Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 5 de xullo de 2016 Páx. 28532

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

EXTRACTO da Orde do 22 de xuño de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, cofinanciadas polo programa operativo Fondo Social Europeo Galicia 2014-2020, e se procede á súa convocatoria para os anos 2016 e 2017.

BDNS (Identif.): 311009.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/es/index):

Primeiro. Beneficiarios

Os concellos de Galicia, as agrupacións ou asociacións deles, as mancomunidades de concellos e consorcios locais constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal, ben de xeito individual ou ben mediante xestión compartida. Quedan excluídas as deputacións provinciais.

Para solicitude individual será preciso contar cun censo mínimo de 20.000 habitantes.

Segundo. Obxecto

Subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación de servizos de atención temperá no marco da Rede galega de atención temperá, de forma individual ou de forma conxunta, mediante o sistema de xestión compartida, coa finalidade da súa implantación e/ou da consolidación dos existentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Contidas na Orde do 22 de xuño de 2016, que abrangue tanto as bases reguladoras como a convocatoria 2016-2017.

Cuarto. Contía

Destínase crédito por importe de 2.252.216 €, distribuído nas anualidades 2016 (1.117.140 €) e 2017 (1.135.076 €), cofinanciado con fondos FSE nun 80 %, Programa operativo de Galicia 2014-2020, obxectivo específico 9.4.1.

A contía máxima que se pode conceder é de 180.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 220.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou cando se trate dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.

Para determinar o importe aplicarase o sistema de custos simplificados segundo módulo ou custo unitario sinalado na orde e, ata esgotar o crédito dispoñible, calcularase aplicando ao gasto subvencionable as porcentaxes de intensidade, en función da puntuación obtida na valoración, de acordo co establecido.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Sexto. Outros datos

Serán subvencionables os servizos de atención temperá que integren o conxunto de actuacións preventivas, de diagnose e de intervención que, de forma coordinada, se dirixen á poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e á súa contorna, e que teñan como finalidade dar resposta, o máis axiña posible, ás necesidades transitorias ou permanentes que presenten os menores con trastornos no desenvolvemento ou que teñen risco de padecelos. Porén, a atención estenderase ata a data de finalización do curso escolar cando o cumprimento da idade de 6 anos sexa anterior a esta. As actuacións deberán considerar a globalidade do/a menor e deberán ser programadas e executadas por equipos multiprofesionais.

Os gastos imputables serán os directos de persoal e outros gastos directos e indirectos, nos termos establecidos, e o período de referencia será desde o 1 de xaneiro de 2016 e ata o 31 de outubro de 2017.

Realizarase un primeiro pagamento do 50 % en concepto de anticipo cuxa contía non poderá ser superior ao importe da subvención imputada ao exercicio 2016 e, se é o caso, reducirase ata o dito límite. O 50 % restante, ou a parte que corresponda, librarase logo da xustificación pola entidade beneficiaria do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención e demais condicións exixidas.

A xustificación realizarase a través da modalidade de custos simplificados prevista nos artigos 67 e 68 do Regulamento (UE) 1303/2013 e no artigo 14 do Regulamento (UE) 1304/2013, e o prazo rematará o 15 de novembro de 2017.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social