Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 90 Xoves, 12 de maio de 2016 Páx. 18294

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 1 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 4 bar a Bergondo, promovida pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/25-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

Peticionaria: Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Antecedentes:

O 15.1.2008 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa previa das instalacións de distribución de gas natural en Bergondo (A Coruña), e se aprobou o seu proxecto de execución; que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 14 de febreiro de 2008 e no Boletín Oficial da provincia do 1 de marzo de 2008.

Neste proxecto de execución estaba prevista a gasificación do núcleo de poboación, cunha lonxitude de canalizacións de 18.633 m.

O 21.12.2015 Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a aprobación do proxecto de execución denominado Extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Bergondo (A Coruña). A respecto deste novo proxecto, Gas Galicia SDG, S.A. fai constar o seguinte:

– Substitúe o proxecto aprobado mediante Resolución do 15 de xaneiro de 2008, o cal non chegou a executarse (nin se vai executar) debido á paralización dunha importante urbanización na zona da Longueira.

– Prevé a gasificación do polígono industrial de Bergondo.

– Posibilitará, nunha fase posterior, a gasificación dos núcleos de poboación a partir do polígono industrial.

Obxecto da petición:

De acordo co disposto nos antecedentes, o proxecto de execución denominado Extensión de rede en MOP 4 bar para subministración de gas natural a Bergondo (A Coruña), que se tramitará baixo o nº de expediente IN627A 2015/25-0, someterase non só ao procedemento de aprobación do proxecto de execución, senón tamén ao procedemento de autorización administrativa porque a infraestrutura gasista difire da prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a Gas Galicia SDG, S.A. para a distribución de gas natural no termo municipal de Bergondo.

En consecuencia, o obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da infraestrutura gasista correspondente á rede de distribución para subministración de gas natural en MOP 4 bar a Bergondo (A Coruña).

Descrición das instalacións:

A rede de distribución terá o seu inicio á saída do punto de entrega de gas natural (ERM obxecto doutro proxecto) a situar na estrada municipal de Obra do Pano a Soñeiro. Desde aquí a canalización irá enterrada baixo zona de terra anexa á beiravía da estrada ata a súa chegada ao polígono industrial de Bergondo e, desde este punto, a rede dividirase en varios ramais distribuíndose por distintas rúas.

A rede dimensionarase para unha presión relativa de cálculo de 2,5 bar, terá unha lonxitude de 5.787 m e realizarase en tubaxe de polietileno PE100 SDR 17,6 de varios diámetros (110, 90 e 63 mm).

Termo municipal: a solicitude afecta o termo municipal de Bergondo, na provincia da Coruña.

Orzamento: douscentos setenta mil cincocentos vinte euros con corenta e catro céntimos (270.520,44 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, e poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, e poidan examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, andar 4º, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, rúa Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas