Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 12 de maio de 2016 Páx. 18291

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 0,4 bar a Cabanas, promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2016/2-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 4.11.2004 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa previa da rede de distribución para a subministración de gas natural no termo municipal de Cabanas (A Coruña); que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 3 de decembro de 2004 e no Boletín Oficial da provincia do 1 de decembro de 2004.

O 23.5.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se aprobou o proxecto de execución das instalacións da rede de distribución de gas natural no termo municipal de Cabanas, promovido por Gas Galicia SDG, S.A. Neste proxecto de execución estaba prevista a gasificación do núcleo de poboación de Cabanas, cunha lonxitude de rede de 11.585 m e co punto de entrega de gas natural na condución Fene-Cabanas.

O 27.1.2016 Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a aprobación do proxecto de execución denominado Rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 0,4 bar a Cabanas (A Coruña). A respecto deste novo proxecto, Gas Galicia SDG, S.A. fai constar o seguinte:

– Substitúe o proxecto aprobado mediante Resolución do 23 de maio de 2011, o cal non chegou a executarse (nin se vai executar) debido a que, tras realizar un estudo de mercado actualizado, optouse por proxectar unha rede máis extensa.

– Prevese unha rede de 21 km fronte aos 11,6 previstos no proxecto que se substitúe.

Obxecto da petición:

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución denominado Rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 0,4 bar a Cabanas (A Coruña), que se tramitará baixo o nº de expediente IN627A 2016/2-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa porque a infraestrutura gasista difire da prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a Gas Galicia SDG, S.A. para a distribución de gas natural no termo municipal de Cabanas.

En consecuencia, o obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 0,4 bar a Cabanas (A Coruña).

Descrición das instalacións:

A rede de distribución terá o seu inicio á saída do punto de entrega de gas natural (ERM conectada á rede de Fene mediante unha antena de aproximación: obxecto doutro proxecto) que se situará no cruzamento da estrada AC-122 co límite municipal de Cabanas. Desde aquí a canalización, que discorre enterrada por zona de calzada ou beirarrúa, distribúese en varios ramais principais e, desde estes, distribuirase polas distintas rúas da zona urbana.

A rede dimensionarase para unha presión relativa de cálculo de 0,4 bar, terá unha lonxitude de 21.043 m e realizarase en tubaxe de polietileno PE100 SDR 17,6/SDR 17 de varios diámetros (160, 110, 90 e 63 mm).

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Cabanas, na provincia da Coruña.

Orzamento: un millón sesenta e seis mil catrocentos setenta e tres euros con oitenta e seis céntimos (1.066.473,86 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, e poidan examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, andar 4º, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, rúa Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas