Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 30 de maio de 2016 Páx. 20808

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se ordena a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 21 de abril de 2016, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV subestación Ludrio-subestación Meira, así como das disposicións normativas contidas no dito proxecto.

En cumprimento do disposto no artigo 13.5 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, esta dirección xeral dispón que se publique no Diario Oficial de Galicia o acordo adoptado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 21 de abril de 2016, cuxa parte dispositiva é o seguinte texto literal:

«1. Aprobar definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV subestación Ludrio-subestación Meira, promovido por Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.

2. De conformidade co contido do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 21 de febreiro de 2013, polo que se declara a incidencia supramunicipal do devandito proxecto sectorial, os planeamentos dos concellos de Castro de Rei, Pol e A Pastoriza (Lugo) quedan vinculados ás determinacións contidas no proxecto sectorial que se aproba».

De conformidade co artigo 4 da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia, modificada pola disposición adicional segunda da Lei 6/2007, do 11 de maio, de medidas urxentes en materia de ordenación do territorio e do litoral de Galicia, publícanse como anexo a esta resolución as disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV subestación Ludrio-subestación Meira».

Santiago de Compostela, 22 de abril de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas

ANEXO

Disposicións normativas do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado LAT 132 kV subestación Ludrio-subestación Meira

1. Análise da relación coa planificación urbanística vixente.

1.1. Normativa urbanística dos concellos de Castro de Rei, Pol e A Pastoriza.

O Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal, regula a finalidade, o contido, a eficacia e o procedemento de aprobación dos plans e proxectos sectoriais, de conformidade co disposto no capítulo V da Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia.

Esta infraestrutura afectará os termos municipais de Castro de Rei, Pol e A Pastoriza, todos eles na provincia de Lugo. O obxecto deste proxecto sectorial é adaptar os planeamentos (actualmente en fase de tramitación) dos municipios afectados ás limitacións que comporta a localización das instalacións.

Ao careceren de plans urbanísticos de ordenación do territorio algúns dos municipios afectados pola infraestrutura e, por tanto, de planos coa delimitación das diferentes clasificacións do solo, para a redacción do presente proxecto sectorial faise unha proposta da clasificación do solo segundo as definicións do artigo 32, Categorías, da Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, para o caso dos concellos de Castro de Rei e Pol; polo contrario, para o caso da Pastoriza, que conta con Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) aprobado definitivamente, proponse unha actualización deste na zona de influencia da instalación proxectada.

Segundo a proposta que realizamos de clasificación do solo, o tipo de solo afectado pola liña nos diferentes municipios descríbese a continuación:

• Castro de Rei: o Concello de Castro de Rei conta cunha delimitación de solo urbano aprobada o 1.4.1977, polo que carece de normativa urbanística propia adaptada á Lei 9/2002 e posteriores modificacións, que regule todo o termo municipal, polo que en todo o solo rústico, segundo a disposición adicional segunda da Lei 2/2010 que modifica a Lei 9/2002, será de aplicación o disposto na Lei 9/2002 e nas súas modificacións para solo rústico.

• Pol: o Concello de Pol conta cunha delimitación de solo urbano aprobada o 1.7.1980, polo que carece de normativa urbanística propia adaptada á Lei 9/2002 e posteriores modificacións, que regule todo o termo municipal, polo que en todo o solo rústico, segundo a disposición adicional segunda da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, será de aplicación o disposto na Lei 9/2002 nas súas modificacións para solo rústico.

• A Pastoriza: o Concello da Pastoriza conta con PXOM, aprobado definitivamente o 9.8.2013, no cal se establece, para a totalidade do concello, a normativa de carácter xeral sobre protección e aproveitamento do solo, urbanización e edificación aplicable á totalidade do territorio, ademais de definir a ordenación urbanística. O solo afectado pola instalación está cualificado como solo rústico de protección forestal produtivo (SR/PFP), solo rústico de protección agropecuaria (SR/PAG), solo rústico de protección de augas (SR/PPA) e solo rústico de protección de infraestruturas (SR/PIF).

1.2. Aplicación da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e posteriores modificacións.

De acordo coa Lei 9/2002 e posteriores modificacións, para os diferentes concellos, son de aplicación as seguintes disposicións da citada lei:

• Castro de Rei: é de aplicación a disposición adicional segunda, Réxime de solo nos municipios sen planeamento, que no punto 3 expón: «No resto os terreos aplicarase o réxime do solo rústico establecido na presente lei». Polas características do solo e o seu uso, o solo afectado polas instalacións proxectadas, segundo o artigo 32, Categorías, da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, cabe cualificalo como solo rústico de protección forestal, solo rústico de protección de infraestruturas, solo rústico de protección de augas e solo rústico de protección agropecuaria.

• Pol: é de aplicación a disposición adicional segunda, Réxime de solo nos municipios sen planeamento, que no punto 3 expón: «No resto dos terreos aplicarase o réxime do solo rústico establecido na presente lei». Polas características do solo e o seu uso, o solo afectado polas instalacións proxectadas, segundo o artigo 32, Categorías, da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, cabe cualificalo como solo rústico de protección forestal.

1.3. Análise da relación coa planificación urbanística vixente.

De acordo cos puntos anteriores, a seguir analízase a compatibilidade da execución da infraestrutura obxecto deste proxecto coas condicións de uso de cada un dos tipos de solo.

1.3.1. Castro de Rei: solo rústico de protección forestal (SR/PF).

Tendo en conta a disposición adicional segunda (réxime de solo nos municipios sen planeamento) e, en especial, o seu número 3): «No resto dos terreos aplicarase o réxime do solo rústico establecido na presente lei».

No artigo 37.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de protección forestal están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as infraestruturas para transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

1.3.2. Castro de Rei: solo rústico de protección de infraestruturas (SR/PIF).

Tendo en conta a disposición adicional segunda (réxime de solo nos municipios sen planeamento) e, en especial, o seu número 3): «No resto dos terreos aplicarase o réxime do solo rústico establecido na presente lei».

No artigo 37.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de protección forestal están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as infraestruturas para transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

1.3.3. Castro de Rei: solo rústico de protección de augas (SR/PPA).

Tendo en conta a disposición adicional segunda (réxime de solo nos municipios sen planeamento) e, en especial, o seu número 3): «No resto dos terreos aplicarase o réxime do solo rústico establecido na presente lei».

No artigo 38.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal para solo rústico de protección de augas están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as infraestruturas para transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

1.3.4. Castro de Rei: solo rústico de protección agropecuaria (SR/PAG).

Tendo en conta a disposición adicional segunda (réxime de solo nos municipios sen planeamento) e, en especial, o seu número 3): «No resto dos terreos aplicarase o réxime do solo rústico establecido na presente lei». No artigo 37.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de protección forestal están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as infraestruturas para transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

1.3.5. Pol: solo rústico de protección forestal (SR/PF).

Tendo en conta a disposición adicional segunda (réxime de solo nos municipios sen planeamento) e, en especial, o seu número 3): «No resto dos terreos aplicarase o réxime do solo rústico establecido na presente lei». No artigo 37.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de protección forestal están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as infraestruturas para transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

1.3.6. A Pastoriza: solo rústico de protección forestal (SR/PFP).

Tendo en conta a regulación do solo e ordenación, indicada no PXOM aprobado definitivamente, no número 3.6, Ordenanza SR/PFP: solo rústico de protección forestal produtivo, será de aplicación o establecido nos artigos 33 a 38 da LOUG 9/2002, para os usos permitidos, autorizables e prohibidos, nas ordenanzas de solo rústico determinadas polo plan xeral.

1.3.7. A Pastoriza: solo rústico de protección de infraestruturas (SR/PPA).

Tendo en conta a regulación do solo e ordenación, indicada no PGOM aprobado definitivamente, no número 3.8, Ordenanza SR/PIF: solo rústico de protección de infraestruturas, será de aplicación o establecido nos artigos 33 a 38 da LOUG 9/2002, para os usos permitidos, autorizables e prohibidos, nas ordenanzas de solo rústico determinadas polo plan xeral.

1.3.8. A Pastoriza: solo rústico de protección de augas (SR/PPA).

Tendo en conta a regulación do solo e ordenación, indicada no PXOM aprobado definitivamente, no número 3.9, Ordenanza SR/PA: solo rústico de protección de aguas, será de aplicación o establecido nos artigos 33 a 38 da LOUG 9/2002, para os usos permitidos, autorizables e prohibidos, nas ordenanzas de solo rústico determinadas polo plan xeral.

1.3.9. A Pastoriza: solo rústico de protección agropecuaria (SR/PAG).

Tendo en conta a regulación do solo e ordenación, indicada no PXOM aprobado definitivamente, no número 3.5, Ordenanza SR/PAG: solo rústico de protección de agropecuaria, será de aplicación o establecido nos artigos 33 ao 38 da LOUG 9/2002, para os usos permitidos, autorizables e prohibidos, nas ordenanzas de solo rústico determinadas polo plan xeral.

No artigo 37.1 da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, reflíctese que entre os usos autorizables por licenza municipal directa para solo rústico de protección forestal están os indicados no artigo 33.2.f) e, entre eles, as infraestruturas para transporte e abastecemento de enerxía eléctrica.

2. Proposta de modificación do planeamento urbanístico vixente.

2.1. Adecuación ao planeamento

Segundo o disposto na Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, os terreos afectados no municipio de Castro de Rei cabe clasificalos como solo rústico de protección forestal (SR/PF), solo rústico de protección de infraestruturas (SR/PIF), solo rústico de protección de augas (SR/PPA) e solo rústico de protección agropecuaria (SR/PAG).

Segundo o disposto na Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, os terreos afectados no municipio de Pol cabe clasificalos como solo rústico de protección forestal (SR/PF).

Segundo o PXOM aprobado definitivamente no municipio da Pastoriza, foron clasificados como solo rústico de protección forestal produtivo (SR/PFP), solo rústico de protección de infraestruturas (SR/PIF), solo rústico de protección de augas (SR/PPA) e solo rústico de protección agropecuaria (SR/PAG).

En ningún deles se impide expresamente a instalación de obras de interese público e social como é a liña de distribución eléctrica obxecto deste proxecto.

Por todo isto, será necesario adecuar a normativa urbanística nos ditos concellos para facer viable o uso da liña eléctrica cualificando o solo rústico afectado como solo rústico de especial protección de infraestruturas (liñas eléctricas).

2.1.1 Ámbito de aplicación.

Comprende esta categoría de solo as zonas delimitadas nos planos destinadas ás instalacións de distribución da enerxía eléctrica.

Non se permitirán outras construcións que non sexan estritamente necesarias para o adecuado funcionamento da liña de alta tensión.

2.1.2. Usos permitidos no réxime de solo rústico de especial protección de infraestruturas (liñas eléctricas).

O réxime xeral do solo rústico de especial protección de infraestruturas ten por obxecto preservar os terreos ocupados polas infraestruturas e as súas zonas de afección, así como os que sexan necesarios para a implantación doutras novas. Así que os usos permitidos son a instalación de liñas eléctricas, así como os permitidos con anterioridade (agrícola, forestal e gandeiro), sempre que se respecte para estes últimos a área de servidume de enerxía eléctrica representada nos planos de planeamento modificado.

Tras a construción da liña eléctrica, este contorno non poderá ser utilizado para determinadas actividades que afecten negativamente a infraestrutura proxectada, como por exemplo, edificar ou realizar plantacións de especies vexetais en altura.

A área afectada polo contorno da liña eléctrica considérase do seguinte modo:

• En terreo con árbores, a superficie do ámbito territorial afectado queda definida pola proxección sobre o terreo dos condutores extremos nas condicións máis desfavorables (é dicir, con vento de 120 km/h en dirección perpendicular á liña), incrementada nas distancias regulamentarias a ambos os lados das ditas proxeccións, cun mínimo de 15 metros a cada lado do eixe da liña.

• En terreo dedicado a pradaría, terreo de labra e monte baixo ou matogueira, a superficie do ámbito territorial afectado queda definida por unha liña paralela a cada lado do eixe da liña, a 10 metros do eixe, que se verá incrementada cando sexa necesario polas proxeccións dos cables extremos en condicións de máximo vento, incrementada nas distancias regulamentarias.

2.1.3. Condicións de uso e licencias.

O uso citado destinado á instalación da liña de alta tensión para poder implantarse nesta categoría de solo deberá contar coa correspondente declaración ambiental de acordo co previsto na Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, coa aprobación do proxecto sectorial e co cumprimento da normativa da Lei 9/2002 e posteriores modificacións, especialmente as normas de aplicación directa recollidas nos artigos 104 e 106.

2.1.4. Condicións de edificación.

Nas instalacións proxectadas non se constrúe ningún edificio.

2.1.5. Condicións de servizos.

De acordo co previsto no artigo 42.1.a) da Lei 2/2010, que modifica a Lei 9/2002, o promotor da infraestrutura enerxética deberá resolver á súa custa, se fan falta, os servizos de:

– Acceso rodado.

– Abastecemento de auga (non se disporá de conexión á rede pública de subministración de augas, polo que para o abastecemento de auga corrente se utilizará un depósito enterrado de 2.000 litros que será abastecido mediante unha cisterna e dotado de grupo de presión adecuado).

– Saneamento e depuración (para o tratamento de augas provenientes da sala de aseo e vestiarios, instalarase unha fosa séptica con filtro biolóxico e capacidade para 6 persoas/ano. Posteriormente, a auga tratada canalizarase a través de tubos de 110 mm de diámetro a un pozo drenante de dimensións 4,00 × 2,00 × 2,50 metros que estará recheo cunha altura de grava de entre 20 e 60 cm. Así mesmo, colócase unha lámina xeotéxtil entre o terreo e a grava do pozo drenante).

– Enerxía eléctrica.

– Recollida, tratamento, eliminación e depuración de residuos.

– Dotación de aparcadoiros.

2.2. Eficacia.

A aprobación definitiva do proxecto sectorial polo Consello da Xunta seguindo o procedemento establecido no artigo 25 da Lei 10/1995 vinculará os planeamentos dos concellos de Castro de Rei, Pol e A Pastoriza, en cuxos termos municipais se proxecta a infraestrutura obxecto do presente documento e implica a obriga de conceder licenza de obras para as infraestruturas, seguindo os trámites previstos na lexislación local e do procedemento administrativo común.

Cando se revise ou, se é o caso, se formule o planeamento municipal vixente nos municipios afectados e/ou se adapte á Lei 9/2002, incluiranse as delimitacións sinaladas nos planos clasificándoas como solo rústico de especial protección de infraestruturas (liñas eléctricas), coa normativa que para estes tipos de solo se reflicte na Lei 9/2002 e posteriores modificacións.

2.3 Prazo.

A adecuación do planeamento local deberá realizarse coa redacción e tramitación:

• Da primeira modificación puntual que por calquera causa acorde o concello que, obviamente, pode ser para esta adecuación.

• Da revisión do planeamento urbanístico municipal vixente.

• Da adaptación, se é o caso, do planeamento á Lei 9/2002.

3. Cualificación do proxecto.

As obras da LAT 132 kV subestación Ludrio-subestación Meira, obxecto do presente proxecto sectorial, cualifícanse expresamente como de marcado carácter territorial e, en consecuencia, quedan exentas das autorizacións urbanísticas de conformidade co establecido no artigo 11.3 do Decreto 80/2000.