Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 16 de maio de 2016 Páx. 18961

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 5 de maio de 2016 pola que se convocan as Xornadas sobre a reforma do proceso penal: ámbito de actuación policial e xudicial.

A Academia Galega de Seguridade Pública, de acordo co plan de formación aprobado polo seu Consello Reitor do 11 de febreiro de 2016, anuncia a convocatoria das Xornadas sobre a reforma do proceso penal: ámbito de actuación policial e xudicial, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: a reforma do proceso penal: ámbito de actuación policial e xudicial.

Tipo: xornada.

Edicións: 1.

Horas lectivas: 12.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: afondar na reforma do proceso penal, incidindo na actuación policial e xudicial.

Programa:

– Os suxeitos do proceso penal.

– O fortalecemento do dereito de defensa.

– O Estatuto da vítima e a súa protección procesual.

– Xuízos paralelos e proceso penal.

– O procedemento por aceptación de decreto.

– O xuízo sobre delitos leves.

– Fomento do principio de oportunidade.

– O decomiso. O comiso policial de vehículos a motor e ciclomotores.

– A instrución (tempo e denominación do investigado).

– Medidas limitativas DDFF (especial referencia ao secreto das comunicacións, intimidade e propia imaxe).

– Mesa redonda: bondade da reforma da Lei de anxuizamento criminal.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: persoal da Unidade da Policía Adscrita á Comunidade Autónoma, dos corpos de Policía local de Galicia, da Garda Civil e da Policia Nacional e interesados en xeral.

Prazas ofertadas: limitadas á capacidade (máximo 400).

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 6 de xullo de 2016.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden atopar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporán de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección: exclusivamente por orde de inscrición.

Lista de solicitudes seleccionadas: o día 8 de xullo de 2016, a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultasen seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp.

Datas: 12 e 13 de xullo de 2016.

Certificado de asistencia: ao finalizar a actividade entregáraselles un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que acrediten á súa asistencia continuada a esta.

6. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade, ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de febreiro de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

7. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Agasp tamén poderá suprimir o curso, ampliar novas edicións deste ou suspendelo temporalmente, cando así veña exixido por circunstancias que afecten a súa organización, realización ou docencia.

A Estrada, 5 de maio de 2016

Luis Menor Pérez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública