Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 3 de xuño de 2016 Páx. 22032

III. Outras disposicións

Universidade de Santiago de Compostela

RESOLUCIÓN do 23 de maio de 2016 pola que se modifica o ficheiro de datos de carácter persoal número 13 denominado Usuarios de servizos da USC.

A disposición adicional segunda, 2, da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE núm. 298, do 14 de decembro), especifica que a creación ou modificación dos ficheiros das administracións públicas só poderá facerse mediante a disposición xeral correspondente.

A Universidade de Santiago de Compostela (USC) aprobou a regulación dos seus ficheiros para a súa adecuación á LOPD mediante a Resolución do 24 de xuño de 2002 e con posterioridade foi aprobando e inscribindo os novos ficheiros.

Un destes ficheiros, aprobado pola Resolución reitoral do 26 de xaneiro de 2005 e publicado no DOG do 17 de febreiro de 2005, é o de «Usuarios de servizos da USC».

Este ficheiro, no cal se inclúen servizos non académicos, vén de incorporar determinados colectivos dos cales é necesario ter algúns datos de saúde, tanto na admisión como no desenvolvemento da actividade, para que esta se poida prestar de xeito adecuado.

Na súa virtude, e co fin de dar cumprimento ao mandato legal do artigo 20 da LOPD, sobre creación ou modificación de ficheiros que conteñan datos de carácter persoal xestionados pola Universidade de Santiago de Compostela, e de asegurar ás persoas administradas o exercicio dos seus lexítimos dereitos, procede modificar o ficheiro indicado do seguinte xeito e para isto

RESOLVO:

Primeiro. Modifícase o ficheiro de datos de carácter persoal nº 13 denominado «Usuarios de servizos da USC».

A súa descrición contense no anexo desta resolución, indicando o nivel de medidas de seguridade, en aplicación do Real decreto 1720/2007, do 21 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de desenvolvemento da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Segundo. A aprobación desta resolución non supón a supresión de ningún ficheiro de datos de carácter persoal, polo que non é necesaria a aplicación do disposto no artigo 20.3 da LOPD.

Terceiro. Ademais das cesións previstas, poderanse realizar cesións sempre que así se recolla nunha norma ou para os efectos de remitir datos aos servizos estatísticos, tanto estatais como da comunidade autónoma, para o desenvolvemento das funcións propias destes servizos ou entidades, e cos límites establecidos na lei.

Cuarto. Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de maio de 2016

Juan Viaño Rey
Reitor da Universidade de Santiago de Compostela

ANEXO I

Ficheiro nº 13 «Usuarios de servizos da USC»

a) Identificación do ficheiro:

Ficheiro para usuarios de servizos da USC.

b) Órgano, ente ou autoridade administrativa responsable do ficheiro:

Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social.

Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega.

Rúa Casas Reais, 8, 15782 Santiago de Compostela (A Coruña).

c) Órgano, servizo ou unidade en que se deberán exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición:

Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Responsabilidade Social.

Casa Jimena e Elisa Fernández de la Vega.

Rúa Casas Reais, 8, 15782 Santiago de Compostela (A Coruña).

d) Descrición detallada da finalidade e dos usos previstos do ficheiro:

Ficheiro para a xestión de persoas físicas ás cales a Universidade de Santiago de Compostela lles oferte e preste os seus servizos non académicos.

Os usos previstos son os de xestión das actividades que oferte a USC e facilitarlle información sobre servizos e actividades universitarias.

e) Tipificación da finalidade e usos previstos:

Educación e cultura.

f) Orixe e procedencia dos datos:

O propio interesado ou representantes legais.

g) Persoas ou colectivos sobre os cales se pretende obter datos ou que resultan obrigados a subministralos:

Usuarios de todo tipo de servizos e actividades, xa sexan culturais, deportivas, etc., que oferte a USC.

h) Tipos de datos de carácter persoal que se incluirán no ficheiro:

Datos identificativos: nome e apelidos, DNI, enderezo, teléfono, correo electrónico, sexo, data de nacemento, sinatura electrónica, imaxe/voz.

Outros tipos de datos: circunstancias persoais e académicas.

Datos identificativos dos representantes (no caso de ser menores): nome e apelidos, DNI, enderezo, teléfono, correo electrónico, sexo, data de nacemento, sinatura electrónica.

Datos especialmente protexidos: datos de saúde.

i) Sistema de tratamento do ficheiro:

Mixto.

j) Medidas de seguridade:

Medidas de nivel alto.

k) Órganos e entidades destinatarios das cesións previstas, indicando as transferencias internacionais:

Empresas e institucións colaboradoras da USC: Fundación USC Deportiva, federacións, administracións públicas con competencias na materia.