Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Martes, 3 de maio de 2016 Páx. 16456

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 19 de abril de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se rectifica a Resolución do 9 de outubro de 2014 pola que se autoriza a Applus Norcontrol, S.L.U. para a actuación como entidade colaboradora da Administración (ECA) e como organismo de control autorizado (OCA).

Unha vez examinado o expediente de autorización da sociedade Applus Norcontrol, S.L.U. como entidade colaboradora da Administración e organismo de control autorizado no ámbito da seguridade mineira, resultan os seguintes antecedentes de feito:

Primeiro. O 24 de maio de 2013, a sociedade Applus Norcontrol, S.L.U. solicitou ser autorizada como entidade colaboradora da Administración (ECA) e como organismo de control autorizado (OCA) dentro do campo da seguridade mineira.

Así mesmo, solicita mención explícita na dita autorización do alcance técnico recoñecido para o exercicio desa actividade.

Segundo. Segundo consta no expediente instruído para resolver a autorización solicitada, Applus Norcontrol, S.L.U. atópase acreditada pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC), con referencia nº OC-1/221, do 13 de xuño de 2014, co seguinte alcance:

Título: minaría.

Cargadoras sobre rodas.

Tipo de avaliación: inspeccións periódicas conforme o número 5 da ITC 02.0.01 do RXNBSM.

Documento regulamentario: Resolución do 18 de novembro de 2010 (BOE do 22 de decembro), da Dirección Xeral de Política Enerxética e Minas, pola que se aproba a especificación técnica número 2010-1-01, inspección de cargadoras sobre rodas.

Título: minaría.

Traballos ao descuberto.

Tipo de avaliación: posta en servizo e inspección por petición da autoridade mineira conforme os artigos 11 e 15 do RXNBSM.

Documento regulamentario: capítulo VII. Traballos ao descuberto, do RXNBSM

Especificación técnica: proxecto de explotación e desenvolvemento de labores.

Título: minaría.

Instalacións eléctricas en minaría.

Tipo de avaliación: posta en servizo e inspección por petición da autoridade mineira conforme os artigos 11 e 15 do RXNBSM.

Documento reglamentario: capítulo IX. Electricidade, do RXNBSM

Instalacións eléctricas de interior (prescricións xerais, especificacións construtivas e o emprego de material eléctrico ou susceptible de xerar electricidade estática, canalizacións, subestacións de transformación, tracción eléctrica por fío de contacto, túneles, rede de sumidoiros e depósitos subterráneos, iluminación, comunicación e sinalización), instalacións onde se almacenan substancias explosivas, sala de carga de baterías e instalacións eléctricas en minas.

Título: minaría

Instalacións de residuos mineiros e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras.

Tipo de instalacións: non categoría A e categoría A, sen residuos perigosos.

Tipo de avaliación:

Instalacións de residuos: peche e clausura dunha instalación de residuos mineiros (art. 33.3 e 33.4), control posterior á clausura (art. 35.2), clausura definitiva (art. 35.5) e inspeccións anuais (art. 44.1).

Rehabilitación do espazo: abandono definitivo dos labores de aproveitamento (art. 15.4).

Documento regulamentario: Real decreto 975/2009, do 12 de xuño (BOE do 13 de xuño), sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras.

Terceiro. Así mesmo, no expediente consta documentación acreditativa de póliza de seguro a favor de Applus Norcontrol, S.L.U. para a cobertura dos riscos da súa responsabilidade.

Cuarto. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas resolveu o 9 de outubro de 2014 autorizar a sociedade Applus Norcontrol, S.L.U. para a actuación como entidade colaboradora da Administración (ECA) no ámbito do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira, conforme o alcance da acreditación nº OC-1/221, expedida pola ENAC, que inclúe as actividades respecto ás instalacións de residuos mineiros e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras.

Quinto. Con data do 17 de xullo de 2015, a sociedade Applus Norcontrol, S.L.U. solicita aclaración sobre o alcance da autorización como entidade colaboradora da Administración resolta o 9 de outubro de 2014, por non figurar expresamente autorizadas as actuacións no ámbito do Real decreto 975/2009 e que están acreditadas pola ENAC.

Sexto. Con data do 4 de agosto de 2015, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas remitiu a aclaración solicitada na que se indica que a autorización resolta debe entenderse que inclúe a realización de actividades como organismo de control respecto ás instalacións de residuos mineiros e a rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras con base no Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras.

Sétimo. Con data do 27 de outubro de 2015, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Xunta de Castilla y León dita resolución sobre a non admisión das actuacións de Applus Norcontrol, S.L.U. na Comunidade Autónoma de Castilla y León. Nela considérase que a Resolución do 9 de outubro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia non autoriza expresamente a Applus Norcontrol, S.L.U. para a actuación como organismo de control no ámbito do Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, ao non figurar nos seus fundamentos xurídicos ningunha referencia ao citado real decreto.

Oitavo. Na instrución do expediente de solicitude de autorización consta acreditado que Applus Norcontrol, S.L.U. reúne os requisitos para ser autorizada como entidade colaboradora da Administración (ECA) e como organismo de control autorizado (OCA) dentro do campo da seguridade mineira e co alcance acreditado pola ENAC de acordo coa acreditación nº OC-1/221, do 13 de xuño de 2014.

Fundamentos de dereito:

Primero. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é o órgano competente para resolver este expediente, de acordo co previsto no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria (DOG nº 232, do 4 de decembro).

Segundo. Visto o establecido no Real decreto 249/2010, do 5 de marzo, polo que se adaptan determinadas disposicións en materia de enerxía e minas ao disposto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, e na Lei 25/2009, do 22 de decembro, de modificación de diversas leis para a súa adaptación á Lei sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, que no seu artigo primeiro modifica o artigo 11 do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira, aprobado polo Real decreto 863/1985, do 2 de abril, e establece a posibilidade de que a autoridade mineira utilice para a posta en servizo as entidades colaboradoras da Administración (ECA), as cales, ao actuar no ámbito do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira, se rexerán, no non especificamente regulado neste artigo, polo disposto para os organismos de control autorizados na sección 1.3, capítulo IV do Regulamento da infraestrutura para a calidade e a seguridade industrial, aprobado polo Real decreto 2200/1995, do 28 de decembro.

Terceiro. Considerando que o anexo III, organismos de control, do Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras, establece a necesidade de contar con autorización do órgano competente en minaría da comunidade autónoma.

Cuarto. Considerando que o artigo 105.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, redactado de conformidade coa Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, establece que as administracións públicas poderán rectificar en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados, os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos seus actos.

Quinto. Á vista da instrución do expediente, enténdese recoñecida na Resolución do 9 de outubro de 2014 a actuación de Applus Norcontrol, S.L.U. como organismo de control autorizado en instalacións de residuos mineiros e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras. Non obstante, en aras do principio de seguridade xurídica e co obxecto de evitar posibles erros de interpretación, faise necesario rectificar os termos en que foi redactada a resolución desta Dirección Xeral de Enerxía e Minas do 9 de outubro de 2014.

En virtude do exposto, de acordo co establecido na normativa indicada, esta Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

Rectificar os termos en que está redactado o punto primeiro da resolución desta dirección xeral do 9 de outubro de 2014, da seguinte forma:

«Primeiro. Autorizar á sociedade Applus Norcontrol, S.L.U. para actuar como entidade colaboradora da Administración (ECA) no ámbito do Regulamento xeral de normas básicas de seguridade mineira e como organismo de control autorizado (OCA), respecto das instalacións de residuos mineiros e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras con base no Real decreto 975/2009. O alcance técnico da actividade autorizada será o expresamente recoñecido pola ENAC segundo acreditación OC-1/221, expedida o 13 de xuño de 2014. Esa acreditación deberá xuntarse en todo momento á presente resolución de autorización, formando parte dela como anexo».

Contra a presente resolución, que non pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada, ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, no prazo dun mes, desde o día seguinte ao de recepción da notificación da presente resolución, de conformidade co establecido nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 19 de abril de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas