Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Mércores, 25 de maio de 2016 Páx. 20150

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

EXTRACTO da Orde do 6 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento PR809A).

BDNS (identif.): 306605.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (BDNS) (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index):

Primeiro. Persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das bolsas serán mozos e mozas con titulación universitaria nados o 1 de xaneiro de 1985 ou con posterioridade a esa data.

Segundo. Obxecto

Estas bases teñen por obxecto regular a convocatoria de seis bolsas para a formación de expertos/as en cooperación internacional para o desenvolvemento.

Os destinos das bolsas serán Santiago de Compostela, na sede da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (en diante, Dirección Xeral) ou o exterior, nas unidades de cooperación no exterior (UCE) da Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento.

As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 6 de maio de 2016 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das bolsas de formación de persoas expertas en cooperación internacional para o desenvolvemento e se procede á súa convocatoria para o ano 2016 (código de procedemento PR809A).

Cuarto. Importe

Para a concesión destas bolsas destínase un crédito de 96.530 €, que se distribuirá do seguinte xeito: 93.600 € (39.200 € para o ano 2016 e 54.400 € para o ano 2017) e 2.930 € (930 para o ano 2016 e 2.000 para o ano 2017).

O importe da bolsa será de 1.200 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan no exterior, e 1.000 € brutos mensuais, no caso de que os destinos sexan na sede da Dirección Xeral, que se farán efectivos polo importe líquido, tras realizar a retención fiscal e da cota obreira que lle corresponda, na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días.

Os/as bolseiros/as destinados/as no exterior recibirán, en concepto de aboamento dos gastos de viaxe, primeiro establecemento, visados, vacinación, seguros, desprazamentos internos ou calquera outro necesario no desenvolvemento da bolsa, unha contía máxima de 3.000 € para cada un dos destinos propostos, que lles será aboada con anterioridade á primeira mensualidade da bolsa.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de maio de 2016

Beatriz Cuiña Barja
Secretaria xeral técnica da Consellería de Presidencia,
Administracións Públicas e Xustiza