Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 121 Martes, 28 de xuño de 2016 Páx. 27241

IV. Oposicións e concursos

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 23 de maio do 2016, da Dirección Xeral de Administración Local, pola que se publica a convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, do posto de traballo de tesoureiro xeral do Concello da Coruña, entre funcionarios/as con habilitación de carácter nacional.

De conformidade co disposto nos artigos 27 e 28 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño, e demais normativa concordante de aplicación e no uso das facultades que lle confire o artigo 15.e) da Lei do emprego público de Galicia, en relación co artigo 241 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, e a Orde do 14 de maio de 2013, sobre delegación de competencias,

DISPÓN:

Publicar as bases da convocatoria para a provisión, polo sistema de libre designación, entre funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, do posto de traballo de tesoureiro/a xeral do Concello da Coruña que se xuntan como anexo a esta resolución, de acordo coas seguintes disposicións:

Primeira. O posto de traballo que se convoca poderá ser solicitado polos funcionarios/as con habilitación de carácter nacional, pertencentes á subescala e categoría en que estea clasificado o posto.

Non poderán concorrer á convocatoria os funcionarios/as que se atopen nas situacións previstas nas letras a), b) e c) do artigo 18.3 do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, modificado polo Real decreto 834/2003, do 27 de xuño.

Segunda. Os interesados dirixirán as súas solicitudes á corporación convocante, dentro dos quince días naturais seguintes ao da publicación da presente resolución no Boletín Oficial del Estado, acompañando á solicitude a documentación acreditativa de reunir os requisitos para o seu desempeño nos termos que figura na convocatoria.

Terceira. Os aspirantes deberán suxeitarse ás bases da convocatoria publicadas neste Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2016

José Alberto Pazos Couñago
Director xeral de Administración Local

ANEXO
Bases específicas para a provisión polo sistema de libre designación do posto de tesoureiro xeral do Concello da Coruña

Primeira. Constitúe o obxecto da presente convocatoria a provisión, polo sistema de libre designación, de conformidade co disposto no artigo 92.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora de bases de réxime local, do seguinte posto de traballo reservado a funcionarios/as da Administración local con habilitación de carácter nacional:

– Corporación: Concello da Coruña.

– Denominación do posto: tesoureiro xeral.

Características do posto:

a) O posto para cubrir encóntrase recollido no cadro de persoal e na relación de postos de traballo do concello.

b) O complemento de destino asignado a este posto é o correspondente ao nivel 30.

c) O sistema de provisión é o de libre designación.

d) O complemento específico anual fixado para este posto é de 40.338,17 €, o posto ten especial dedicación.

Segunda. Será requisito indispensable para concorrer á convocatoria ser funcionario da Administración local con habilitación de carácter nacional, pertencer á subescala de intervención-tesouraría, de acordo co establecido na Lei 7/1985, reguladora de bases de réxime local, e no disposto na relación de postos de traballo do Concello da Coruña e no artigo 2.f do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional.

Non poderán concorrer a esta convocatoria os funcionarios que se atopen comprendidos nos supostos a), b), c) que sinala o artigo 18, número 3, do Real decreto 1732/1994, do 29 de xullo, de provisión de postos de traballo reservados a funcionarios con habilitación de carácter nacional, e que son os seguintes:

a) Os funcionarios inhabilitados e os suspensos en virtude de sentenza ou resolución administrativa firmes, se non transcorrese o tempo sinalado nelas.

b) Os funcionarios destituídos a que se refire o artigo 148.5 do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local, aprobado polo Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril, durante o período a que se estenda a destitución.

c) Os funcionarios nas situacións de excedencia voluntaria a que se refire o artigo 29.3.c) e d), da Lei de medidas para a reforma da función pública, se non transcorrese o prazo de dous anos desde o paso a elas.

Terceira. Os aspirantes deberán acreditar que están en posesión do certificado de lingua galega, Celga 4 ou o seu equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. Aqueles aspirantes que non acrediten estar en posesión do Celga 4 ou o seu equivalente deberán facer unha proba na cal se avaliará, co resultado de apto ou non apto, o grao de coñecemento do galego, que deberá ser equivalente ao exixido para o Celga 4.

Cuarta. A convocatoria será remitida ao órgano competente da Xunta de Galicia para a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e remisión á Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas para a súa publicación no Boletín Oficial del Estado, conforme ao artigo 28 do Real decreto 1732/1994.

Quinta. As instancias solicitando tomar parte no proceso selectivo dirixiranse ao alcalde e presentaranse no Rexistro Xeral do Concello debidamente cubertas, durante o prazo de quince días naturais contados desde o seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Poderán remitirse na forma determinada na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

Á instancia xuntarase inescusablemente.

– Fotocopia do DNI.

– Certificado que acredite o coñecemento de lingua galega, Celga 4 ou os eu equivalente.

– Un curriculum vitae en que figure:

– Titulación académica.

– Acreditación da condición de funcionario/a da Administración local con habilitación de carácter nacional, subescala intervención-tesouraría.

– Os postos de traballo desempeñados na subescala de intervención-tesouraría.

– Os postos de traballo desempeñados nas administracións públicas distintos dos anteriores.

– Os anos de servizo.

– Estudos, cursos, formación e especialización impartidos e recibidos.

Calquera outro mérito que considere oportuno destacar en relación coas funcións atribuídas ao posto solicitado, pertencente a un municipio de gran poboación nos termos da Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local.

Ao devandito currículo deberán xuntarase os documentos xustificativos dos méritos que se aleguen, mediante certificacións ou fotocopias compulsadas, pois non serán valorados aqueles que non queden debidamente acreditados, en todos os seus aspectos, dentro do prazo de presentación de instancias.

Sexta. Segundo o disposto nos artigos 127 e 130 da Lei 7/1985, do 2 de abril, bases de réxime local, e dada a súa natureza de órgano directivo segundo o regulamento orgánico municipal, o nomeamento do titular da tesouraría xeral será realizado pola Xunta de Goberno Local, logo de constatación da concorrencia dos requisitos exixidos na convocatoria e da acreditación dos méritos alegados polo candidato/a. O acordo de nomeamento da Xunta de Goberno Local, por proposta da concelleira de Facenda e Administración, adoptarase no prazo de 45 días desde a finalización do prazo de presentación de instancias, dando conta ao Pleno da corporación e traslado del ao órgano competente da Xunta de Galicia e a Dirección Xeral de Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. O acordo da Xunta de Goberno Local deberá ser motivado, con referencia ao cumprimento, por parte do candidato/a, dos requisitos e especificacións exixidos na convocatoria e da competencia para proceder ao seu nomeamento. O posto será adxudicado entre os /as candidatos/as que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria. En todo caso, deberá quedar acreditado no procedemento, como fundamento do acordo adoptado, a observación do procedemento debido.

Sétima. Esta convocatoria e a súa resolución serán remitidas ao órgano competente da Xunta de Galicia e á Dirección Xeral da Función Pública do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, para os efectos oportunos.

Oitava. Os prazos para a toma de posesión serán os mesmos que os establecidos para os funcionarios con habilitación nacional nomeados en virtude do procedemento de concurso.

Novena.- Contra a presente resolución, que esgota a vía administrativa, poderán os interesados interpoñer recurso de reposición ante a Xunta de Goberno Local no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o recurso contencioso administrativo ante o xulgado contencioso-administativo da Coruña, no prazo de dous meses desde a citada data.

Eugenia Vieito Branco, concelleira de Facenda e Administración