Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2016 Páx. 14965

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2016, da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, de aprobación definitiva do proxecto de delimitación do núcleo rural histórico-tradicional de Cadoira, sito na parroquia de Torneiros, do concello de Pol (expediente PTU-LU-14/076).

O Concello de Pol remite proxecto de delimitación de xullo 2015, subscrito pola consultora Monsa Urbanismo, S.L., para os efectos da súa aprobación definitiva, segundo o previsto na disposición adicional segunda.2, da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG).

Analizada a documentación achegada polo concello e vista a proposta subscrita pola Subdirección Xeral de Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes:

I.1. O Concello de Pol carece de planeamento xeral, dispondo dun proxecto de delimitación de solo urbano aprobado o 1.7.1980. Os terreos exteriores a este –como os afectados pola presente delimitación– réxense polas normas de aplicación directa da LOUG e, no que non se opón a estas, polas normas complementarias e subsidiarias de planeamento provincial.

I.2. De acordo coa documentación remitida polo concello, a tramitación incluíu:

– Aprobación inicial da delimitación (14.3.2014).

– Exposición pública, con anuncios en El Progreso (23.4.2014), La Voz de Galicia (24.4.2014) e DOG (5.5.2014). Segundo informe da secretaría municipal (10.11.2015), non se presentaron alegacións.

– Emisión de informe da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural -DXPC- (6.5.2015), favorable condicionado.

– Emisión de informe da Dirección Xeral de Telecomunicacións do Ministerio de Industria (6.5.2015), favorable.

– Aprobación provisional da delimitación (11.11.2015).

II. Aspectos xerais. Contido.

Proponse a delimitación, como núcleo rural histórico-tradicional, do asentamento poboacional de Cadoira, cunha superficie bruta dunhas 0,7 ha.

O proxecto delimita o núcleo, determina as aliñacións e zonas edificables, regulando as condicións de uso e edificación. Non se identifican elementos de valor cultural nin dotacións.

III. Análise e consideracións.

III.1. Constan no expediente informes en materia de telecomunicacións, favorable; e de patrimonio cultural, favorable condicionado á adopción dunhas medidas que constan integradas no proxecto aprobado provisionalmente.

III.2. O asentamento cumpre as determinacións establecidas no artigo 13 da LOUG para os núcleos rurais: conta con topónimo oficial –Cadoira– recoñecido no Nomenclátor oficial de entidades da provincia de Lugo (Decreto autonómico 6/2000); a distancia máxima (50 m medidos desde as edificacións tradicionais) e acada o requisito de consolidación do 50 % establecidos no artigo 13.3.a) da LOUG.

Daquela, púidose comprobar que se acredita o cumprimento dos requisitos establecidos pola disposición adicional segunda.2 da LOUG, e que se incorporan as condicións impostas polo informe da DXPC.

De acordo co punto 2 da disposición adicional segunda da LOUG, e co artigo 3.a) en relación coa disposición transitoria segunda do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos expedientes de delimitación de solo de núcleos rurais correspóndelle á secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo.

IV. Resolución.

Visto canto antecede, resolvo:

IV.1. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural histórico-tradicional de Cadoira, parroquia de Torneiros, do Concello de Pol.

IV.2. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

IV.3. Notifíquese ao Concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de marzo de 2016

María Encarnación Rivas Díaz
Secretaria xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo

ANEXO

missing image file