Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 118 Mércores, 22 de xuño de 2016 Páx. 25886

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 10 de xuño de 2016 pola que se modifica o Regulamento da indicación xeográfica protexida Tarta de Santiago e do seu Consello Regulador.

O Consello Regulador da indicación xeográfica protexida Tarta de Santiago aprobou propoñer á Consellería do Medio Rural unha modificación do seu regulamento, aprobado mediante a Orde do 10 de febreiro de 2010.

Trátase dunha modificación puntual que afecta o artigo 18, que regula as baixas no Consello Regulador. Con esta modificación preténdese que haxa, como ocorre nos regulamentos doutros consellos reguladores, un vínculo entre a inscrición no rexistro do consello regulador e a efectiva realización da actividade coa que se relaciona a inscrición, de xeito que poidan ser dados de baixa, logo de audiencia ao interesado, aqueles operadores que durante un período de tempo prolongado non elaborasen e comercializasen tortas amparadas pola indicación xeográfica protexida.

A modificación proposta non afecta o contido do prego de condicións que serviu de base para a inscrición desta indicación xeográfica protexida no rexistro europeo, ao circunscribirse ao ámbito do funcionamento do consello regulador. Por iso non é necesario tramitar unha modificación do citado documento.

Polo anterior, e tendo en conta as competencias conferidas en virtude do Decreto 4/2007, do 18 de xaneiro, polo que se regulan as denominacións xeográficas de calidade do sector alimentario e os seus consellos reguladores,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do artigo 18 da Orde do 10 de febreiro de 2010

Modifícase o artigo 18 da Orde do 10 de febreiro de 2010 pola que se aproba o Regulamento da indicación xeográfica protexida Tarta de Santiago e do seu Consello Regulador, se nomea o Consello Regulador provisional e se dá publicidade ao prego de condicións do produto (DOG núm. 32, do 17 de febreiro), de xeito que se engade unha nova alínea co seguinte texto:

«3. O Consello Regulador, logo de audiencia ao interesado, poderá dar de baixa os inscritos no rexistro despois de máis dun ano continuado sen actividade. Os cambios de titularidade interromperán o prazo sinalado».

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de xuño de 2016

Ángeles Vázquez Mejuto
Conselleira do Medio Rural