Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 137 Mércores, 20 de xullo de 2016 Páx. 31503

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

ORDE conxunta do 8 de xullo de 2016, da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e da Consellería de Facenda, pola que se regula o Plan inicial plurianual de actuación das entidades públicas instrumentais integrantes do sector público autonómico.

A creación de entidades públicas instrumentais, especialmente axencias, por parte do sector público autonómico ten como finalidade o avance cara a unha xestión encamiñada aos resultados e á calidade dos servizos públicos, así como á economía e á eficiencia na xestión dos recursos da administración pública, sempre desde a óptica do respecto ao dereito administrativo garante dos dereitos cidadáns e da transparencia na xestión dos recursos públicos.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece no seu título III o marco que regula a creación de entidades instrumentais.

O artigo 54 da devandita lei exixe, entre outros, que no proxecto normativo que regula a creación das entidades se xustifique a súa necesidade, así como os fins e obxectivos que persegue satisfacer.

Así mesmo, e co obxecto de garantir a máxima eficiencia na xestión dos recursos públicos, o devandito artigo preceptúa que a entidade deberá presentar o proxecto de estatutos acompañado dun plan inicial plurianual de actuación da entidade (en diante, plan inicial de actuación). Estes documentos deben ser propostos pola consellería de adscrición e contar co informe favorable das consellerías competentes en materia de administracións públicas e facenda.

O plan inicial de actuación que acompañará o proxecto de estatuto da entidade debe contar cun plan económico-financeiro sobre o cal debe emitir informe con carácter preceptivo e vinculante a consellería competente en materia de facenda; por este motivo, faise necesario establecer cal debe ser o seu contido mínimo.

Todo o anterior fai conveniente concretar conxuntamente polos servizos, que deberán telo en consideración para o seu informe, o contido do plan inicial de actuación.

Con base con todo o anterior,

DISPONSE:

Artigo 1. Obxecto

A presente orde ten por obxecto establecer o contido mínimo do Plan inicial de actuación das entidades públicas instrumentais que se creen ou pasen a integrarse dentro do sector público autonómico definido pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como regular o seu procedemento de elaboración, aprobación e control.

Artigo 2. Contido

O Plan inicial de actuación estará integrado polos seguintes documentos:

a) Plan estratéxico.

b) Plan económico-financeiro.

c) Previsión dos recursos humanos necesarios.

Artigo 3. Marco temporal

1. O marco temporal do plan inicial de actuación será de tres anos.

2. Independentemente do marco temporal anteriormente fixado, no caso das axencias públicas autonómicas o plan inicial de actuación abranguerán ata a entrada en vigor do primeiro contrato de xestión, que deberá ser aprobado polo consello reitor no prazo de tres meses desde a súa constitución.

Artigo 4. Contido do Plan estratéxico

1. O Plan estratéxico determinará os fins e obxectivos que persegue a entidade, así como os indicadores necesarios para a súa avaliación e seguimento.

2. Este deberá ser coherente cos principios e contidos recollidos no artigo 46 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. O Plan estratéxico deberá conter:

– Obxectivos estratéxicos.

– Obxectivos operativos.

– Indicadores de seguimento e avaliación.

Artigo 5. Obxectivos estratéxicos

1. Os obxectivos estratéxicos serven para definir os fins ou metas que as entidades ás cales se refire esta orde pretenden conseguir a medio ou longo prazo sinalando as liñas de actuación prioritarias da entidade.

2. Os obxectivos estratéxicos deben ser claros, sinxelos, concretos, alcanzables e medibles.

Artigo 6. Obxectivos operativos

1. Os obxectivos operativos son metas a curto prazo que serven para determinar as liñas de actuación necesarias para lograr o cumprimento de cada obxectivo estratéxico.

2. Cada un dos obxectivos operativos deberá incluír unha breve descrición das actuacións que se van desenvolver, dos indicadores que van permitir determinar o seu grao de cumprimento e da súa contribución á consecución de cada obxectivo.

Artigo 7. Coherencia e compatibilidade co Plan estratéxico de Galicia e cos plans sectoriais

1. En todo caso, debe establecerse unha táboa en que se mostre a coherencia e compatibilidade dos obxectivos estratéxicos e operativos do Plan inicial de actuación cos obxectivos atribuídos á consellería de adscrición no Plan estratéxico de Galicia.

2. No suposto de que a entidade estea afectada por un ou varios plans sectoriais especiais, tamén deberá establecerse a coherencia e compatibilidade con el.

Artigo 8. Indicadores

1. Os indicadores son variables que intentan medir ou obxectivar de forma cuantitativa ou cualitativa a actividade dun ente. A través dos indicadores verifícase a idoneidade, eficacia e eficiencia da súa estratexia. Os indicadores deben estar vinculados aos obxectivos operativos e deben ser pertinentes, sensibles, claros, fiables e cuantificables, co fin de permitir o logro dos resultados perseguidos.

2. Para cada obxectivo operativo determinarase, polo menos, un indicador de resultado, aplicando a perspectiva de xénero na súa definición e seguimento.

3. En todo caso, deben incluírse indicadores financeiros que poñan en relación a consecución do resultado perseguido e o seu custo.

Artigo 9. Plan económico-financeiro

1. O Plan económico-financeiro do Plan inicial de actuación deberá conter:

a) O patrimonio con que conta a entidade para o cumprimento dos seus fins.

b) Previsión dos gastos que hai que realizar para alcanzar os resultados previstos no plan. O custo dos recursos anteriores asignarase a cada obxectivo operativo en función das necesidades para alcanzar os resultados previstos. Deberá diferenciarse entre custos directos e indirectos. Neste último suposto establecerase un criterio de repartición con base na unidade de medida máis representativa.

c) Previsión dos ingresos con que se financiarán os mencionados gastos.

– No caso de que se trate de fontes finalistas debe determinarse o instrumento ou fonte de financiamento de que procede e o negocio xurídico que xustifique a súa procedencia.

– Cando se financien con cargo a transferencias da Comunidade Autónoma, estas deberán estar consignadas nos orzamentos xerais da consellería que o financien.

2. Este plan económico-financeiro requirirá informe favorable da consellería competente en materia de facenda. Por motivos de economía procedemental, emitirase informe conxuntamente co decreto polo que se aproben os estatutos da devandita entidade.

3. Este informe versará sobre se as magnitudes financeiras e macroeconómicas comprendidas no marco financeiro teñen encaixe e son compatibles co marco financeiro plurianual da Comunidade Autónoma.

Artigo 10. Previsión de recursos humanos

A previsión de recursos humanos necesarios deberá ter o seguinte contido mínimo e ser coherente cos custos de persoal previstos no plan económico-financeiro:

a) A determinación das necesidades de persoal concretando o número de efectivos necesarios, o réxime retributivo e a súa tipoloxía, de conformidade co establecido no artigo 58 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico.

b) Unha memoria que conteña o cadro de persoal e/ou proposta de relación de postos de traballo, se for o caso.

c) A descrición da estrutura organizativa directiva, das funcións que se asignan a cada un destes postos, forma de cobertura e proposta de encadramento destes na clasificación establecida polo Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as percepcións económicas aplicables ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

d) Distribución do número de efectivos atendendo á estrutura organizativa.

Artigo 11. Documentación que debe acompañar o Plan inicial de actuación

1. A memoria xustificativa deberá recoller a conveniencia e oportunidade da creación da entidade e acreditar que non xera unha duplicidade de servizos públicos con outros que xa sexan prestados pola Administración da Comunidade Autónoma conforme o principio de estrutura e dimensión estritamente necesaria asumido no sector público galego de acordo co artigo 2 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público galego. Ademais, na memoria xustificativa deberá explicarse o porqué dos obxectivos elixidos e a súa relación cos fins que a xustifican.

2. No caso de que a entidade que se pretenda crear asuma competencias anteriormente desempeñadas por outra entidade ou servizo da Administración xeral, deberá achegar unha análise de como se vai proceder á reestruturación co fin de garantir que non se solapen competencias.

3. Deberá achegarse documentación necesaria para a clasificación da entidade conforme o artigo 4 do Decreto 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

Artigo 12. Competencia e prazos

O proxecto de estatutos irá acompañado do Plan inicial plurianual de actuación da entidade, o cal inclúe, entre outros, o correspondente plan económico-financeiro regulado no artigo 9 da presente orde.

Corresponde á dirección xeral competente en materia de orzamentos a emisión do informe a que fai referencia o artigo 9.2; para estes efectos, disporá do prazo de dez días desde a recepción do expediente completo para a súa emisión.

Artigo 13. Control de eficacia do Plan inicial de actuación

O control de eficacia do Plan inicial de actuación ten por finalidade verificar o grao de cumprimento dos obxectivos fixados e a adecuada utilización dos recursos asignados para a súa consecución, así como unha continua avaliación do cumprimento dos fins previstos no plan. O dito control será realizado a través do órgano de control establecido no artigo 16 da presente orde.

Artigo 14. Informe de xestión

Para a realización do control de eficacia do Plan inicial de actuación, a entidade deberá elaborar anualmente, no prazo de seis meses desde que remate o exercicio orzamentario, un informe de xestión que, polo menos, conterá:

a) As contas anuais aprobadas e auditadas, que permiten comprobar o cumprimento da estabilidade orzamentaria.

b) Indicación do custo financeiro de cada un dos obxectivos que teña asignado e o grao de cumprimento, medido a través dos indicadores asociados a cada un dos obxectivos operativos.

c) A previsión do cumprimento do plan inicial á vista do grao de realización do exercicio e, se é o caso, dos anteriores.

d) Memoria xustificativa das posibles desviacións sobre os resultados pretendidos e proposta de actuacións para a súa corrección.

Este informe deberá ser remitido ao órgano de seguimento a que fai referencia o artigo seguinte con antelación suficiente para a súa avaliación.

Artigo 15. Órgano de seguimento

1. Para os efectos de garantir o cumprimento do control de eficacia, establecerase un órgano de seguimento que velará polo cumprimento do plan inicial de actuación.

2. Este órgano estará constituído por 4 membros:

– Un representante da entidade, con voz pero sen voto.

– Un representante da consellería de adscrición.

– Un representante da consellería que ten as competencias en materia de orzamentos.

– Un representante da consellería que ten as competencias en materia de avaliación e reforma administrativa.

3. Un destes membros actuará como presidente.

4. O órgano de seguimento reunirase por instancia da persoa que desempeñe a presidencia polo menos unha vez ao ano e sempre antes do 30 de setembro de cada exercicio; sen prexuízo de que poida reunirse en calquera outro momento por instancia dos seus membros para resolver calquera cuestión que xurda durante a vixencia do plan.

Artigo 16. Informe do órgano de seguimento

1. O órgano de seguimento emitirá un informe relativo ao cumprimento do plan inicial de actuación que deberá ser remitido ao titular da entidade, ao titular da consellería de adscrición, á consellería competente en materia de facenda e á consellería competente en materia de avaliación e reforma administrativa. Así mesmo, o informe deberá ser obxecto de publicación no Portal de transparencia e goberno aberto.

2. No suposto das axencias públicas autonómicas, deberá ser remitido ademais ao consello reitor.

3. O informe deberá ser aprobado polo órgano de seguimento por maioría simple.

Artigo 17. Modificación do plan inicial de actuación

1. O plan inicial de actuación poderá ser modificado cando os informes do órgano de seguimento poñan de manifesto a existencia de cambios relevantes con respecto ás dotacións orzamentarias e os obxectivos iniciais.

2. A aprobación da modificación requirirá os mesmos trámites que os previstos para a aprobación do plan inicial de actuación.

Disposición adicional primeira. Control da actividade económico-financeira

O establecido nos artigos anteriores respecto ao seguimento da xestión das entidades instrumentais en ningún caso substituirá os procedementos de control que acorde aplicar a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia a cada entidade instrumental no exercicio das súas funcións, nin os procedementos de control establecidos por outros órganos con competencias en materia de fiscalización ou control.

Disposición adicional segunda. Expediente Plan inicial de actuación

Na páxina web da Consellería de Facenda poñerase á disposición dos órganos de xestión das entidades instrumentais un modelo/formulario que permitirá autoavaliar os requisitos de información dos documentos integrantes do plan inicial de actuación sinalados nesta orde. Este modelo/formulario completado deberá remitirse co expediente.

Disposición adicional terceira. Plan plurianual de actuación das entidades instrumentais recollidas no artigo 45.b) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia

O establecido nesta orde será igualmente aplicable ao Plan plurianual de actuación para os supostos de constitución e creación das entidades regulados nos artigos 104 e 114 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2016

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro
de Presidencia, Administracións Públicas
e Xustiza

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda