Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 92 Luns, 16 de maio de 2016 Páx. 18955

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 12 de maio de 2016 pola que se establecen os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais nos centros públicos integrados dependentes desta consellería durante a folga convocada desde o 18 de maio de 2016, con carácter indefinido, pola Confederación Intersindical Galega (CIG) na empresa Limpiezas del Noroeste, S.A. (Linorsa).

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece, como dereito fundamental da persoa, o dereito á folga. O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servizos públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade, no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia está condicionado ao mantemento dos servizos esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG do 20 de xuño), entre os que se atopa a educación.

O artigo 3 do citado decreto faculta os conselleiros ou conselleiras competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para determinar o persoal necesario para a súa prestación.

A empresa Limpiezas del Noroeste, S.A. (Linorsa) é a adxudicataria dos servizos de limpeza en varios centros públicos integrados (CPI) dependentes da Consellería de Cultura Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, na provincia da Coruña.

A convocatoria, que foi comunicada á Consellería de Economía, Emprego e Industria pola organización sindical Confederación Intersindical Galega (CIG), terá lugar de xeito indefinido desde as 00.00 horas do día 18 de maio de 2016 e afectará todos os traballadores e traballadoras da empresa contratista que prestan os seus servizos nos referidos centros.

A necesaria conciliación entre o exercicio do dereito constitucional de folga e o mantemento dos servizos esenciais obriga á Administración autonómica, de acordo coa normativa vixente, a fixar uns servizos mínimos indispensables para o funcionamento dos servizos esenciais que se concretan e xustifican na presente orde.

O servizo esencial da educación non pode ser reducido exclusivamente á actividade docente, xa que, xunto con esta actividade, se realizan outras funcións como son a vixilancia e coidado dos nenos e nenas, menores de idade, que acoden aos centros docentes, así como o coidado, mantemento, limpeza e vixilancia das instalacións destinadas ao servizo público educativo.

Con carácter xeral, o artigo 39 da Constitución depara unha protección especial aos menores. Dun xeito máis específico, a Lei galega 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, dispón no seu artigo 7 que o alumnado ten dereito a que se respecte a súa identidade, integridade e dignidade persoal, e á protección integral contra toda agresión física e moral. Polo tanto, a custodia e seguridade dos menores de idade que accedan a un centro docente, o cumprimento dos principios constitucionais mencionados e dos dereitos citados é unha responsabilidade ineludible e parte indivisible do dereito esencial á educación.

Dentro do deber de garantir a integridade e dignidade persoal do menor de idade debemos incluír o mantemento dunhas mínimas condicións de hixiene. A paralización dos servizos de limpeza pode provocar nos centros afectados graves problemas de salubridade e impide garantir a prestación dos servizos públicos nos ditos centros se non se mantén o mínimo de actividade e se establecen os servizos esenciais para a comunidade, ao abeiro do Decreto 155/1988, do 9 de xuño.

Por canto antecede, de conformidade coa normativa que se cita e oído o comité de folga

DISPOÑO:

Artigo 1. Servizos mínimos nos centros docentes

1. A convocatoria de folga que afecta os traballadores e traballadoras da empresa Limpiezas del Noroeste, S.A., (Linorsa), contratista do servizo de limpeza de centros públicos integrados (CPI) dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que se iniciará ás 00.00 horas do día 18 de maio de 2016 con carácter indefinido, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se detallan no anexo desta orde.

2. A designación nominal, con carácter rotatorio, do persoal que deberá cubrir o servizo en cada un dos centros afectados será realizada pola dirección da empresa Limpiezas del Noroeste, S.A. (Linorsa), procedéndose á súa publicación no taboleiro de anuncios do centro.

3. O persoal designado como servizo mínimo que desexe exercer o seu dereito de folga poderá instar a substitución da súa designación por outro/a empregado/a que voluntariamente acepte o cambio de xeito expreso.

4. Os paros e alteracións no traballo por parte do persoal necesario para o mantemento dos servizos mínimos serán considerados ilegais para os efectos do establecido no artigo 16.1 do Real decreto lei 17/1997, do 4 de marzo (BOE núm. 58, do 9 de marzo).

Artigo 2. Garantía das persoas usuarias

Sen prexuízo do que establece o artigo anterior, deberanse observar as normas legais e regulamentarias vixentes en materia de garantías dos usuarios e usuarias dos establecementos docentes. Os altercados ou incidentes que se produzan serán obxecto de sanción con base nas normas vixentes.

Artigo 3. Recoñecemento dos dereitos

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición única. Entrada en vigor

A presente orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de maio de 2016

Román Rodríguez González
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Centro educativo

Persoal total

Servizos mínimos

Posto

CPI de San Vicente. A Baña

2

1

Limpador/a

CPI Armando Cotarelo Valledor. Boimorto

2

1

Limpador/a

CPI de Ponte Carreira. Frades

2

1

Limpador/a

CPI de Fonte Díaz. Touro

3

1

Limpador/a

CPI Viaño Pequeno. Trazo

2

1

Limpador/a