Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 126 Martes, 5 de xullo de 2016 Páx. 28626

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Innovación

RESOLUCIÓN do 28 de xuño de 2016 pola que se actualiza o anterior anuncio da Resolución do 25 de febreiro de 2016 pola que se invitan as grandes empresas para que manifesten o seu interese de acceder a unha liña de axudas para realizar en Galicia grandes proxectos de desenvolvemento experimental dentro da iniciativa de Industria 4.0-captación de investimentos no período 2016-2020.

A Constitución española, no seu artigo 44.2, obriga os poderes públicos a promover a ciencia e a investigación científica e técnica en beneficio do interese xeral. Ademais, establece no artigo 149.1.15 que o fomento e a coordinación da investigación científica e técnica son competencia exclusiva do Estado.

Pola súa banda, o Estatuto de autonomía de Galicia recolle no seu artigo 27.19 que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia do fomento da cultura e da investigación en Galicia, sen prexuízo do establecido no artigo 149.2 da Constitución.

O Decreto 50/2012, do 12 de xaneiro, polo que se crea a Axencia Galega de Innovación e se aproban os seus estatutos, establece que a Axencia Galega de Innovación ten como finalidade fomentar e vertebrar as políticas de innovación nas administracións públicas galegas e o apoio e impulso do crecemento e da competitividade das empresas galegas a través da implementación de estratexias e programas de innovación eficientes.

A Estratexia Europa 2020 (EE2020) que define o marco xeral de actuación das políticas europeas fixa tres modelos de crecemento para conseguir:

– Un desenvolvemento intelixente: favorecer unha economía baseada no coñecemento e na innovación;

– Un desenvolvemento sustentable: promoción dunha economía máis eficiente no uso dos recursos, máis ecolóxica e competitiva, e

– Un desenvolvemento integrador: fomento dunha economía con altas taxas de emprego que permita o desenvolvemento da cohesión social territorial.

A EE2020 fixa, pola súa vez, o obxectivo de acadar un determinado nivel de gasto en I+D en 2020, o 3 %. A contribución privada necesaria para alcanzalo é un aspecto especialmente problemático.

Encamiñada á consecución deste obxectivo, a UE definiu a iniciativa emblemática «Unión pola innovación», potenciando unha innovación enfocada a resultados que xere impacto na economía europea. A Unión pola innovación favorece unha nova orientación baseada na asociación dos actores rexionais, nacionais e europeos implicados en toda a cadea de desenvolvemento da innovación incluíndo unha serie de condicións para o éxito destes acordos:

– Centrarse nunha problemática europea común.

– Mobilizar os actores implicados durante un longo período.

– Ser máis eficaces ao estar dirixidas a escala europea.

– Estar centrados nos resultados en función de obxectivos determinados.

– Recibir suficiente apoio financeiro, pero respectando sempre as normas de competencia na Unión.

Neste contexto a fabricación avanzada está incluída entre as prioridades das estratexias europeas e estatais para mellorar a competitividade e o posicionamento mundial da industria europea e, como tal, atópase recollida no programa H2020, instrumento de financiamento da I+D+i na UE desde o ano 2014.

A nivel nacional, a Estratexia Industria conectada 4.0, publicada polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo, inclúe que os novos desenvolvementos tecnolóxicos, a hiperconectividade e a globalización da economía están formulando importantes oportunidades e retos que a industria debería aproveitar para evolucionar e posicionarse como un sector forte, competitivo e de referencia internacional. Obxectivo en liña coa Axenda Dixital de España.

A Estratexia de especialización intelixente de Galicia 2014-2020 (RIS3 Galicia) que foi aprobada polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 7 de novembro de 2013, define o marco para as políticas de investigación e innovación en Galicia para o período 2014-2020 estruturándose arredor de tres retos que orientarán a definición detallada da estratexia de actuación, e asociando a cada un destes retos unhas prioridades e liñas de acción específicas aliñadas cos obxectivos e os principais programas de innovación a nivel rexional, nacional e europeo, como é o caso das respectivas axendas dixitais ou o programa Horizonte 2020.

O segundo destes retos da RIS3 Galicia é conseguir un novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento e aumentar a intensidade tecnolóxica da estrutura industrial de Galicia a través da hibridación e as tecnoloxías facilitadoras esenciais. Para acadar unha industria intelixente en Galicia para o 2020 cómpre renovar o tecido produtivo galego en liña coas tendencias internacionais de Fábrica do futuro e Industria 4.0 encadradas na chamada «cuarta revolución industrial». As tecnoloxías ao amparo destas tendencias internacionais xunto co uso intensivo das tecnoloxías facilitadoras (TFE) son esenciais para obter ese novo modelo industrial sustentado na competitividade e no coñecemento a través do cal fixar actividade e emprego de alto valor engadido en Galicia. Preténdese, desta forma, fomentar a innovación nos modelos produtivos dos principais sectores industriais galegos para acadar unha mellora da súa produtividade de forma sustentable como garantía da súa competitividade a nivel internacional.

Orientados á implementación desta segunda prioridade no marco da RIS3 defínense varios instrumentos de apoio agrupados dentro do programa Innova en Galicia. Este programa ten por obxectivo que o investimento público sexa un elemento tractor na mobilización e atracción de capital privado para os procesos de innovación galegos, xa que unhas das principais debilidades do Sistema galego de innovación é a baixa taxa de financiamento do sector privado.

Ata o momento dentro do Programa Innova en Galicia puxéronse xa en marcha varias iniciativas: a Civil UAVs Initiative ou o Programa de unidades mixtas, cun elevado potencial mobilizador do investimento privado para dar resposta aos retos do futuro a través de alianzas estratéxicas con empresas líderes. A iniciativa Industria 4.0-captación de investimentos aberta a través da Resolución do 25 de febreiro de 2016 (DOG do 3 de marzo) , e que agora se actualiza, tiña por obxectivo determinar se habería demanda suficiente para levar a cabo grandes proxectos de desenvolvemento experimental aliñados coas tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da Industria 4.0, para definir, de ser o caso, unha nova liña de axudas orientada ao seu financiamento. Á vista das manifestacións de interese recibidas ata o momento concluíuse:

– A existencia desta demanda poñéndose en marcha o novo programa Industrias do futuro 4.0 e publicando a primeira convocatoria ao abeiro desta iniciativa.

– A necesidade de realizar unha actualización do anuncio para perfeccionar algunhas das súas características para acadar unha maior eficiencia e eficacia do financiamento público e abrir un novo prazo para a presentación de manifestacións de interese. Estas novas manifestacións teranse en conta para a definición de novas convocatorias do programa Industrias do futuro 4.0.

O citado programa Industrias do futuro 4.0, que responde ás necesidades da demanda detectada ata o momento, é unha aposta ambiciosa pola innovación como estratexia de desenvolvemento e defínese, igual que a iniciativa de Industria 4.0-captación de investimentos, de maneira coordinada co resto de políticas galegas en materia de desenvolvemento industrial en sintonía coa RIS3 Galicia: como sería o caso da Axenda de competitividade industrial de Galicia: Industria 4.0 e do Plan estratéxico de Galicia, buscando ademais a máxima coherencia e complementariedade coas políticas e instrumentos europeos en materia de I+D+i.

Nesta actualización do anuncio publicado o pasado 3 de marzo no DOG perséguese, sen mudar o seu obxectivo de apoiar grandes proxectos empresarias de desenvolvemento experimental que superen os 50 millóns de euros, optimizar o investimento público apoiando tamén proxectos dun menor tamaño pero con sinerxías e complementariedades que permitan acadar unha maior eficiencia e eficacia dos fondos a través da colaboración entre axentes da I+D+i e a máxima coherencia e complementariedade coas políticas e instrumentos europeos nesta materia. Con este obxectivo perfecciónanse algunhas das características incluídas no primeiro anuncio entre as cales cabería destacar as seguintes:

– Os proxectos deberán estar liderados por empresas, medianas ou grandes, pero a busca de proxectos ambiciosos cun alto compoñente innovador e estratéxicos a nivel europeo abre a posibilidade de poder presentar tamén proxectos en cooperación con organismos de investigación, incluíndose ademais a investigación industrial dentro das actuacións subvencionables. Aínda que o obxectivo serán grandes proxectos de máis de 50 millóns de euros, ao abeiro desta iniciativa poderán apoiarse proxectos cun orzamento empresarial superior aos 20 millóns e a participación dos organismos de investigación terá como limiar mínimo os 10 millóns de euros.

– Os posibles proxectos elixibles ao abeiro desta iniciativa deberán ser proxectos con capacidade tractora nalgún dos ámbitos máis destacados da economía galega, centrados na mellora de proceso, produto e desenvolvemento de novos modelos de negocio no marco das tendencias internacionais da Fábrica do futuro e a Industria 4.0 e aliñados co reto 2 da RIS3 Galicia.

– Potenciaranse proxectos excelentes de amplo alcance cun alto impacto, tanto tecnolóxico como socioeconómico, nos cales exista unha colaboración efectiva entre empresa e organismo de investigación, de forma que se formulen obxectivos innovadores ambiciosos. Priorizaranse aqueles cun maior impacto en Galicia e en Europa sendo o grao de investimento privado que se propoña executar en paralelo coa axuda pública un aspecto que se terá en conta.

Para actualizar todas estas características considérase necesario efectuar este segundo anuncio, que substitúe o anterior, abrindo un novo prazo para que a presentación de manifestacións de interese que se adapten as novas condicións que se formulan nesta resolución.

As manifestacións de interese axustaranse ás condicións e aos contidos recollidos no anexo I desta resolución.

Para os efectos da realización das manifestacións de interese terase en conta que a intensidade, se é o caso, da eventual axuda para cada futuro beneficiario, non excederá nunca os límites dispostos no artigo 25 do Regulamento UE 651/2014 da Comisión do 17 de xuño de 2014 polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado e que, segundo as características específicas de cada proxecto, non produce ningún tipo de falseamento da competencia no mercado da Unión.

Este anuncio, como o primeiro ao que modifica, publicado no DOG do pasado 3 de marzo, enmárcase no disposto no artigo 5.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que establece o seguinte: «A xestión das subvencións a que se refire esta lei realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.

c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos».

A invitación é aberta e diríxese a empresas con capacidade tractora sobre o tecido industrial galego, medianas ou grandes, cun establecemento permanente legalmente constituído en Galicia, que estean interesadas en realizar proxectos coas características que se inclúen no artigo primeiro. A participación nesta convocatoria non comporta por parte da Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias de subvencións que se poidan efectuar ao abeiro do programa Industrias do futuro 4.0 virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin ningunha preferencia respecto das convocatorias de subvencións que se poidan celebrar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

De xeito paralelo con esta actualización do anuncio ábrese un novo prazo para a presentación de manifestacións de interese.

En virtude do anterior,

RESOLVO:

Primeiro

Anunciar que, á vista das manifestacións de interese recibidas tras a publicación do anuncio do pasado 3 de marzo de 2016, se considerou necesario actualizar algunhas das características dos proxectos incluídas nel e publicar este novo anuncio para, sen mudar o seu obxectivo de apoiar grandes proxectos empresariais de desenvolvemento experimental que superen os 50 millóns de euros, optimizar o investimento público apoiando tamén proxectos dun menor tamaño pero con sinerxías e complementariedades que permitan acadar unha maior eficiencia e eficacia dos fondos a través da colaboración entre axentes da I+D+i e a complementariedade coas políticas e instrumentos europeos nesta materia.

Os proxectos que se recollen neste anuncio:

– Poderán ser proxectos de investigación industrial ou desenvolvemento experimental, orientados á consecución dun novo modelo industrial baseado na innovación no marco das tendencias internacionais da fábrica do futuro, fábrica intelixente e da industria 4.0 e aliñados co reto 2 da RIS3 Galicia.

– Potenciaranse proxectos excelentes de amplo alcance nos cales se formulen retos tecnolóxicos ambiciosos, estratéxicos a nivel europeo, cun alto impacto tanto tecnolóxico como socioeconómico. Valorarase especialmente o seu impacto en Galicia. O grao de investimento privado que se propoña executar en paralelo coa axuda pública é un aspecto que se terá en conta.

– Debido o carácter estratéxico a nivel europeo non se exixirá que se desenvolvan integramente en Galicia, pero deberán ser proxectos tractores dentro dos ámbitos máis destacados da economía galega cun efecto de arrastre sobre o tecido industrial galego cara a unha competitividade baseada na innovación.

– Poderán ser proxectos individuais dunha empresa, grande ou mediana cun establecemento permanente legalmente constituído en Galicia, ou proxectos en cooperación nos cales poderá tamén participar un organismo de investigación, pero sempre liderados por unha empresa. Permitirase a participación de varias empresas se son do mesmo grupo empresarial para asegurar a súa capacidade tractora. Respecto a súa duración, procurarase que o apoio público se estenda o tempo necesario para o adecuado desenvolvemento deste tipo de proxectos.

– Aínda que o obxectivo serán grandes proxectos de máis de 50 millóns de euros, ao abeiro desta iniciativa poderán tamén apoiarse proxectos cun orzamento empresarial superior aos 20 millóns de euros, se obedecendo a criterios de eficacia e eficiencia do financiamento público, presenten sinerxías e complemetariedades claves. Se participan empresas do mesmo grupo, o orzamento conxunto de todas elas deberá respectar este mesmo orzamento mínimo e ningunha ter unha participación inferior ao 10 % do orzamento total do proxecto. No caso de organismos de investigación, o seu orzamento no proxecto non pode ser inferior a 10 millóns de euros e tampouco menor ao 10 % do custo do proxecto. Os organismos de investigación e difusión que participen no proxecto deberán poder publicar os resultados da súa propia investigación.

– De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014 os proxectos deberán cumprir, ademais, cos requisitos exixidos respecto ao efecto incentivador.

Segundo

Con carácter previo á adopción da decisión de novas convocatorias do programa Industrias do futuro 4.0 ábrese un novo prazo ata o ano 2020 desde o día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia para que as entidades, que así o desexen, poidan manifestar as súas intencións de investimento no desenvolvemento deste tipo de proxectos, indicando o seu importe previsible, sectores involucrados, impacto previsible e consecuencias para a o tecido industrial e a economía de Galicia.

As manifestacións de interese dirixiranse á Axencia Galega de Innovación (praza de Europa, nº 10, 6º, 15707 Santiago de Compostela) e poderanse presentar en calquera dos lugares indicados na lexislación de procedemento administrativo. Axustaranse ás condicións do artigo primeiro e aos contidos recollidos no anexo I desta resolución.

Terceiro

A participación neste proceso non comporta por parte da Administración ningunha obriga de financiamento ou aceptación das propostas presentadas. Os custos derivados desta participación serán por conta dos interesados. As condicións e características das futuras convocatorias do programa Industrias do futuro 4.0 que se poidan efectuar virán dadas polo que se determine no seu día nas correspondentes bases reguladoras.

Cuarto

A participación neste procedemento, os contactos mantidos cos participantes ou os intercambios de información non poderán dar lugar a infraccións dos principios comunitarios de transparencia, igualdade de trato e non discriminación, nin ter como efecto restrinxir ou limitar a competencia, nin outorgar vantaxes ou dereitos exclusivos. A participación neste procedemento non outorgará dereito nin ningunha preferencia respecto da convocatoria de subvencións que se poidan celebrar con posterioridade no ámbito do obxecto desta resolución.

Quinto

Para os efectos da realización das manifestacións de interese terase en conta que:

– A consideración de organismo de investigación y difusión de coñecementos respectará os requisitos do artigo 2 do Regulamento (UE) nº 651/2014, de xeito que serán considerados como tales toda entidade, independentemente de súa personalidade xurídica (de dereito público ou privado) ou forma de financiamento, cuxo principal obxectivo sexa realizar de forma independente investigación fundamental, investigación industrial ou desenvolvemento experimental ou difundir amplamente os resultados delas mediante o ensino, a publicación ou a transferencia de coñecementos. Cando unha entidade deste tipo leve a cabo tamén actividades económicas, ou financiamento, os custos e os ingresos das ditas actividades deberán contabilizarse por separado. As empresas que poidan exercer unha influencia decisiva nas ditas entidades, por exemplo, en calidade de accionistas ou membros, non poderán gozar de acceso preferente aos resultados que xere.

– A intensidade, se e o caso, da eventual axuda para cada futuro beneficiario, non excederá nunca os límites dispostos no artigo 25 do Regulamento UE 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do tratado. Terase en conta, ademais, segundo as características específicas de cada proxecto, que esta intensidade non produce ningún tipo de falseamento da competencia no mercado da Unión.

De acordo co exposto, a intensidade da subvención poderá variar, segundo as características de cada entidade participante e do proxecto, entre o 25 % e o 75 % do orzamento financiable, axustándose á cantidade mínima para asegurar o efecto incentivador da axuda e non producindo ningún falseamento da competencia no mercado da Unión.

Debe terse en conta que se a axuda total solicitada por un proxecto supera os limiares máximos de notificación incluídos no citado regulamento (15 millóns de euros para proxectos de desenvolvemento experimental e 20 millóns para proxectos de investigación industrial) só serán apoiables se se conta coa autorización previa da Comisión Europea.

Sexto

A Axencia Galega de Innovación estudará as manifestacións de interese e proxectos que se presenten para os efectos do exercicio das súas competencias de deseño de futuras convocatorias de axudas ao abeiro do programa Industrias do futuro 4.0. Xustificarase a recepción de cada manifestación de interese e contestarase, nun prazo máximo de tres meses desde a súa presentación, cunha orientación simplemente para os efectos informativos da aptitude do proxecto para ser obxecto de subvención, de acordo coa normativa comunitaria e axudas nesta materia. Durante este período, a Axencia Galega de Innovación poderá convocar as empresas interesadas a entrevistas para solicitar aclaracións do contido das súas propostas.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2016

Manuel Antonio Varela Rey
Director da Axencia Galega de Innovación

ANEXO I
Contido da manifestación de interese

Número máximo de páxinas excluíndo a portada e o índice: 40.

Tamaño de letra: 11 puntos.

Interliñado: 1,5 liñas.

A manifestación de interese deberá conter as seguintes epígrafes e deberá respectar a orde indicada:

1. Identificación da/s entidade/s e anuncio:

a) Datos da empresa líder e do resto de entidades participantes no proxecto no caso de ser en corperación: razón social, CIF, enderezo, persoa/s de contacto, teléfono, correo electrónico.

b) Indicar que se trata dunha proposta presentada á resolución actualizada da Axencia Galega de Innovación dentro da Captación de investimentos 4.0.

2. Resumo.

3. Obxectivos tecnolóxicos do proxecto de I+D que se ten previsto realizar:

a) Establecer de forma explícita e concreta os obxectivos do proxecto.

b) Aliñamento coas tendencias internacionais da fábrica intelixente, fábrica do futuro e da industria 4.0.

4. Descrición técnica e plan de traballo.

– Se se dispón delas poderase presentar unha descrición detallada, alcance e plan de traballo das actividades que se van realizar, organizadas como tarefas ou fitos e con referencia aos métodos e procedementos que se van utilizar.

5. Orzamento previsto do proxecto.

– Se se dispón desta información poderase presentar unha cuantificación, descrición e xustificación da necesidade das distintas partidas de gasto nas cales se distribúe o orzamento do proxecto atendendo ás distintas fases/actividades do proxecto.

6. Explotación de resultados.

a) Identificación do mercado obxectivo e previsión de comercialización a nivel nacional e internacional dos resultados do proxecto.

b) Definición da estratexia de comercialización dos produtos e servizos obtidos.

7. Impacto socioeconómico.

a) Xustificación da repercusión do proxecto na actividade empresarial europea e galega, contribución ao fortalecemento do tecido empresarial en Galicia e a definición dun novo modelo industrial baseado na innovación. Capacidade de arrastre ou mobilización do investimento privado. Plan de reindustrialización e investimentos previstos derivados dos resultados do proxecto.

b) Impacto socioeconómico do proxecto (mantemento e creación de emprego).

c) Implicacións ambientais do proxecto.