Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Mércores, 29 de xuño de 2016 Páx. 27389

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

DECRETO 74/2016, do 9 de xuño, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de mellora da estrada LU-124, treito Lindín (A-8)-A Cruz da Cancela (LU-122) (clave LU/15/101.10).

Antecedentes:

O 18 de abril de 2016 publícase no Diario Oficial de Galicia (núm. 73) o Anuncio do 5 de abril de 2016 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de mellora da estrada LU-124, treito: Lindín (A-8)-A Cruz da Cancela (LU-122), de clave LU/15/101.10, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados polo proxecto citado.

Posteriormente, e tras non ter recibido ningunha alegación durante o período de información pública, o 26 de maio de 2016 asínase a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora da estrada LU-124, treito Lindín (A-8)-A Cruz da Cancela (LU-122), de clave LU/15/101.10.

O mencionado proxecto de construción ten por obxecto a mellora da estrada LU-124, no treito entre Lindín e A Cruz da Cancela, no seu paso polo concello de Mondoñedo, na provincia de Lugo. As obras previstas inclúen a ampliación da calzada, a execución dunha nova drenaxe transversal e lonxitudinal, a disposición dunha nova camada de rodadura e nova sinalización horizontal, vertical, balizamento e defensas, ademais de todas as obras complementarias para a ampliación do largo da vía.

A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos precisos para a execución desta actuación vén motivada porque a vía obxecto do proxecto é unha vía de acceso importante desde a A-8 cara aos municipios da Pontenova, Riotorto e A Pastoriza; así mesmo, supón unha mellora da seguridade viaria no citado treito da estrada LU-124.

A competencia para a execución da expropiación forzosa no ámbito das estradas non incorporadas á rede do Estado con itinerarios que se desenvolvan integramente no seu territorio, corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do número dous do artigo 28 do Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril.

Correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia, como órgano equivalente ao Consello de Ministros, no ámbito da Administración autonómica, o recoñecemento concreto da utilidade pública e a declaración da urxente ocupación dos bens afectados pola expropiación a que dá lugar a realización da obra, segundo o previsto nos artigos 10 e 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, de expropiación forzosa.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Infraestruturas e Vivenda e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día nove de xuño de dous mil dezaseis,

DISPOÑO:

Artigo único.

Declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade de urxente ocupación para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de mellora da estrada LU-124, treito Lindín (A-8)-A Cruz da Cancela (LU-122), de clave: LU/15/101.10.

Santiago de Compostela, nove de xuño de dous mil dezaseis

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Ethel Mª Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda