Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 112 Martes, 14 de xuño de 2016 Páx. 24256

V. Administración de xustiza

Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 da Estrada

EDICTO (232/2015 0001).

Matías Recio Juárez, letrado da Administración de xustiza do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 da Estrada, polo presente anuncio:

No presente procedemento seguido por instancia de Carlos Picallo Tarrío fronte a Andrea Batista Pereira ditouse auto o 21.4.2016 que é do teor literal seguinte, así como auto de aclaración deste o 27.4.2016, que se transcribe na súa parte necesaria, cuxa resolución é do teor literal seguinte:

«Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 da Estrada

F04 peza de medidas provisionais coetáneas 232/2015 0001

Procedemento de orixe: divorcio contencioso 232/2015

Sobre outras materias

Demandante: Carlos Picallo Tarrío

Procuradora: Raquel Puente Fernández

Avogado: José Francisco Parada Caramés

Demandada: Andrea Batista Pereira

Auto

Xuíza: Alejandra Iglesias Cereijo

Na Estrada o vinte e un de abril de dous mil dezaseis.

Antecedentes do feito:

Vistos por min, Alejandra Iglesias Cereijo, xuíza titular do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 da Estrada, os autos de medidas provisionais do divorcio 232/2015, interposto por Carlos Picallo Tarrío, representado pola procuradora dos tribunais Raquel Puente Fernández e asistido de letrado José Francisco Parada Caramés, contra Andrea Batista Pereira, declarado en situación de rebeldía procesual. Intervén nos autos o Ministerio Fiscal.

Antecedentes de feito:

Primeiro. O 26 de xuño de 2015 a representación procesual de Carlos Picallo Tarrío presenta demanda de divorcio contra Andrea Batista Pereira, onde pide, en virtude de outrosí digo, a adopción das medidas provisionais.

Segundo. Admítese a trámite a demanda e convócanse as partes e o Ministerio Fiscal á comparecencia do 773 da LAC en relación co 771 do mesmo corpo legal.

Terceiro. O 14 de abril do 2016 celébrase a comparecencia de medidas provisionais, a parte demandante afírmase e ratifica na súa demanda e nas medias solicitadas, a parte demandada legalmente citada non comparece e declárase en situación de rebeldía procesual, a parte e o Ministerio Fiscal propoñen os medios de proba que teñen por conveniente. Practicada a proba proposta efectúan as partes as súas conclusións. Quedan os autos vistos para ditar resolución.

Fundamentos xurídicos:

Primeiro. O artigo 773 da LAC establece: “O cónxuxe que solicite a nulidade do seu matrimonio, a separación ou o divorcio poderá pedir na demanda o que considere oportuno sobre as medidas provisionais que cómpre adoptar, sempre que non se adoptasen con anterioridade. Tamén poderán ambos os cónxuxes someter á aprobación do tribunal o acordo a que chegasen sobre tales cuestións. Este acordo non será vinculante para as pretensións respectivas das partes nin para a decisión que poida adoptar o tribunal no que respecta ás medidas definitivas. Admitida a demanda, o tribunal resolverá sobre as peticións a que se refire o número anterior e, na súa falta, acordará o que proceda, dando cumprimento, en todo caso, ao disposto no artigo 103 del Código civil”.

O artigo 103 do Código civil establece as medidas que se poden adoptar neste momento: “Admitida a demanda, o xuíz, na falta de acordo de ambos os cónxuxes aprobado xudicialmente, adoptará, con audiencia destes as medidas seguintes:

1. Determinar, en interese dos fillos, con cal dos cónxuxes teñen de quedar os suxeitos á patria potestade de ambos os dous e tomar as disposicións apropiadas de acordo co establecido neste Código e, en particular, a forma en que o cónxuxe que non exerza a garda e custodia dos fillos poderá cumprir o deber de velar por estes e o tempo, modo e lugar en que poderá comunicar con eles e telos na súa compañía.

Excepcionalmente, os fillos poderán ser encomendados aos avós, parentes ou outras persoas que así o consentiren e, de non os haber, a unha institución idónea, conferíndolles as funcións tutelares que exercerán baixo a autoridade do xuíz.

Cando exista risco de substracción do menor por algún dos cónxuxes ou por terceiras persoas poderán adoptarse as medidas necesarias e, en particular, as seguintes:

a. Prohibición de saída do territorio nacional, salvo autorización xudicial previa.

b. Prohibición de expedición do pasaporte ao menor ou retirada deste se xa se tiver expedido.

c. Sometemento a autorización xudicial previa de calquera cambio de domicilio do menor.

2. Determinar, tendo en conta o interese familiar máis necesitado de protección, cal dos cónxuxes debe continuar no uso da vivenda familiar e, así mesmo, logo de inventario, os bens e obxectos do enxoval que continúan nesta e os que debe levar o outro cónxuxe, así como tamén as medidas preventivas convenientes para conservar o dereito de cada un.

3. Fixar a contribución de cada cónxuxe ás cargas do matrimonio, incluídas, se procede, as litis expensas, establecer as bases para a actualización de cantidades e dispoñer as garantías, depósitos, retencións ou outras medidas preventivas convenientes, co fin de asegurar a efectividade do que por estes conceptos un cónxuxe deba aboar ao outro.

Considerarase contribución ás devanditas cargas o traballo que un dos cónxuxes dedicará á atención dos fillos comúns suxeitos a patria potestade.

4. Sinalar, atendidas as circunstancias, os bens gananciais ou comúns que, logo de inventario, se deban entregar a un ou outro cónxuxe e as regras que deban observar na administración e disposición, así como na obrigatoria rendición de contas sobre os bens comúns ou parte deles que reciban e os que adquiran a partir deste momento.

5. Determinar, se é o caso, o réxime de administración e disposición daqueles bens privativos que por capitulacións ou escritura pública estiveran especialmente afectados ás cargas do matrimonio”.

Cabe tamén facer mención ao disposto no 102 do Código civil: “Admitida a demanda de nulidade, separación ou divorcio, prodúcense, por ministerio da lei, os efectos seguintes:

1. Os cónxuxes poderán vivir separados e cesa a presunción de convivencia conxugal.

2. Quedan revogados os consentimentos e poderes que calquera dos cónxuxes tivese outorgado ao outro.

Así mesmo, salvo pacto en contrario, cesa a posibilidade de vincular os bens privativos do outro cónxuxe no exercicio da potestade doméstica. Para estes efectos, calquera das partes poderá instar a oportuna anotación no Rexistro Civil e, se é o caso, nos da propiedade e mercantil”.

Segundo. Patria potestade.

Ambos os proxenitores manterán o exercicio conxunto da patria potestade, de acordo co disposto nos artigos 154 e 156 do CC.

En concreto, o artigo 156 establece: “A patria potestade exercerase conxuntamente por ambos os proxenitores ou por un só co consentimento expreso ou tácito do outro. Serán válidos os actos que realice un deles conforme o uso social e as circunstancias ou en situacións de urxente necesidade.

En caso de desacordo, calquera dos dous poderá acudir ao xuíz, quen, despois de oír ambos os dous e o fillo se ten suficiente xuízo e, en todo caso, se é maior de doce anos, atribuirá sen ulterior recurso a facultade de decidir ao pai ou á nai. Se os desacordos son reiterados ou concorre calquera outra causa que entorpeza gravemente o exercicio da patria potestade, poderá atribuíla total ou parcialmente a un dos pais ou distribuír entre eles as súas funcións. Esta medida terá vixencia durante o prazo que se fixe, que non poderá nunca exceder os dous anos.

Nos supostos dos parágrafos anteriores, respecto de terceiros de boa fe, presumirase que cada un dos proxenitores actúa no exercicio ordinario da patria potestade co consentimento do outro.

Na falta ou por ausencia, incapacidade ou imposibilidade dun dos pais, a patria potestade será exercida exclusivamente polo outro.

Se os pais viven separados, a patria potestade exerceraa aquel con quen o fillo conviva. Non obstante, o xuíz, por solicitude fundada do outro proxenitor, poderá, en interese do fillo, atribuír ao solicitante a patria potestade para que a exerza conxuntamente co outro proxenitor ou distribuír entre o pai e a nai as funcións inherentes ao seu exercicio”.

Da declaración prestada na vista por Carlos ante as manifestacións vertidas da ausencia de relación de ambos os proxenitores entre si e da demandada co seu fillo menor debe atribuírse a Carlos ante a situación existente que entorpece o exercicio conxunto da patria potestade, en atención ao superior beneficio e interese do menor, que sexa o pai en exclusiva quen exerza certas funcións inherentes ao exercicio da patria potestade, así acórdase que Carlos coa súa soa sinatura poida obter a expedición do pasaporte do menor Joao, así como coa súa soa sinatura poida matricular o menor nos centros escolares que se teña por conveniente, ou que sexa Carlos quen teña en exclusiva o exercicio da patria potestade para adoptar decisións referentes á residencia do fillo menor e tomar decisións no ámbito sanitario que afecten o menor.

Terceiro. Garda e custodia/réxime de visitas.

Das declaracións efectuadas por Carlos, non tendo comparecido a demandada e por iso non sendo posible tomarlle declaración, enténdese que a garda e custodia do seu fillo menor debe ser atribuída ao seu pai, con quen xa convive na actualidade desde a separación. Queda acreditado que desde hai dous anos Andrea marchou do domicilio familiar e desde ese momento non volveron ter noticias súas. Durante a época de convivencia matrimonial era o pai o que se encargaba do coidado do menor. Carlos refire que o menor desde os dous anos e medio vive con el, no ano 2007 adoptouno legalmente, a nai nunca se preocupou en exceso polo coidado do menor e a día de hoxe non mantén ningún contacto con ela e descoñécese calquera dato referente a esta.

En relación co réxime de visitas, despréndese na vista que Andrea desde hai dous anos non mantén ningún contacto nin relación co seu fillo, e Carlos afirma que non entende conveniente que se fixe un réxime de visitas xa que considera que isto pode chegar a prexudicar o menor.

Por todo iso, debido á ausencia total de relación que no momento actual Andrea mantén co seu fillo João, en atención ao superior interese do menor, enténdese que non debe fixarse réxime de visitas da nai co fillo menor.

Cuarto. Pensión de alimentos.

Terase en conta o disposto no artigo 93 do Código civil: “O xuíz, en todo caso, determinará a contribución de cada proxenitor para satisfacer os alimentos e adoptará as medidas convenientes para asegurar a efectividade e acomodación das prestacións ás circunstancias económicas e necesidades dos fillos en cada momento”.

Para fixar a pensión de alimentos a favor dos fillos tense que valorar a capacidade económica de cada un dos proxenitores, así como as necesidades económicas dos fillos.

No caso de autos, Andrea, legalmente citada, non comparece a este acto. A LAC no seu artigo 771.3 establece: “ (...) A falta de asistencia, sen causa xustificada, dalgún dos cónxuxes á comparecencia poderá determinar que se consideren admitidos os feitos alegados polo cónxuxe presente para fundamentar as súas peticións sobre medidas provisionais de carácter patrimonial”.

Carlos no momento actual traballa como autónomo, os seus ingresos non son fixos, como media se pode entender que percibe uns 500 euros mensuais como mínimo.

En relación con Andrea, descoñécense datos da súa capacidade económica actual.

Da declaración prestada evidénciase que o menor reside no domicilio co pai, ten os gastos propios de alimento e roupa dun menor de 13 anos de idade.

Do conxunto da proba practicada ponse de relevo que ben que se carece de datos exactos e precisos da capacidade económica de Andrea, non se pode obviar o deber de ambos os proxenitores de colaborar cos gastos que os seus fillos menores precisen para atender as súas necesidades.

Atendendo á capacidade económica dos proxenitores e ás necesidades económicas do menor, considérase adecuado o aboamento dunha pensión de alimentos de 150 euros conveniente para satisfacer as necesidades do fillo menor xa que Andrea debe afrontar, polo menos, o que doutrinalmente se vén coñecendo como o mínimo vital ou imprescindible para o desenvolvemento da existencia dos fillos menores a que deben coadxuvar os seus proxenitores pola súa condición de tal, mínimo vital que na doutrina se vén considerando exixible mesmo a persoas en probada situación de desemprego e internos nun centro penitenciario.

Por iso, considérase que a pensión de alimentos a cargo de Andrea Batista Pereira será de 150 euros, que se ingresará nos 5 primeiros días do mes na conta que o pai designe para o efecto. A devandita cantidade actualizarase conforme o IPC anual que publique o INE ou organismo que o substitúa na data un de xaneiro de cada ano.

Quinto. Gastos extraordinarios.

Respecto do concepto de tales gastos debe precisarse que estes integran tamén a obriga alimenticia pero nacen das necesidades dos fillos de natureza excepcional, eventuais, ás veces de difícil previsión e dun montante económico considerable, que por iso non poden incluírse na pensión ordinaria, á vez que non poden ser custeados por un só dos proxenitores sen desequilibrar no seu prexuízo a equivalencia das súas respectivas contribucións.

Merecerán a consideración de gastos extraordinarios, entre outros, os derivados da atención dos fillos en sanidade privada por enfermidades, o custo pola adquisición ou uso de prótese, o custo doutras actividades médicas ou cirúrxicas non cubertas pola Seguridade Social e os gastos farmacéuticos inherentes a estas, ou calquera outro similar.

Os proxenitores aboarán, en atención á súa capacidade económica, estes gastos extraordinarios ao 50 %.

Sexto. Atribución do uso e desfrute do domicilio familiar.

Atribúese o uso e desfrute do domicilio familiar e do seu enxoval sito na avenida de Vigo, 31, a Carlos, en cuxa compañía queda o fillo menor e desempeña a súa garda e custodia.

Sétimo. Custas procesuais.

Respecto ás custas procesuais, ao tratarse dun proceso especial de familia que se subtrae da aplicación do disposto no artigo 394 da LAC, non fai mención especial sobre estas.

Parte dispositiva

Acordo a adopción das seguintes medidas provisionais:

1. A separación provisional dos cónxuxes.

2. A revogación dos consentimentos e poderes que calquera dos cónxuxes outorgase ao outro.

3. O cesamento da posibilidade de vincular os bens privativos do outro cónxuxe no exercicio da potestade doméstica.

4. A patria potestade compartida, atribúese ao pai que en exclusiva desempeñará certas funcións inherentes ao exercicio da patria potestade; Carlos Picallo Tarrío coa súa soa sinatura poderá obter a expedición do pasaporte da menor Paula Martínez Bustelo, así como coa súa soa sinatura poderá matricular o menor João Víctor Picallo Batista nos centros escolares que se teña por conveniente, adoptar decisións referentes á residencia e no ámbito sanitario que afecten o menor.

5. Atribúese a garda e custodia de João Víctor Picallo Batista ao seu pai Carlos Picallo Tarrío.

6. Non se establece réxime de visitas de Andrea Batista Pereira en relación co seu fillo João Víctor Picallo Batista.

7. Andrea Batista Pereira debe aboar unha pensión de alimentos a favor do seu fillo de 150 euros mensuais que se ingresarán nos 5 primeiros días de cada mes na conta que se designe para o efecto e que será actualizada cada un de xaneiro conforme o IPC que conste no INE.

8. Os gastos extraordinarios, relatados no fundamento xurídico cuarto desta resolución, serán aboados por ambos os proxenitores ao 50 %.

9. Atribúese o uso e desfrute do domicilio familiar e do seu enxoval sito na avenida de Vigo, 31, a Carlos Picallo Tarrío.

Non se fai expresa condena en custas.

Notifíquese ás partes e indíquese que, conforme o 773 da LAC, este auto é firme e non cabe recurso contra el.

Así o acordo, mando e asino.

A xuíza O letrado da Administración do Estado»

Resolución do auto aclaratorio

Rectificar o auto do 21 de abril de 2016 na súa parte dispositiva no seguinte teor:

«A patria potestade compartida atribúese ao pai, que en exclusiva desempeñará certas funcións inherentes ao exercicio da patria potestade; Carlos Picallo Tarrío coa súa soa sinatura poderá obter a expedición do pasaporte do menor João Víctor Picallo Batista, así como coa súa soa sinatura poderá matricular o menor João Víctor Picallo Batista nos centros escolares que se teña por conveniente, adoptar decisións referentes á residencia e no ámbito sanitario que afecten o menor.

Notifíquese a presente resolución ás partes, advertíndolles que esta é firme, pois contra ela non cabe interpoñer recurso ningún, sen prexuízo, conforme establece o artigo 215 da LAC, dos recursos que, se é o caso, procedan contra a sentenza principal.

Así o acorda e asina, Alejandra Iglesias Cereijo, xuíza titular do xulgado de Primeira Instancia e Instrución número 2 da Estrada.

A maxistrada xuíza O letrado da Administración de xustiza»

Que, en virtude do acordado nos autos de referencia e de conformidade co disposto nos artigos 156.4 e 164 da LAC, encontrándose a demandada Andrea Batista Pereira con domicilio e paradoiro descoñecido, expídese o presente edicto, co fin de que sirva de notificación en forma a esta.

A Estrada, 26 de maio de 2016

O letrado da Administración de xustiza