Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 97 Martes, 24 de maio de 2016 Páx. 19993

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Pontevedra

ANUNCIO do 25 de abril de 2016, da Secretaría Xeral do Pleno, relativo á aprobación definitiva da modificación puntual número 2 do Plan parcial do sector B-4 en Fonte Santa, por iniciativa da Asociación Juan XXIII.

O Pleno do Concello de Pontevedra, na sesión ordinaria que tivo lugar con data do 21.3.2016, adoptou, entre outros pronunciamentos, o seguinte acordo, que, na súa parte dispositiva literalmente, di:

«Primeiro. Prestar aprobación ao documento refundido do proxecto de modificación puntual número 2 do Plan parcial do sector B-4/Fonte Santa, instrumento urbanístico de iniciativa particular promovido pola Asociación Juan XXIII e redactado pola arquitecta María Teresa Táboas Veleiro, datado en xaneiro de 2016, que ten por finalidade fixar unha ordenación detallada da parcela cedida en compensación do 10 % do aproveitamento do polígono, coa finalidade de permitir a materialización dun uso dotacional consistente na construción dunha residencia e centro de día para persoas con discapacidade: fogar do grupo da comunidade, en desenvolvemento do acordo de colaboración asinado o 16.3.2012, e que conta con informe favorable da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 18.2.2016.

Segundo. Notificar este acto administrativo á entidade interesada e aos propietarios de terreos afectados, segundo a relación catastral incorporada ao expediente e, asemade, comunicarllo á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio nos termos do artigo 92 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, dándoselle traslado, a esta última, dunha copia autenticada de dous exemplares do instrumento aprobado definitivamente con todos os planos e documentos que integran o plan sobre os que recaese o acordo de aprobación definitiva, debidamente dilixenciados pola Secretaría Xeral do Pleno do concello, facendo constar a dita circunstancia.

Terceiro. Dispoñer a publicación do anuncio do acordo de aprobación definitiva no Diario Oficial de Galicia, facendo constar a remisión da documentación á Consellería e a publicación do documento que conteña a normativa e as ordenanzas na web http://www.pontevedra.gal e no Boletín Oficial da provincia para lograr a súa eficacia e executividade, consonte o establecido na lexislación de réxime local, concretamente nos artigos 70.2, 70 ter e 65 da Lei reguladora das bases de réxime local (...)».

Faise constar que con data do 13.4.2016 tivo entrada no Rexistro do Portelo Único da Xunta de Galicia a documentación amentada, dirixida á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio.

Así mesmo, faise constar que, nestas datas, xa se atopa publicado na páxina web municipal (www.pontevedra.gal) o contido íntegro do documento aprobado definitivamente polo Pleno da Corporación.

Recursos procedentes:

Contra este acordo poderá interporse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do TSX de Galicia, no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación (artigos 10 e 46 da Lei 29/1998). Isto sen prexuízo de interpor calquera outro recurso que se entenda máis procedente e sexa conforme dereito.

Pontevedra, 25 de abril de 2016

José Luis Mato Rodríguez
Secretario xeral do Pleno