Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 114 Xoves, 16 de xuño de 2016 Páx. 24747

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2016, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se concede a autorización administrativa previa e de construción dunha instalación de distribución eléctrica no concello de Padrón (expediente IN407A 2015/223-1).

Expediente: IN407A 2015/223-1.

Promotora: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Denominación da instalación: subestación Padrón 66/20 kV, blindaxe MT.

Concello: Padrón.

Feitos:

1. O 22 de xullo de 2015 o promotor solicitou a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción do proxecto de execución da instalación de distribución eléctrica indicada.

2. O proxecto someteuse ao trámite de información pública mediante a súa inserción no DOG do 17 de setembro de 2015 e no BOP do 4 de setembro de 2015.

3. Solicitouse o preceptivo informe ás distintas administracións, organismos ou, se é o caso, empresas de servizo público ou de servizos de interese xeral afectados. O promotor manifestou a súa conformidade cos condicionados establecidos.

4. Os servizos técnicos da xefatura territorial emitiron un informe favorable sobre a dita solicitude.

5. Durante o período no que se someteu o proxecto ao trámite de información pública foron presentadas as seguintes alegacións, das cales se deu traslado a Unión Fenosa Distribución, S.A.

– Antonio Fernández Angueira, en calidade de alcalde do Concello de Padrón, mediante escrito do 8 de outubro de 2015, solicita que se denegue a autorización alegando en síntese o seguinte:

Primeira. Aínda que a actuación resulta autorizable desde o punto urbanístico, segundo informou o propio concello, o PXOM que está en vigor atópase desfasado estase a tramitar na actualidade un novo PXOM no que é previsible que a zona ocupada pola subestación poida ver modificada a súa cualificación urbanística actual.

Segunda. As actuacións atópanse dentro dunha zona declarada ben de interese cultural (BIC), coa categoría de lugar pintoresco, declarado polo Real decreto 3266/1977, do 11 de novembro, e que o Camiño Portugués de Santiago discorre polas inmediacións da subestación.

– Xoán A. Santaló Ríos, concelleiro do BNG na Corporación de Padrón, mediante escrito do 8 de outubro, solicita que se denegue a autorización e alega en síntese o seguinte:

Primeira. As actuacións atópanse dentro dunha zona declarada ben de interese cultural (BIC), coa categoría de lugar pintoresco, declarado polo Real decreto 3266/1977, do 11 de novembro.

Segunda. A subestación é unha fonte de emisións de ondas electromagnéticas e, segundo importantes centros de investigación, como o Instituto Karolinska de Estocolmo, estableceron que a exposición aos ditos campos incrementa a posibilidade de padecer determinados tipo de cancro e outros problemas de saúde.

Terceira. A construción da instalación eléctrica suporía un incremento da potencia desta e, así mesmo, a súa execución consolidaría de maneira permanente a localización da subestación, o que suporía un importante obstáculo para o crecemento inmediato e futuro de Padrón, nun momento que se está a revisar o planeamento municipal.

– Teresa Rey Pazos, concelleira do Grupo Mixto polo partido político Veciños de Padrón, mediante escrito do 14 de setembro, solicita que se denegue a autorización, se inste a UFD a trasladar a subestación a un lugar onde non exista risco para a poboación e ao soterramento das liñas eléctricas, e alega en síntese o seguinte:

Primeira. A subestación é unha fonte de emisións de ondas electromagnéticas prexudiciais para a saúde e que a Fundación Europea de Electromagnetismo recomenda que non haxa subestacións en núcleos urbanos a non ser que se deixe un metro de distancia por cada kilovatio que se procese, non sendo este o caso da subestación de Padrón. Incumpre, así mesmo, os principios de cautela e de acción preventiva reflectidos no Tratado Constitutivo da Unión Europea e na Constitución Española.

Segunda. A subestación incumpre as exixencias de seguridade reflectidas no Decreto 2424/1961, do 30 de novembro.

– Eloy Rodríguez Carbia, concelleiro do grupo político da Converxencia de Independentes de Padrón, mediante escrito do 17 de setembro, solicita que se denegue a autorización e alega en síntese o seguinte:

Primeira. A subestación é unha fonte de emisións de ondas electromagnéticas prexudiciais para a saúde e estanse a incumprir as distancias de seguridade que deben de manterse respecto dos núcleos urbanos.

Segunda. A construción da instalación eléctrica consolidaría, de maneira permanente, a localización da subestación, o que suporía un importante obstáculo para o crecemento inmediato e futuro de Padrón, nun momento que se está a revisar o planeamento municipal.

En relación coas anteriores alegacións, Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou os seguintes escritos de contestación:

– Escrito con data do 9 de novembro de 2015, no que se valoran as alegación presentadas polo alcalde do Concello de Padrón, no que, en síntese, manifesta o seguinte:

A autorización administrativa previa e de construción e a licenza urbanística municipal teñen unha natureza regrada e, que se a solicitude e documentación achegada acredita o cumprimento da normativa que lle sexa de aplicación e se axusta ao ordenamento xurídico aplicable e, non existindo reparos ou obxeccións normativas por parte das administracións sectoriais competentes na súa materia, a autorización deberá outorgarse, sen que caiba oporse baixo criterios simples de oportunidade.

O Concello non menciona ningún impedimento legal para tramitar a autorización administrativa.

– Escrito con data do 3 de novembro de 2015, no que se valoran as alegacións presentadas por Xoán A. Santaló Ríos, no que, en síntese, manifesta o seguinte:

Dado que a actuación se atopa dentro do ámbito declarado BIC, tal como informa o Concello no seu condicionado, darase traslado do expediente a Patrimonio co fin de obter o correspondente informe preceptivo.

– Debido á infinidade de estudos e traballos con opinións encontradas respecto dos efectos dos campos electromagnéticos sobre a saúde humana, o Goberno español, a través do Ministerio de Sanidade e Consumo, convocou un comité multidisciplinar de expertos independentes co fin de elaborar un informe ao respecto e chega á conclusión final de que a exposición a campos electromagnéticos non ocasiona efectos adversos para a saúde, dentro dos límites establecidos na Recomendación do Consello de Ministros de Sanidade da Unión Europea (1959/519/CE), relativa á exposición do público a campos electromagnéticos de 0 Hz. A 300 GHz. Os límites establecidos para exposición ao público na Recomendación son de 5.000 V/m para os campos eléctricos e de 100 microteslas para os campos magnéticos, e pode afirmar que a instalación a plena potencia non excede os anteditos límites.

A actuación conta coa protección das normas urbanísticas aplicables.

– Escrito con data do 3 de novembro de 2015, no que se valoran as alegacións presentadas por Teresa Rey Pazos, no que en síntese manifesta o seguinte:

O mesmo que na alegación segunda de Xoán A. Santaló Ríos.

Que o Decreto 2424/1961, do 30 de novembro, está derrogado en Galicia polo Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental en Galicia, o cal foi derrogado pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

– Escrito con data do 3 de novembro de 2015, no que se valoran as alegacións presentadas por Eloy Rodríguez Carbia, no que en síntese manifesta o seguinte:

O mesmo que na alegación segunda de Xoán A. Santaló Ríos.

Que a UDF lle corresponde dar estrito cumprimento á normativa vixente.

Consideracións legais e técnicas:

1. A Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico.

2. O Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

3. O Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-LAT 01 a 09.

4. O Real decreto 337/2014, do 9 de maio, polo que se aproban o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en instalacións eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias ITC-RAT 01 a 23.

5. O Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión.

6. As características técnicas da instalación son as seguintes:

Blindaxe do parque de 20 kV da subestación mediante a instalación de celas illadas en SF6, tipo Nxplus de ISOWAT, configuración dobre barra.

Instalaranse dous novos transformadores de servizos auxiliares de 160 kVA que substituirán o existente. Renovarase tamén o cadro de SSAA e as baterías de 125 Vcc e 48 Vcc.

Instalaranse nun novo edificio singular anexo ao edificio de 66 kV existente.

O orzamento da instalación segundo o proxecto é de 1.441.917,64 €.

7. En relación coas alegacións formuladas e coas manifestacións de Unión Fenosa Distribución, S.A. ao respecto, cómpre sinalar o seguinte:

– Non procede atender as solicitudes realizadas por Antonio Fernández Angueira, Xoán Santaló Ríos, Teresa Rey Pazos e Eloy Rodríguez Carbia polo seguinte:

A competencia urbanística compételle ao Concello o que xa dixo, no seu momento, que era autorizable desde o punto de vista urbanístico.

Remitiuse o proxecto á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a cal emitiu informe condicionado, o cal foi aceptado por UFD. Así mesmo, indicar que, de acordo co artigo 120.2 do título VII do Real decreto 1955/2000, as autorizacións a que se refire o presente título serán outorgadas, sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

A cuestión do hipotético perigo para a saúde que represente a instalación prevista é materia que se deberá recoller nas consideracións ambientais, se as houber. Desde o punto de vista regulamentario as actuacións cumpren coas distancias de seguridade. En todo caso, dicir que o Consello da Unión Europea aprobou o 12 de xullo de 1999 unha recomendación relativa á exposición do público en xeral a campos electromagnéticos de entre 0 Hz e 300 GHz, que foi publicada no Diario Oficial de las Comunidades Europeas, na que se encomenda aos estados membros a adopción dun marco de restricións básicas e niveis de referencia. Os límites establecidos para exposición ao público na Recomendación son de 5.000 V/m, para os campos eléctricos, e de 100 microteslas, para os campos magnéticos, e, segundo indica UFD, coas actuacións proxectadas non se van alcanzar os ditos límites.

A actuación non está afectada polo Decreto 2424/1961, do 30 de novembro, pois está derrogado en Galicia polo Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación de incidencia ambiental en Galicia, o cal foi derrogado pola Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia.

8. No expediente consta un informe favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

1. Conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción á instalación de distribución eléctrica indicada.

2. A instalación executarase no prazo dun ano, contado a partir do día seguinte ao da publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

3. Para a posta en funcionamento da instalación autorizada, deberá presentar ante esta xefatura territorial unha solicitude que se acompañará da seguinte documentación:

• As declaracións de conformidade relativas ao material ou equipamento, e as certificacións ou homologacións, se procede.

• Un certificado do director da montaxe no que se garantirá o cumprimento das especificacións do proxecto e prescricións complementarias, se as houbera, así como das regulamentacións e normas oportunas, na montaxe da instalación e posta a punto.

4. Esta aprobación outórgase sen prexuízo doutras que fosen de aplicación segundo a lexislación vixente, en especial a relativa á ordenación do territorio e ao ambiente.

Contra esta resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación nos termos establecidos nos artigos 107, 100, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro), sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que se considere pertinente.

A Coruña, 4 de maio de 2016

Isidoro Martínez Arca
Xefe territorial da Coruña