Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 101 Luns, 30 de maio de 2016 Páx. 20795

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se autorizan as instalacións, se aproba o proxecto de execución e se declara a utilidade pública, en concreto, da repotenciación do parque eólico Cabo Vilano, no concello de Camariñas (A Coruña), promovido pola sociedade Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. (expediente IN661A 2012/1).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Parque Eólico Cabo Vilano, S.L. (actualmente Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.) en relación coa autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da repotenciación do parque eólico Cabo Vilano (en diante, a repotenciación do parque eólico), constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. O 11.6.1992 a Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Industria e Comercio autorizou e aprobou o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Cabo Vilano, composto por vinte aeroxeradores MADE AE-20. Posteriormente, o 17.9.1992, a mencionada delegación provincial autorizou, declarou de utilidade pública, en concreto, e aprobou o proxecto de execución das instalacións correspondentes a dous aeroxeradores Vestas, un WEC-20 e un WEC-25.

Segundo. O 14.3.1995, a mencionada delegación provincial autorizou a posta en marcha dos vinte aeroxeradores MADE AE-20 e dos dous Vestas, WEC-20 e WEC-25.

Terceiro. O 27.8.2010, a sociedade Parque Eólico Cabo Vilano, S.L. solicitou a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial e a avaliación ambiental para a repotenciación do parque eólico. A repotenciación proxectada afectaba os vinte aeroxeradores MADE AE-20 e os dous Vestas, WEC-20 e WEC-25.

Cuarto. O 2.11.2010, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña (en diante, a xefatura territorial), requiriu á sociedade Parque Eólico Cabo Vilano, S.L., entre outras cuestións, a xustificación da titularidade dos dous aeroxeradores Vestas (WEC-20 e WEC-25), posto que non constaba como titular destas instalacións.

Quinto. O 21.10.2011, Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. solicitou o cambio de titularidade dos dous aeroxeradores Vestas, WEC-20 e WEC-25, a favor da sociedade Parque Eólico Cabo Vilano, S.L.

Sexto. O 13.1.2012, Parque Eólico Cabo Vilano, S.L. modificou a súa solicitude do 27.8.2010, relativa á repotenciación do parque eólico, achegando a documentación correspondente. Así mesmo, achegou o acordo asinado entre Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. e Parque Eólico Cabo Vilano, S.L., segundo o cal a primeira cedía á segunda os dous aeroxeradores Vestas, WEC-20 e WEC-25.

Sétimo. O 20.1.2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade dos dous aeroxeradores Vestas, WEC-20 e WEC-25, de Enel Unión Fenosa Renovables, S.A. a favor da sociedade Parque Eólico Cabo Vilano, S.L.

Oitavo. O 29.5.2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas tomou razón da operación de fusión por absorción entre Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. e Parque Eólico Cabo Vilano, S.L., mediante a cal a primeira adquiría a totalidade do patrimonio da segunda, e se subrogaba en todas as obrigas e dereitos correspondentes ao parque eólico Cabo Vilano e ao expediente da súa repotenciación.

Noveno. O 24.10.2012, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. (en diante, o promotor) comunicou que sete aeroxeradores do parque eólico se atopaban en mal estado, requirindo a súa desmontaxe por razóns de seguridade, tanto para o propio persoal de mantemento das instalacións como de terceiras persoas.

Décimo. O 23.11.2012, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu informe sobre a solicitude mencionada no punto anterior, considerando que para efectos ambientais non existían obxeccións ás actuacións de desmontaxe solicitadas polo promotor.

Décimo primeiro. O 29.11.2012, o promotor presentou o estudo de impacto ambiental da repotenciación do parque eólico.

Décimo segundo. O 7.12.2012, o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial da Coruña emitiu informe sobre a visita de inspección efectuada ao parque eólico o 4.12.2012 para comprobar o estado das instalacións, en relación coa solicitude de desmontaxe efectuada polo promotor.

Décimo terceiro. O 19.12.2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou ao promotor a desmontaxe solicitada o 24.10.2012.

Décimo cuarto. O 11.3.2013 e o 5.5.2014, o Servizo de Enerxía e Minas da xefatura territorial informou de que a área definida pola poligonal da repotenciación do parque eólico non estaba afectada por ningún dereito mineiro vixente.

Décimo quinto. O 8.11.2013, o promotor solicitou, polas mesmas razóns de seguridade que motivaron a desmontaxe dos sete primeiros aeroxeradores, a autorización para desmantelar os quince aeroxeradores restantes do parque eólico. Así mesmo, comunicou que, como medida adicional de seguridade, se paralizara a operación do parque eólico.

Décimo sexto. O 2.12.2013, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental emitiu o correspondente informe establecendo que para efectos ambientais non existían obxeccións ás actuacións de desmantelamento pretendidas polo promotor.

Décimo sétimo. O 24.1.2014, a Xefatura Territorial da Coruña, en vista da acta de inspección correspondente á visita efectuada por persoal da dita xefatura ao parque eólico o 16.12.2013, emitiu informe favorable á solicitude de desmantelamento presentada polo promotor.

Décimo oitavo. O 10.2.2014, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas autorizou o promotor o desmantelamento dos quince aeroxeradores restantes do parque eólico.

Décimo noveno. Por Resolución do 30 de abril de 2014, da xefatura territorial, someteuse a información pública a solicitude de autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución e do estudo de impacto ambiental referido á repotenciación do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 20 de maio de 2014 (corrección de erros no DOG nº 203, do 23 de outubro de 2015), no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 9 de maio e no xornal La Voz de Galicia do 16 de maio. Así mesmo, permaneceu exposta ao público nos taboleiros de anuncios da xefatura territorial e do concello afectado (Camariñas).

Durante o período de información pública non se recibiu ningunha alegación.

Vixésimo. O 12.5.2014, a xefatura territorial remitiu, para a emisión dos condicionados técnicos oportunos, as correspondentes separatas do anteproxecto da repotenciación do parque eólico aos seguintes organismos: Axencia Estatal de Seguridade Aérea, Autoridade Portuaria da Coruña e Demarcación de Costas do Estado. Posteriormente, o 15.7.2014, remitiuse a correspondente separata ao concello de Camariñas.

Vixésimo primeiro. O 4.6.2014, a Demarcación de Costas do Estado comunicou que, á vista da documentación recibida, as actuacións proxectadas estarían fóra do seu ámbito competencial. O promotor mostrou a súa conformidade mediante escrito do 12.8.2014.

Vixésimo segundo. O 19.6.2014, a Autoridade Portuaria da Coruña emitiu o correspondente condicionado. O promotor manifestou a súa conformidade mediante escrito presentado o 12.8.2014.

Vixésimo terceiro. O 30.7.2014, o Concello de Camariñas emitiu o correspondente condicionado. O promotor contestou mediante escrito presentado o 2.9.2014.

Vixésimo cuarto. O 27.10.2014, a Axencia Estatal de Seguridade Aérea autorizou as instalacións da repotenciación do parque eólico, establecendo o correspondente condicionado.

Vixésimo quinto. O 15.4.2015, o promotor solicitou a declaración de utilidade pública para a repotenciación do parque eólico, achegando a correspondente relación de bens e dereitos afectados.

Vixésimo sexto. O 21.5.2015, a xefatura territorial emitiu o informe relativo á solicitude de autorización administrativa e á tramitación ambiental da repotenciación do parque eólico. Coa mesma data, remitiu a documentación correspondente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Vixésimo sétimo. O 25.6.2015, a xefatura territorial remitiu, para a emisión dos condicionados técnicos oportunos, as correspondentes separatas do proxecto de execución da repotenciación do parque eólico ao Concello de Camariñas e aos seguintes organismos: Autoridade Portuaria da Coruña e Demarcación de Costas do Estado.

Vixésimo oitavo. O 8.7.2015, o Concello de Camariñas emitiu informe sobre a separata remitida. O promotor contestou mediante escrito do 30.7.2015.

Vixésimo noveno. O 10.7.2015, a Demarcación de Costas do Estado comunicou que, á vista da documentación recibida, as actuacións proxectadas estarían fóra do seu ámbito competencial. O promotor mostrou a súa conformidade mediante escrito do 30.7.2015.

Trixésimo. O 18.9.2015, o promotor solicitou a aprobación do proxecto sectorial da repotenciación do parque eólico.

Trixésimo primeiro. Por Resolución do 28 de setembro de 2015, da xefatura territorial, sometéronse a información pública o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal e a declaración de utilidade publica en concreto, coa necesidade de urxente ocupación que isto implica, da repotenciación do parque eólico.

A dita resolución publicouse no Diario Oficial de Galicia do 16 de outubro de 2015 (corrección de erros no DOG nº 203, do 23 de outubro), no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 8 de outubro e no xornal La Voz de Galicia do 5 de outubro.

Durante o período de información pública Francisco Antelo Lema e José Arjomil Canosa presentaron unha alegación conxunta o 6.11.2015 na cal, en síntese, manifestan o seguinte:

– Dentro do ámbito territorial do proxecto da repotenciación do parque eólico atópase o denominado Monte da Vela, As Cazoliñas e O Castelo ou As Pías, Vilán e outros, os cales nunca foron, nin o son na actualidade, de propiedade municipal senón de propiedade particular, que os seus propietarios dividiron en leiras hai moitos anos, como así consta nos títulos de propiedade que mostran, polo menos desde o século XIX, e tamén no antigo catastro dos anos cincuenta, ademais de que a propiedade particular é un feito notorio de público e xeral coñecemento en Camariñas.

– A dita propiedade particular non se ve afectada polo feito de que o concello de Camariñas teña inventariado o monte como ben municipal sen contar con ningún título de propiedade, invocando unicamente, a xuízo dos alegantes, unha pretendida prescrición inmemorial carente de soporte documental ou probatorio, nin tampouco polo feito de que teña inscrito o monte no Rexistro da Propiedade pola vía do artigo 209 da Lei hipotecaria, sen presentar título de dominio ningún, unicamente unha certificación expedida polo propio Concello aludindo á inxustificada prescrición inmemorial.

– Manifestan que no ano 2011, o Xurado Provincial de Montes Veciñais en Man Común rexeitou, mediante Resolución do 9 de novembro, da cal xuntan copia, clasificar os montes referidos como de man común, debido a que no expediente se achegaron abundantes probas documentais e testemuñais acreditativas da propiedade particular do monte.

– Achegan, ademais, acta notarial de manifestacións do 17.3.2011, na cal diversos veciños de Camariñas declaran ser coñecedores da existencia de propiedades particulares no monte denominado As Pías, Vilán e outros (Monta da Vela, As Cazoliñas e O Castelo), e que esta condición se mantivo ata o ano 1959, cando a Brigada Forestal eliminou pola forza as lindes das ditas propiedades particulares e incorporounas primeiro á propiedade forestal e posteriormente cedeunas ao Concello. Ademais, manifestan que foron moitos os propietarios que ata o ano 1962 loitaron xudicialmente co fin de recuperar os seus terreos, recorrendo ao contencioso-administrativo e que, finalmente, debido aos elevados custos dos procesos xudiciais, desistiron das súas reclamacións.

– Achegan tamén a relación de propietarios das parcelas do Monte da Vela que figura no antigo catastro dos anos 50, a cal corrobora, a xuízo dos alegantes, todo o anteriormente manifestado.

– Finalizan manifestando que, tanto eles como os demais propietarios, exercerán todas as accións civís e penais para reprimir calquera acto que pretenda invadir as súas propiedades, considerándoo de mala fe e en contra da vontade expresa dos verdadeiros propietarios.

Trixésimo segundo. O 16.12.2015, a xefatura territorial emitiu o informe relativo á tramitación da solicitude de declaración de utilidade pública e de aprobación do proxecto sectorial. Coa mesma data, remitiu a documentación correspondente á Dirección Xeral de Enerxía e Minas para continuar coa tramitación do procedemento.

Trixésimo terceiro. O 29.1.2016, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental relativa á repotenciación do parque eólico, que se fixo pública por Resolución do 22 de febreiro de 2016 da Dirección Xeral de Enerxía e Minas.

Trixésimo cuarto. O 7.3.2016, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre o proxecto sectorial da repotenciación do parque eólico.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no artigo 20 do Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, así como no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, aplicable ao presente procedemento en virtude do previsto na disposición transitoria segunda da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e de acordo co establecido polos artigos 14.1 e 18.2 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, así como polo artigo 44 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, polo que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, aplicable ao presente procedemento en virtude do artigo 23 do mencionado Decreto 138/2010, do 5 de agosto.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Nos informes do Servizo de Enerxía e Minas da Coruña do 11.3.2013 e do 5.5.2014 non se recolle ningún dereito mineiro vixente que afecte a área definida pola poligonal do parque eólico, polo que non foi necesaria a apertura do trámite de compatibilidade a que se refire o artigo 45 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, aplicable ao presente procedemento en virtude do artigo 23 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto.

Cuarto. No que respecta aos condicionados emitidos polo Concello de Camariñas o 30.7.2014, en relación co anteproxecto da repotenciación do parque eólico, e o 8.7.2015, en relación co proxecto de execución, no cal o dito concello se ratifica no informe do 30.7.2014, cómpre manifestar que, en ambos os dous casos, se trata dun informe de carácter urbanístico.

O Concello manifesta que a implantación das instalacións descritas nas separatas remitidas require dun proxecto sectorial e que non ten coñecemento de que se estea a tramitar este documento. Con respecto a esta cuestión, cómpre manifestar que o 18.9.2015, con posterioridade aos informes emitidos polo Concello, o promotor solicitou a aprobación do proxecto sectorial da repotenciación e o 7.3.2016 a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe sobre a dita solicitude. A tramitación deste proxecto sectorial seguirá, ata a súa aprobación definitiva, o procedemento establecido no Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Quinto. En relación coa alegación mencionada no antecedente de feito trixésimo primeiro, visto o seu contido e a resposta efectuada polo promotor o 27.11.2015, enténdese que actualmente os terreos afectados pola repotenciación do parque eólico figuran inscritos no Rexistro da Propiedade a nome do Concello de Camariñas. De acordo co establecido no artigo 38 da Lei hipotecaria (nova redacción oficial aprobada polo Decreto do 8 de febreiro de 1946), «para todos efectos legais presumirase que os dereitos reais inscritos no Rexistro existen e pertencen ao seu titular na forma determinada polo asento respectivo. De igual maneira, presumirase que quen teña inscrito o dominio dos inmobles ou dereitos reais ten a posesión deles (...)».

Cómpre manifestar que o 30.9.2015 o promotor achegou o acordo asinado o 28.9.2015 co Concello de Camariñas para a ocupación dos terreos afectados pola repotenciación do parque eólico.

No que respecta ás reclamacións dos alegantes, non corresponde a este órgano entrar a valorar a súa lexitimidade, entendendo que estas deberán efectuarse ante a orde xurisdicional que corresponda.

Sexto. Tal e como se describiu nos antecedentes de feito, a totalidade dos aeroxeradores existentes no parque eólico no momento da iniciación do presente procedemento foron desmantelados por motivos de seguridade, contando cos informes previos da xefatura territorial e da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, así como coas autorizacións emitidas por esta dirección xeral o 24.10.2012 e o 10.2.2014. Esta circunstancia tamén se recolle no proxecto de execución da repotenciación do parque eólico, sen prexuízo do cal, e para dar cumprimento ao establecido no artigo 16.2 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, o dito proxecto inclúe un estudo pormenorizado do desmantelamento.

De acordo con todo o que antecede, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar as instalacións da repotenciación do parque eólico Cabo Vilano, situado no concello de Camariñas (A Coruña) e promovido por Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución. Repotenciación do parque eólico Cabo Vilano. Febreiro 2015 asinado polo enxeñeiro industrial José Ramón Álvarez Arnau, colexiado nº 199 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, e visado polo dito colexio o 8.6.2015, co número 20151438. As características principais recollidas no proxecto son as seguintes:

Solicitante: Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.

Domicilio: avda. de Arteixo, 171, 1º esquerda, 15007 A Coruña.

Denominación: repotenciación do parque eólico Cabo Vilano.

Concello afectado: Camariñas (A Coruña).

Potencia máxima evacuable: 5,46 MW.

Orzamento de execución material: 5.276.044,58 euros.

Coordenadas UTM perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

V-A

483.070

4.778.335

V-B

483.974

4.777.950

V-C

483.908

4.777.560

V-D

483.064

4.777.890

Coordenadas UTM de localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

CV 01

483.262

4.778.168

CV 02

483.726

4.777.880

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– 2 aeroxeradores de 3.000 kW Vestas V90 de potencia nominal unitaria con xerador asíncrono, sobre fuste tubular metálico cunha altura de 80 m e un diámetro de rotor de 90 m. A potencia limitarase mediante un sistema de monitorización e control que actúe sobre os aeroxeradores, proporcionado polo fabricante e que operará en paralelo co sistema de control de potencia do promotor, garantindo a eficiencia e optimización da instalación.

– 2 centros de transformación de potencia unitaria 3.140 kVA e con relación de transformación 1/20 kV, instalados individualmente no interior de cada aeroxerador coa correspondente aparellaxe de seccionamento, manobra e protección.

– Rede eléctrica soterrada a 20 kV de interconexión entre os centros de transformación dos aeroxeradores e o centro de interconexión, con condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV 1×95 mm2 K Al + H16.

– Centro de interconexión, que se aloxará no edificio existente do antigo CT-1, onde se instalarán os aparellos de medida, protección e control, así como un transformador de servizos auxiliares de 25 kVA e relación de transformación 20/0,4 kV.

Terceiro. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Para garantir o cumprimento das súas obrigas, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. constituirá, de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, polo que se establece o procedemento e as condicións técnico-administrativas para a obtención das autorizacións de proxectos de repotenciación de parques eólicos existentes na Comunidade Autónoma de Galicia, unha fianza polo importe de 105.520,89 euros, correspondente ao 2 % do orzamento de execución material das instalacións do proxecto que por esta resolución se aproba.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 20.2 do mencionado Decreto 138/2010, do 5 de agosto.

2. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. constituirá, con carácter previo ao inicio das obras, unha fianza para garantir o cumprimento do deber de restaurar os terreos ocupados polo parque eólico na fase de obras. O importe da fianza fíxase, por proposta da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, en 46.569 euros.

A dita fianza depositarase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias. A súa devolución efectuarase de acordo co establecido no artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, unha vez depositada a fianza para garantir o deber de restaurar os terreos ocupados na fase de desmantelamento.

3. Para a inscrición da instalación no rexistro autonómico creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG nº 135, do 14 de xullo), o promotor efectuará a correspondente solicitude, de acordo co previsto no artigo 22 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, seguindo o procedemento regulamentariamente establecido.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As actuacións de desmantelamento das instalacións iniciais do parque eólico que resten por efectuar, así como as de execución das instalacións correspondentes á repotenciación autorizada, realizaranse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

6. O prazo para a execución da totalidade das actuacións autorizadas, así como para a posta en marcha das novas instalacións, será de seis meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en servizo, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 29.1.2016 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

Conxuntamente coa solicitude de posta en servizo das instalacións, o promotor deberá presentar ante á dita xefatura territorial a documentación acreditativa do funcionamento dos sistemas implantados de control de potencia que deberán vir certificados por un organismo de control autorizado.

7. Unha vez postas en servizo as instalacións, prestarase especial atención ao correcto funcionamento dos sistemas de limitación de potencia, de xeito que a potencia evacuada non supere en ningún momento os 5,46 MW.

8. No caso de se manifestaren perturbacións na recepción do sinal de televisión directamente atribuíbles ás instalacións do parque eólico, Gas Natural Fenosa Renovables, S.L. deberá adoptar as medidas necesarias para devolver á recepción do sinal as anteriores condicións de calidade.

9. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

10. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condicións impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

11. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido nos artigos 14.3 e 18.3 do Decreto 138/2010, do 5 de agosto, e 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade cos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas