legal.

4. Cando a dedicación inicial se realice a tempo parcial e se transforme a tempo completo, a empresa poderá solicitar a diferenza entre a contía que se percibiu inicialmente e a que corresponde por dedicación a tempo completo, sempre que a dita modificación se produza dentro do primeiro ano de actividade.

5. Non se concederá esta axuda cando se trate de persoas traballadoras que prestasen servizos na mesma empresa en virtude dun contrato de carácter temporal.

6. Esta subvención será compatible, se é o caso, coas bonificacións á Seguridade Social previstas na normativa estatal, sen que ambos os dous beneficios poidan superar o 60 % do custo salarial de dúas anualidades correspondentes ao contrato obxecto de subvención.

7. Serán subvencionables os postos de traballo estables creados entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de setembro de 2016 dentro do primeiro ano de actividade da empresa, sempre que permaneza vixente a contratación no momento da súa solicitude.

8. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 10.6 desta orde.

Artigo 7. Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación

1. As contratacións temporais de persoal técnico de alta cualificación realizadas para prestar servizos nun centro de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia antes de que transcorra un ano desde a data de inicio da actividade serán subvencionadas na contía resultante de multiplicar o custo bruto salarial medio mensual de un contrato temporal segundo os datos da última EPA publicados (1.462,82 €), polo número de meses de duración do contrato temporal que se subvenciona.

O período subvencionable será, como máximo, dun ano, e para acceder a esta axuda o experto técnico de alta cualificación contratado deberá estar en posesión dun título universitario.

2. Quedan excluídas desta modalidade de axuda as contratacións realizadas cos titulares ou socios e socias da empresa cualificada como iniciativa de base tecnolóxica, así como do cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive da persoa empresaria ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estas persoas citadas. Non será de aplicación esta exclusión cando a persoa empregadora sexa unha persoa traballadora autónoma que contrate por conta allea os fillos e fillas menores de trinta anos, tanto se conviven ou non con ela, ou cando se trate dunha persoa traballadora autónoma sen asalariados, e contrate un só familiar menor de corenta e cinco anos, que non conviva no seu fogar nin estea ao seu cargo. Así mesmo, quedan excluídos desta subvención os contratos formativos.

3. Esta subvención terá como límite máximo, por todas as contratacións, a contía de 18.000 euros, e estará condicionada á xustificación pola empresa de que, coas contratacións obxecto de subvención, se suplan carencias ben identificadas para o desenvolvemento da actividade empresarial e o bo fin dela.

4. Serán subvencionables as contratacións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de setembro de 2016.

5. As solicitudes deberán presentarse no prazo xeral establecido no artigo 10.6 desta orde.

Artigo 8. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade

1. Esta axuda financiará parcialmente os gastos necesarios para o inicio e a posta en marcha da actividade. O importe máximo desta axuda determinarase en atención ao número de postos de traballo estables creados e subvencionados durante o primeiro ano de actividade ao abeiro desta orde de convocatoria, de acordo coa seguinte escala:

– 1 posto de traballo: ata 10.000 euros.

– 2 postos de traballo: ata 18.000 euros.

– A partir de 3 postos de traballo: ata 24.000 euros.

O importe da axuda non poderá superar o custo total dos gastos subvencionables.

2. Esta axuda destinarase a sufragar os gastos necesarios realizados entre o 1 de xaneiro de 2015 e o 30 de setembro de 2016 que se produzan antes de que transcorra un ano desde o inicio da súa actividade e sexan efectivamente xustificados mediante facturas e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento con anterioridade á finalización do período de xustificación establecido na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2016.

3. Os gastos subvencionables serán o arrendamento do local, de maquinaria e de equipamentos informáticos; os gastos do seguro do local, de publicidade e subministracións, excluído o imposto sobre o valor engadido ou, de ser o caso, os impostos indirectos equivalentes cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación. Os gastos poderán ser computados sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante e non sexan emitidas por algunha das persoas promotoras da empresa. Exclúense, así mesmo, os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgunha das persoas promotoras.

4. A solicitude deberá de presentarse respectando o prazo xeral establecido no artigo 10.6 desta orde.

CAPÍTULO III
Competencia e procedemento

Artigo 9. Competencia

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas presentadas ao abeiro desta orde corresponderalle, por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, á persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego.

Artigo 10. Solicitudes e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación presentada conteña erros ou sexa insuficiente, requirirase o solicitante para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fai, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

6. O prazo xeral de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2016.

7. As solicitudes e os seus anexos estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, e na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria: http://traballo.xunta.es

Artigo 11. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a verificación de datos en poder das administracións públicas. Para estes efectos, os modelos de solicitude (anexo I) inclúen a autorización expresa ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberá achegar os documentos comprobantes dos datos nos termos exixidos polas bases reguladoras do procedemento.

2. A presentación da solicitude de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Axencia Tributaria de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento e entón deberá presentar a certificación nos termos previstos regulamentariamente.

3. A comprobación do cumprimento dos requisitos das persoas traballadoras polas que se solicita subvención, previstos no artigo 4.3 desta orde, realizarase mediante a cesión de datos realizada pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social e polo Servizo Público de Emprego de Galicia, de conformidade co previsto no artigo 6.2.b) da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos; nos artigos 11.2 e 21 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal; no artigo 10.4.c) do Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, aprobado polo Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, e nos artigos 14.1.b) e 20.2.e) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. De conformidade co artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e co previsto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá, igualmente, as referidas axudas e as sancións que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade.

Artigo 12. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións administrativas coa cidadanía e entidades», co obxecto de xestionar o presente procedemento, así como informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Economía, Emprego e Industria, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela; ou a través dun correo electrónico a lopd.industria@xunta.es

Artigo 13. Documentación

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir acompañados do orixinal ou da fotocopia compulsada ou cotexada da documentación, común e específica, que se relaciona:

1. Documentación común para todas as modalidades de axuda:

a) No caso de non presentar a autorización para a consulta dos datos de identidade da persoa solicitante e/ou da persoa representante da solicitante no Sistema de verificación de datos de identidade (anexo I), de acordo co disposto no Decreto 255/2008, do 23 de outubro, copia do DNI ou do NIE.

b) Se o solicitante é persoa xurídica, poder suficiente da persoa representante e asinante da solicitude para actuar en nome da entidade e NIF da empresa, no caso de denegar expresamente a súa consulta para a súa verificación a través do servizo de interoperabilidade correspondente no formulario de solicitude.

c) Alta no IAE, unicamente no caso de denegar expresamente a súa consulta na Axencia Estatal da Administración Tributaria (anexo I), ou ben alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. De tratarse de persoa xurídica, escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil ou, se é o caso, no Rexistro de Cooperativas.

d) Memoria económica descritiva do proxecto empresarial asinado polo representante da empresa (anexo VI).

2. Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable:

– Declaración do número de empregos estables creados polos que se solicita subvención, indicando se son ocupados ou non por persoas con titulación universitaria e expresando a data de incorporación efectiva á empresa (anexo II).

– Se a persoa traballadora contratada posúe unha titulación universitaria, certificación académica de terminación dos estudos ou copia cotexada ou compulsada do título universitario no caso de que a persoa traballadora contratada non autorice á súa consulta no anexo VII.

– Declaración da empresa en que se faga constar os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo II).

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación:

– Memoria descritiva da necesidade da contratación dos técnicos de alta cualificación, número, perfís profesionais e funcións que van realizar en relación coas categorías profesionais polas que son contratadas.

– Certificación académica de terminación dos estudos ou copia cotexada ou compulsada do título universitario, no caso de que a persoa traballadora contratada non autorice a súa consulta no anexo VII.

– Declaración da empresa en que se fagan constar os custos salariais totais anuais de cada persoa traballadora pola que se solicita subvención (anexo II).

c) Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

– Memoria descritiva da actividade e relación detallada dos gastos necesarios para o inicio e posta en marcha da actividade, con indicación daqueles aos que se vai destinar a subvención.

– Listaxe asinada coa relación dos gastos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas xustificativas do gasto realizado e da axuda solicitada (anexo IV).

– Facturas e, no caso de estar efectivamente pagadas, o seu correspondente xustificante bancario de pagamento ou, na súa falta, facturas pro forma ou orzamentos expedidos polos provedores e acredores dos gastos necesarios para o inicio da actividade que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

– Declaración do número de postos de traballo estables creados e relación nominal das persoas que os ocupen, con indicación daqueles que hai que ter en conta para o cálculo da subvención (anexo II).

3. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta orde, salvo que estes xa estivesen en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación, ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 14. Procedemento de concesión, instrución e tramitación

1. O procedemento de concesión das solicitudes presentadas ao abeiro desta orde axustarase ao disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, dado que polo obxecto e finalidade da subvención non resulta necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento.

2. O órgano instrutor dos expedientes será o Servizo de Emprego por Conta Allea da Secretaría Xeral de Emprego.

3. Se a solicitude non estiver debidamente cuberta ou non se presentar a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán a persoa ou entidade interesada para que, nun prazo máximo e improrrogable de dez (10) días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixer, se considerará desistida da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 15. Resolución e recursos

1. Logo da fiscalización pola intervención das propostas emitidas polo dito servizo, as resolucións serán ditadas pola Secretaría Xeral de Emprego por delegación da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e deberán serlles notificadas ás persoas ou entidades interesadas. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver e notificar será de catro meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen se ditar a resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Notificada a resolución polo órgano competente, as entidades propostas como beneficiarias disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación; transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

4. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5. Por estar a axuda cofinanciada polo Fondo Social Europeo, na resolución de concesión informaráselle á persoa beneficiaria que a aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública de operacións cos nomes dos ou das beneficiarias, no suposto de ser entidades xurídicas, así como a outra información contemplada no anexo XII do Regulamento (UE) 1303/2013 en relación co artigo 115.2.

6. Na notificación da resolución da subvención comunicarase ao beneficiario o financiamento con cargo ao Fondo Social Europeo con concreción do eixe, obxectivo temático, prioridade de investimento, obxectivo específico e porcentaxe de cofinanciación de que se trate. Así mesmo, na resolución de concesión que se notifique aos beneficiarios estableceranse as condicións da axuda derivadas da aceptación da subvención a que quedan sometidos os beneficiarios, en especial, os requisitos específicos relativos aos produtos ou servizos que deban obterse con ela, o plan financeiro e o calendario de execución.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

1. A determinación dos gastos subvencionables realizarase conforme o establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En todo caso, nas axudas desta orde respectaranse as condicións da normativa estatal en materia de subvencionalidade dos gastos cofinanciados polo FSE.

3. Considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación. O pagamento dos gastos xustificativos deste programa deberase ter realizado antes de transcorrido un ano desde o inicio da actividade da empresa e, en todo caso, antes do 20 de decembro de 2016. Só se admitirá como documentación xustificativa do pagamento a transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto bancario de pagamento. Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento. Non se admitirán os pagamentos en efectivo. Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados polo entidade bancaria.

As facturas deberán cumprir os requisitos establecidos no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

4. As persoas beneficiarias deberán presentar a documentación xustificativa para o pagamento no prazo sinalado na resolución de concesión ou, de ser o caso, ata o 20 de decembro de 2016.

5. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se sinale na resolución de concesión, da documentación común e específica que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a seguinte:

A) Documentación xeral para todos os tipos de axuda:

– Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da actividade para a cal se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda.

– Declaración complementaria da establecida no anexo I desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou doutros entes públicos, ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas e subvencións, así como unha declaración das axudas de minimis obtidas no exercicio corrente e nos dous anteriores (anexo III).

– Información dos indicadores de execución sobre as entidades e os participantes a que se refire o anexo I do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello do 17 de setembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo, de acordo co modelo que estará dispoñible na páxina web da Consellería de Economía, Emprego e Industria: http://traballo.xunta.es

B) Documentación específica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable:

– Última nómina aboada a cada persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, agás os postos de traballo pertencentes ao réxime especial de traballadores autónomos.

– Cumprimento por parte da empresa da obriga de informar as persoas traballadoras acerca do financiamento comunitario da subvención dos seus contratos (anexo V).

– Extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada da subvención correspondente ou declaración de contabilidade separada. Os documentos que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizou, as datas e os números dos asentos contables, e indicación específica do seu financiamento polo Fondo Social Europeo.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

As actuacións correspondentes a esta modalidade xustificaranse a través da modalidade de custos simplificados previstas nos artigos 67.1.b) e 67.5.a).i) do Regulamento (UE) 1303/2013 e no artigo 14 do Regulamento (UE) 1304/2013, segundo a fórmula establecida no artigo 7 desta orde.

A comprobación dos datos relacionados coa efectiva realización e finalización destas contratacións no Servizo Público de Emprego realizaraa directamente o órgano xestor das axudas.

– Cumprimento por parte da empresa da obriga de informar os traballadores acerca do financiamento comunitario da subvención dos seus contratos (anexo V).

– Extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada da subvención correspondente ou declaración de contabilidade separada. Os documentos que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizou, as datas e os números dos asentos contables, e indicación específica do seu financiamento polo Fondo Social Europeo.

c) Axuda para o inicio e posta en marcha do proxecto empresarial.

– Listaxe asinada coa relación dos investimentos e pagamentos realizados, indicando o importe de cada un, a suma total, a referencia e a descrición das facturas e demais documentos xustificativos do investimento realizado e da axuda concedida, segundo o modelo do anexo IV desta orde.

– Facturas xustificativas da realización do investimento e documento bancario acreditativo do seu pagamento.

– Extracto do balance provisional contable da entidade beneficiaria, asinado e selado, que permita verificar a contabilidade separada dos gastos subvencionados e a subvención concedida ou declaración de contabilidade separada. Os documentos que se acheguen deben incluír as contas ou as subcontas en que se contabilizaron, as datas e os números dos asentos contables, e indicación específica do seu financiamento polo Fondo Social Europeo.

6. Cando concorran varias modalidades de axudas, só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente tanto na fase de solicitude coma na de xustificación do pagamento.

7. Non poderá realizarse o pagamento da subvención en canto a persoa ou entidade beneficiaria non se ache ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e fronte á Seguridade Social ou teña algunha débeda por calquera concepto pendente de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma ou sexa debedor en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro.

CAPÍTULO IV
Incompatibilidades e obrigas

Artigo 17. Incompatibilidades e concorrencia

1. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles coas axudas establecidas no Programa de promoción do emprego autónomo, no Programa de fomento e consolidación do emprego nas pequenas empresas de nova creación (I+E+E), así como no Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás que se trate da axuda para o acceso á condición de socio ou socia traballador ou traballadora dunha cooperativa de traballo asociado, convocados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria.

2. As subvencións reguladas nesta orde serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. Non obstante, a axuda á creación directa de emprego estable e a subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación serán compatibles, se é o caso, coas bonificacións ou reducións de cotizacións á Seguridade Social.

3. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

4. Non se poderán imputar os mesmos gastos para as distintas modalidades da axuda previstas nesta orde, agás naqueles casos en que só se toman como referencia para o cálculo da contía do incentivo.

Artigo 18. Exclusións

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) Os empregos de carácter estable realizados con persoas desempregadas que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social, prestasen servizos mediante un contrato indefinido en empresas ou grupos de empresas en que os promotores da empresa solicitante desempeñen o control.

b) As persoas promotoras que, nos tres meses inmediatamente anteriores á data de inicio da nova actividade, estivesen de alta na Seguridade Social como traballadoras autónomas ou traballadores autónomos en actividade vinculada ao mesmo sector. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia a nivel de tres díxitos da clasificación nacional de actividades económicas (CNAE).

c) As empresas que desenvolvan actividades empresariais que non coincidan coas do proxecto previamente cualificado como iniciativa de emprego de base tecnolóxica.

Artigo 19. Obrigas das persoas ou entidades beneficiarias

1. Son obrigas das persoas ou entidades beneficiarias das axudas e subvencións:

a) Realizar a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de dous anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberán acreditar de maneira que faga fe.

b) Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará a Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación ou control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o que se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. En especial, por tratarse de axudas cofinanciadas co Fondo Social Europeo, a entidade beneficiaria quedará sometida ás verificacións que poidan realizar os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE.

d) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas persoas ou entidades beneficiarias e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Estar ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á entidade beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das actuacións de comprobación e control. Os gastos subvencionados deberán poder identificarse na súa documentación contable de forma separada.

Agás aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obriga de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obriga de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable axeitado para os gastos obxecto de subvención.

g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. En especial, e dado que as subvencións concedidas ao abeiro desta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, as persoas ou entidades beneficiarias deberán manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, durante os tres anos seguintes á certificación dos gastos á Comisión Europea, de conformidade co artigo 140.1 do Regulamento (UE) 1303/2013, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control. A data de certificación dos gastos á Comisión Europea será publicada no Diario Oficial de Galicia.

h) Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013.

Así mesmo, informarase ás persoas destinatarias que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Economía, Emprego e Industria), así como dos obxectivos dos fondos, figurando os emblemas, como mínimo, nesta comunicación.

A aceptación da axuda comunitaria implicará a súa aparición na lista pública conforme o establecido no artigo 16.5 desta orde.

i) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. As empresas beneficiarias das subvencións previstas nos artigos 6 e 8 cando no período de dous anos, desde a data da incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgunha persoa traballadora pola que se concedeu a subvención, están obrigadas no prazo de dous meses, a cubrir a vacante, cun tempo de dedicación igual ou superior ao anterior, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda, debendo a nova persoa traballadora pertencer a algún dos colectivos de persoas beneficiarias deste programa polos que se poida conceder unha subvención por importe igual ou superior ao da persoa que causase baixa e cumprir as demais condicións impostas no artigo 6 desta orde para poder ser contratada.

O órgano concedente resolverá e notificará a/o interesado/a sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a 3 meses desde a recepción da comunicación. A falta de validez da substitución considerarase incumprimento desde a data da súa realización nos termos establecidos no artigo 22.3.1.

Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda.

Transcorridos dous anos desde a data de inicio da súa actividade as empresas beneficiarias, co fin de garantiren o mantemento dos postos de traballo estables creados que fosen obxecto de subvención, presentarán dentro dos tres meses seguintes a vida laboral da empresa desde o inicio da actividade, incluíndo todas as contas de cotización (informe de vida laboral dun código conta de cotización) e as nóminas das persoas traballadoras subvencionadas correspondentes ás 24 mensualidades.

3. As empresas beneficiarias deberán manter no seu cadro de persoal a persoa técnica de alta cualificación contratada, como mínimo, polo tempo subvencionado e se se produce o cesamento do traballador ou traballadora a empresa beneficiaria está obrigada no prazo de dous meses a cubrir a vacante, e a nova persoa deberá ser contratada cun tempo de dedicación igual ou superior ao anterior e cumprir as demais condicións impostas no artigo 7 desta orde. Esta nova incorporación non dará lugar, en ningún caso, a unha nova axuda. Neste suposto de substitución a obriga de mantemento estenderase ao período subvencionado máis ao período vacante.

O órgano concedente resolverá e notificará ao interesado sobre a validez desta substitución nun prazo non superior a 3 meses desde a recepción da comunicación. A falta de validez da substitución considerarase incumprimento desde a data da súa realización nos termos establecidos no artigo 22.

Ademais, deberán presentar no prazo de dous meses desde a finalización do período subvencionado unha memoria das actividades realizadas polas persoas técnicas de alta cualificación asinada pola persoa contratada e pola persoa responsable da empresa.

Artigo 20. Cofinanciamento polo Fondo Social Europeo

1. Esta convocatoria de axudas enmárcase dentro do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, e está cofinanciado polo Fondo Social Europeo.

2. Coa finalidade de efectuar un seguimento adecuado da execución dos proxectos cofinanciados polo FSE, ao abeiro do Programa operativo FSE Galicia 2014-2020, mediante as subvencións reguladas nesta orde, a entidade beneficiaria deberá someterse, segundo a normativa europea que resulte de aplicación, ao cumprimento das seguintes obrigas:

a) Relacionadas coas medidas de información e publicidade:

Cumprir coas medidas de información e comunicación establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013. En particular, as accións de información e comunicación contarán co emblema da Unión Europea e a referencia ao Fondo Social Europeo e nos lugares de realización da actuación informarase do apoio dos fondos a través dun cartel dun tamaño mínimo A3 nun lugar destacado e visible. Tamén se informará na páxina web, no caso de dispoñer dela, sobre o proxecto e a axuda financeira recibida da Unión Europea e sobre os obxectivos e resultados da operación financiada.

O incumprimento pola entidade beneficiaria das obrigas de información e publicidade establecidas, terá como consecuencia o reintegro parcial do 2 % da contía da subvención percibida.

Así mesmo, informaranse as persoas destinatarias de que as actuacións en que participan están financiadas pola Xunta de Galicia (Consellería de Economía, Emprego e Industria) e polo Fondo Social Europeo, así como dos obxectivos dos fondos, figurando os emblemas, como mínimo, nesta comunicación.

b) Realizar as actuacións precisas para recoller a información suficiente relativa ao desenvolvemento das actuacións, que permita dar cumprimento aos requisitos de información a través de indicadores de execución e resultados enumerados no artigo 5 do Regulamento (UE) nº 1304/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, relativo ao Fondo Social Europeo.

Artigo 21. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 22. Perda do dereito ao cobramento da subvención e reintegro

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento da subvención e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de mora correspondente desde o momento do pagamento da subvención ata a data en que se acorde a procedencia do reintegro, nos casos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos programas desta orde.

2. A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

3. Procederá o reintegro das axudas cando se produza algunha das seguintes circunstancias:

3.1. Cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 19.2 por cada contratación subvencionada e non substituída, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Cando a substitución se realice transcorrido o prazo establecido no artigo 19.2 entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso, a contía que se reintegrará calcularase do seguinte xeito:

a) Divídese entre vinte e catro o importe concedido pola persoa traballadora substituída.

b) Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, computándose para estes efectos o prazo que concede a orde para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes no que aquela se realice.

Multiplícase o importe obtido na letra a) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante, conforme a letra b).

3.2. Cando á nova persoa traballadora substituta se lle poida conceder unha subvención por un importe inferior ao da persoa substituída, procederá o reintegro parcial da axuda concedida pola diferenza entre a cantidade percibida e a cantidade que correspondería á nova contratación.

3.3. Cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 19.3 por cada contratación subvencionada e non substituída, procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Cando a substitución se realice transcorrido o prazo establecido no artigo 19.3 entenderase que se produce un incumprimento parcial. Neste caso, a contía para reintegrar calcularase do seguinte xeito:

a) Divídese entre o número de meses de duración do contrato temporal que se subvenciona o importe concedido pola persoa traballadora substituída.

b) Calcúlase o número de meses que o posto estivo vacante, e compútase, para estes efectos, o prazo que concede a orde para proceder á substitución. Así mesmo, o mes en que se leve a cabo a substitución considerarase como mes de incumprimento, sexa cal sexa o día do dito mes en que aquela se realice.

Multiplícase o importe obtido na letra a) polo número de meses en que o posto de traballo estivese vacante, conforme a letra b).

4. Cando a empresa beneficiaria incumpra a obriga establecida no artigo 19.1.d), procederá o reintegro da axuda concedida pola persoa traballadora de que se trate.

Para o caso de subvencións incompatibles con outras axudas:

Reintegro 10 %: incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

Reintegro 100 % importe subvención percibida máis xuros de demora, sen prexuízo das sanciones que puidesen corresponder: incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas.

Para o caso de subvencións compatibles:

Reintegro 5 %: incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas.

Reintegro exceso percibido máis xuros de demora, sen prexuízo das sancións que poidan corresponder: incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a obtención doutras axudas.

5. Salvo que se acrediten causas alleas á vontade do beneficiario, no caso de incumprimento respecto da obriga de manter a actividade empresarial durante dous anos, e sempre que o cumprimento se aproxime de forma significativa ao cumprimento total, entendendo como tal o ter mantido a actividade como mínimo dezaoito meses e se acredite pola persoa ou entidade beneficiaria unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos, procederá o reintegro parcial das subvencións percibidas de forma proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.

6. O incumprimento pola entidade beneficiaria das obrigas de información e publicidade establecidas no anexo XII do Regulamento (UE) nº 1303/2013, terá como consecuencia o reintegro parcial do 2 % da contía da subvención percibida.

Artigo 23. Devolución voluntaria da subvención

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida mediante o seu ingreso na conta de Abanca
ES82 2080 0300 8731 1006 3172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.

En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 24. Seguimento e control

1. Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado, da comunidade autónoma ou os organismos implicados na xestión e seguimento do FSE, a Consellería de Economía, Emprego e Industria levará a cabo a función de control, así como da avaliación e seguimento deste programa.

2. A Secretaría Xeral de Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, as persoas ou entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

3. Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Economía, Emprego e Industria para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Artigo 25. Réxime de axudas

As axudas establecidas nesta orde quedan sometidas ao réxime de minimis nos termos establecidos no Regulamento (UE) nº 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L352, do 24 de decembro de 2013). Esta circunstancia farase constar expresamente na resolución de concesión da subvención. Polo tanto, a axuda total de minimis concedida a unha empresa non será superior a 200.000 euros durante o período dos dous exercicios fiscais anteriores e o exercicio fiscal actual da empresa solicitante, ou a 100.000 euros no suposto dunha axuda concedida a unha empresa que opere no sector do transporte pola estrada. Para o cómputo dos límites deste réxime de axudas terase en conta o concepto de «única empresa» establecido no artigo 2 do Regulamento (UE) 1487/2013 da Comisión, do 18 de decembro de 2013.

Por tratarse de axudas sometidas ao réxime de axudas de minimis, non poderá concederse a empresas dos seguintes sectores:

a) Pesca e acuicultura, segundo se establece no Regulamento (CE) nº 1379/2013 do Parlamento Europeo.

b) As axudas concedidas ás empresas dedicadas á produción primaria dos produtos agrícolas que figuran na lista do anexo I do Tratado.

c) As axudas concedidas ás empresas que operan no sector da transformación e comercialización de produtos agrícolas, nos casos seguintes:

i) Cando o importe da axuda se determine en función do prezo ou da cantidade de produtos deste tipo adquiridos a produtores primarios ou comercializados polas empresas interesadas.

ii) Cando a axuda estea supeditada a que unha parte ou a súa totalidade se repercuta aos produtores primarios.

d) As axudas ás actividades relacionadas coa exportación a países terceiros ou Estados membros cando a axuda estea vinculada directamente ás cantidades exportadas, á creación e funcionamento dunha rede de distribución ou a outros gastos de explotación vinculados á actividade de exportación.

e) As axudas condicionadas á utilización de produtos nacionais en lugar de importados.

No suposto das empresas que realicen por conta allea operacións de transporte por estrada, non poderán concederse axudas para a adquisición de vehículos de transporte de mercadorías por estrada.

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Economía, Emprego e Industria na persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas previstas nesta orde, para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como para resolver os procedementos de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións concesorias das que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da consellería.

Disposición derradeira primeira

Facúltase a persoa titular da Secretaría Xeral de Emprego para que, no ámbito das súas competencias, dite as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2016

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file