Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 16 de maio de 2016 Páx. 18958

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 12 de maio de 2016 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga que se desenvolverá desde o 18 de maio e que afectará o persoal farmacéutico inspector de saúde pública.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), entre os que se atopa a sanidade.

O exercicio público das funcións en materia de saúde pública non se pode ver afectado gravemente polo lexítimo dereito do exercicio de folga, xa que aquel é considerado e recoñecido prioritariamente en relación con este.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes, por razón dos servizos esenciais afectados, para que, mediante orde e diante de cada situación de folga, decidan o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

As organizacións sindicais CIG, CCOO, CSI-F e UGT comunicaron a convocatoria dunha folga que afectará desde o día 18 de maio, de luns a mércores e con carácter indefinido, o persoal funcionario da clase de farmacéutico inspector de saúde pública.

Unha vez outorgada audiencia ao comité de folga,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga referida deberá entenderse condicionada ao mantemento dos servizos mínimos, segundo o criterio que se establece na presente orde.

Dado o carácter indefinido da folga e que esta se convoca de luns a mércores, os servizos mínimos que se establecen resultan necesarios para evitar que se produzan prexuízos para a saúde, singularmente en materia de calidade das zonas de baño, da auga de consumo humano, das piscinas de tempada ou a prevención e control da lexionelose, tomando en consideración como feito moi relevante que a folga afectará ao inicio do período estival. Con esa finalidade establécese como criterio reitor de carácter xeral a presenza de preto do 50 % dos efectivos habituais.

No cadro anexo determínase o número de efectivos necesarios para garantir os servizos mínimos.

Estes efectivos poderán ampliarse sempre que se xustifique que resulta estritamente necesario para evitar riscos sobrevidos para a saúde.

Artigo 2

Os/as profesionais necesarios para a cobertura dos servizos mínimos deberán ser publicados nos taboleiros de anuncios, polo menos con 48 horas de antelación.

Artigo 3

A designación nominal de efectivos que deben cubrir os servizos mínimos, que deberá recaer nos/nas profesionais de xeito rotatorio, será realizada pola correspondente xefatura territorial e notificada ao persoal designado.

O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga, poderá instar a substitución da súa designación por outro/a profesional que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

Artigo 4

Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal designado para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1977, do 4 de marzo (BOE nº 58, do 9 de marzo).

Artigo 5

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efectos e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2016

Jesús Vázquez Almuíña
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Luns a mércores (non festivos)

Xefatura territorial

Zona de inspección

Efectivos servizos mínimos

A Coruña

A Coruña

4

Ferrol

2

Santiago de Compostela

2

Noia

2

Lugo

Lugo

4

Burela

1

Monforte de Lemos

1

Ourense

Ourense

4

O Barco de Valdeorras

1

Verín

1

Pontevedra

Pontevedra

4

Lalín

1

Vigo

5