Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Venres, 3 de xuño de 2016 Páx. 22036

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ORDE do 12 de maio de 2016 pola que se anuncia a convocatoria pública para a provisión, polo sistema de libre designación, dun posto de traballo vacante na entidade pública empresarial Augas de Galicia.

De conformidade co establecido no artigo 92 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG núm. 82, do 4 de maio), e no artigo 16 do Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e no uso das atribucións conferidas polo artigo 17.2.c) da mesma lei, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Anunciar a convocatoria para cubrir, polo sistema de libre designación, o posto de traballo que se indica no anexo I desta orde.

Segundo. Poderán concorrer a ela os/as funcionarios/as de carreira que reúnan as condicións que para o posto de traballo se sinalan no anexo I.

Terceiro. As solicitudes para participar nesta convocatoria presentaranse no Rexistro Xeral de Augas de Galicia (praza Camilo Díaz Baliño, Santiago de Compostela), nos seus servizos territoriais ou nas oficinas previstas no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo de quince (15) días, contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o modelo que se inclúe como anexo II.

Cuarto. Os/as aspirantes deberán unir á petición un curriculum vitae e xustificar mediante certificación ou copia compulsada os méritos que aleguen.

Quinto. No caso de que resulte seleccionado/a para ocupar o posto de traballo que se relaciona no anexo I desta orde un/unha funcionario/a con destino noutra Administración pública, tramitarase o seu traslado a esta comunidade autónoma conforme o previsto no artigo 67 do Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, e as demais disposicións concordantes.

Sexto. A resolución desta convocatoria farase pública no Diario Oficial de Galicia e poderá declararse deserto o posto de traballo, de considerarse oportuno.

Sétimo. O prazo para tomar posesión do novo destino obtido será de tres días hábiles se non implica cambio de residencia ou de sete días hábiles se comporta cambio de residencia. Cando a persoa adxudicataria do posto obteña coa súa toma de posesión o reingreso ao servizo activo, o prazo será de vinte (20) días hábiles.

O prazo de toma de posesión empezará a contarse a partir do día seguinte ao do cesamento, que se deberá producir dentro dos tres días hábiles seguintes ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou desde a data en que se comunique a resolución do traslado á Comunidade Autónoma, para o caso de persoal funcionario doutras administracións públicas.

Se a resolución comporta o reingreso ao servizo activo, o prazo de toma de posesión deberá computarse desde o día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia.

Oitavo. Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido na Lei 30/1992, do 26 de novembro, na súa nova redacción dada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ou poderán impugnala directamente perante o xulgado do contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses contados a partir da mesma data, segundo o establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2016

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

ANEXO I

Denominación do posto: secretario/a do/a presidente/a.

Código do posto: MA.A01.00.000.15770.003.

Dependencia: Secretaría Xeral.

Localidade: Santiago de Compostela.

Grupo: C1/C2.

Nivel: 18.

Corpo ou escala: xeral.

Complemento específico: 5.581,80 €.

Adscr. Adm. P.: A11 (adscrición indistinta a funcionarios/as da Xunta de Galicia, Estado e CC.AA.).

Formación específica: 640 (para persoal de outra Administración, curso de perfeccionamento de galego) (RI).

missing image file