Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 25 de maio de 2016 Páx. 20253

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 26 de abril de 2016, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, de declaración, en concreto, da utilidade pública e da necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción dunha instalación eléctrica no concello de Barro (expediente IN407A 2015/237-4).

Visto o expediente para o outorgamento de autorización administrativa, de declaración, en concreto, da utilidade pública e da necesidade da urxente ocupación que leva implícita e de autorización administrativa de construción da instalación eléctrica que a seguir se describe:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: LMTA e substitución do apoio 104 da LMTA TIB810 en Bretoña.

Situación: Barro.

Características técnicas: LMT aérea a 20 kV, con condutor LA-56 en dous tramos: o primeiro de 73 metros, con orixe no apoio 103 da TIB810 e final no apoio proxectado nº 104, e o segundo de 24 metros, desde este ata o apoio do centro de transformación Muebles Magariños. A instalación está situada en Bretoña, Curro, Barro.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 13 de xaneiro de 2016, no BOP do 21 de xaneiro, no xornal Faro de Vigo do 1 de febreiro e no taboleiro de anuncios do Concello de Barro. Tamén se notificaron individualmente os titulares dos predios afectados pola instalación segundo a relación facilitada pola empresa peticionaria. Durante o mencionado trámite recibíronse as seguintes alegacións:

Con data do 27 de xaneiro de 2016, Silvino Abal Eirín, titular da parcela con referencia catastral 36002223000600000AS, presenta escrito de alegacións no cal indica que:

• Se a empresa peticionaria leva a cabo a expropiación do predio, a dita parcela, coa liña de media tensión sobrevoándoa polo centro, quedaría inutilizada.

• A ocupación afecta a parcela e reduce sensiblemente a súa superficie (9.06 m²) e, en consecuencia, a superficie que ocuparán futuras edificacións.

• Vai provocar una depreciación evidente sobre o conxunto da parcela.

• Como consecuencia da expropiación para a execución da obra proxectada, os danos directos causados pola expropiación concrétanse na valoración da superficie ocupada para as obras pretendidas, así como no valor do que exista sobre a superficie ocupada.

• Ocasiónaselle ao predio unha depreciación sobre o terreno non afectado, cuxo valor de mercado se verá sensiblemente reducido pola existencia dunha liña eléctrica aérea que anula calquera interese sobre o predio e, en todo caso, devalúao notablemente.

• É posible a anulación do apoio que propoñen na memoria da obra, ben por podelo facer subterráneo ou doutra maneira, que seguramente sexa mais custosa para a empresa solicitante. Pero, en este caso, óptase polo proxecto mais económico para a subministradora, en prexuízo dos propietarios das parcelas que se pretenden ocupar, sen importar os prexuízos que causen ou a súa invalidez.

Con data do 7 de marzo de 2016, Unión Fenosa Distribución, S.A., contesta á alegación presentada por Silvino Abal Eirín e manifesta que:

• Aínda que a parcela se sitúa en solo de núcleo rural e que a superficie mínima para edificar neste tipo de solo no Concello de Barro é de 400 m², non é posible a construción nela xa que se atopa afectada polos recuamentos das vías que a rodean, que fan, tal como indica a normativa do Concello de Barro, 7 metros para a edificación con respecto á vía e 5 para o peche da parcela, tendo que deixar tamén 3 metros de recuamento con respecto aos lindeiros.

• Unha vez declarada a utilidade pública da obra, redactaranse as actas previas de ocupación e reflectiranse as manifestacións que sexan útiles para determinar os dereitos afectados e, unha vez redactada a acta, a Administración procederá á inmediata ocupación do ben. Despois destas dúas actas comezará a fase do prezo xusto e pagamento e a Administración, requeriraa para que nun prazo de vinte días presente unha folla de valoración na cal se concrete o valor en que se estime o ben expropiado. Neste momento poderá interpoñer cantas alegacións considere pertinentes para valorar o ben.

Con data do 4 de xaneiro de 2016, Jesús Falcón Santiago presenta escrito de alegacións no cal, en virtude do artigo 161 do Real decreto 1955/2000, solicita que se modifique a declaración de utilidade pública para a instalación proxectada nos terreos da súa propiedade e varíen o seu trazado.

Con data do 26 de xaneiro de 2016, Unión Fenosa Distribución, S.A. contesta á alegación de Jesús Falcón Santiago e manifesta que:

• A finalidade do proxecto presentado é a de substituir un apoio da liña aérea de media tensión TIB810 que se sitúa nestes momentos no medio dunha vía, mellorar a seguridade da liña e instalar un novo apoio, fóra da vía, no linde das dúas parcelas que xa se atopan afectadas pola servidume da liña existente, co cal se evitan afeccións a novos predios.

• Con respecto á modificación sobre a traza proxectada, o alegante non achega ninguna alternativa. De todas as formas, segundo o indicado no artigo 162 do Real decreto 1955/2000, o dono do predio poderá solicitar o cambio do trazado da liña, si non existen dificultades técnicas, e correrán pola súa conta os custos de variación.

As conclusións en ambas as dúas alegacións son:

• Primeira. Non se achegan variantes propostas polo interesado.

• Segunda. Segundo o indicado no artigo 140 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, procede a declaración de utilidade pública da instalación eléctrica proxectada para os efectos da expropiación forzosa dos bens e dereitos necesarios para o seu establecemento.

• Adicionalmente, no concernente á alegación de Silvino Abal, respecto á valoración dos bens afectados, cabe indicar que forma parte do procedemento expropiatorio regulado na Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, procedemento que comenza coa declaración de utilidade pública.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e na Resolución da Consellería de Economia e Industria do 19 de febreiro de 2014, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción (DOG nº 54, do 19 de marzo), esta xefatura territorial resolve:

Conceder autorización administrativa, autorización administrativa de construción e declarar, en concreto, a utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados pola devandita instalación, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran no proxecto de execución e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nas condicións establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Estas autorizacións outórganse sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000, será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir de día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 26 de abril de 2016

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra