Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 20 de xullo de 2016 Páx. 31553

III. Outras disposicións

Consellería de Economía, Emprego e Industria

EXTRACTO da Orde do 10 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

BDNS (Idenf.): 312266

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).

Primeiro. Entidades beneficiarias

As empresas privadas, incluídas as persoas autónomas, con domicilio social, fiscal e centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia que se constitúan e inicien a súa actividade nun prazo non superior a un ano desde que o proxecto empresarial foi cualificado como IEBT, sempre que a maioría da titularidade da empresa corresponda ás persoas físicas promotoras do proxecto empresarial cualificado como IEBT e se cumpran os requisitos e condicións establecidos nesta orde para cada tipo de axuda.

Segundo. Obxecto

Impulsar a creación de novas iniciativas empresariais de base tecnolóxica na Comunidade Autónoma de Galicia mediante a convocatoria do Programa de incentivos ás empresas previamente cualificadas e inscritas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica:

a) Subvención á creación directa de emprego estable.

b) Subvención para a contratación de persoal técnico de alta cualificación.

c) Axuda para o inicio e posta en marcha.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 10 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2016.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínanse setecentos trinta e seis mil trescentos trinta e sete euros (736.337 €).

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes de todos os tipos de axudas do programa regulado nesta orde finalizará o 30 de setembro de 2016.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2016

Francisco Conde López
Conselleiro de Economía, Emprego e Industria