Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Venres, 22 de abril de 2016 Páx. 14968

III. Outras disposicións

Consellería de Infraestruturas e Vivenda

ORDE do 11 de abril de 2016 pola que se convocan os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2016.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.3, atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de ordenación do territorio, urbanismo e vivenda, nos termos do disposto nos artigos 47 e 148.1.3 da Constitución.

A Lei 3/1988, do 27 de abril, de creación do Instituto Galego da Vivenda e Solo, nos seus artigos 3 e 4, atribúe a este organismo autónomo a realización das políticas de vivenda e solo na Comunidade Autónoma de Galicia e, entre outras, a dirección da política en materia de patrimonio arquitectónico, así como o fomento da rehabilitación e construción de todo tipo de vivendas.

Como consecuencia da publicación do Decreto 116/2015, do 4 de outubro, que establece a nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e do Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, o Instituto Galego da Vivenda e Solo queda adscrito, como organismo autónomo, á Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Entre as funcións que corresponden ao Instituto Galego da Vivenda e Solo está a elaboración de programas e o establecemento de accións que promovan a innovación e a calidade da vivenda e dos procesos de edificación e urbanización para acadar estándares de calidade baixo os principios de sustentabilidade, aforro e uso de enerxías renovables, así como a implantación das medidas para a recuperación e rehabilitación de núcleos e vivendas rurais, na procura da posta en valor dun patrimonio arquitectónico da Comunidade.

No preámbulo da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establécese que esta lei constitúe un instrumento que pode proporcionar estabilidade e dinamismo ao sector e que permite estimular a promoción e a rehabilitación das vivendas en xeral.

Neste marco competencial, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, impulsa actuacións no patrimonio arquitectónico de Galicia co fin de atender as necesidades de rehabilitación e, así mesmo, mediante programas de conservación e enriquecemento deste patrimonio realiza unha intensa actividade de fomento na rehabilitación. Precisamente, este patrimonio, constituído polo conxunto de edificacións representativas da nosa identidade cultural, é digno merecedor dunha adecuada conservación como legado común.

Neste contexto, na nosa comunidade autónoma realizáronse obras arquitectónicas que destacan pola súa contribución á sociedade, por constituír elementos innovadores, así como pola procura na conservación e rehabilitación do patrimonio arquitectónico. Configúrase así como unha arquitectura orientada a mellorar as condicións de conservación e mantemento de edificios con valor patrimonial ou utilidade social e, en consecuencia, coa finalidade de mellorar a vida das persoas.

A través desta orde, a Xunta impulsa a excelencia da nosa arquitectura e a rehabilitación, mediante a convocatoria dos Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia 2016. Estes premios supoñen o recoñecemento á calidade das edificacións terminadas entre 2011 e 2015, tanto de obra nova como de rehabilitación. Especial mención merecen os dous premios especiais: o de sustentabilidade e á traxectoria profesional; o primeiro busca destacar a implementación dunha arquitectura responsable e comprometida co ambiente en consonancia cos programas europeos e o Horizonte Europa 2020. O premio á traxectoria profesional pretende ser un recoñecemento da especial contribución á arquitectura no territorio galego.

A presente orde consta de dous artigos, unha única disposición adicional e unha única disposición derradeira, así como dun anexo onde se definen as bases reguladoras dos premios, nas cales se inclúen as modalidades de premios e a súa dotación, os proxectos que poden concorrer, a presentación de candidaturas, a composición e funcionamento do xurado, a resolución e a publicidade e difusión dos premios.

En consecuencia, e segundo o disposto no artigo 4 do Decreto 165/2015, do 13 de novembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Infraestruturas e Vivenda, e o artigo 34 da Lei 1/1983, do 12 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

ACORDO:

Artigo 1º. Convocatoria

Convócanse os Premios de Arquitectura e Rehabilitación da Comunidade Autónoma de Galicia para a anualidade 2016, que se rexerán polas bases que figuran como anexo I da presente orde.

Artigo 2º. Crédito orzamentario

Os premios en metálico pagaranse con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.451A.480.0 dos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) para 2016.

Disposición adicional única. Datos de carácter persoal

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta disposición, cuxo tratamento e publicación autoricen as persoas interesadas mediante a presentación das propostas, serán incluídos nun ficheiro denominado «Relacións económicas e comerciais coa cidadanía e con entidades» cuxo obxecto é xestionar o presente procedemento, así como para informar as persoas interesadas sobre o seu desenvolvemento.

O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral do IGVS. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante o IGVS, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Área Central, s/n, Polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a: sx.igvs@xunta.es.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2016

Ethel María Vázquez Mourelle
Conselleira de Infraestruturas e Vivenda

ANEXO I
Bases reguladoras

Primeira. Modalidades de premios

Establécense as seguintes modalidades de premios:

1. Premio galego de arquitectura. O xurado poderá outorgar o premio galego de arquitectura entre os proxectos de nova planta relativos a actuacións que xerasen unha nova edificación ou obras de ampliación e que teñan suficiente entidade propia como para poder ser valorados de forma independente á construción orixinal.

Dotación económica: 6.000 €.

2. Premio galego de rehabilitación. O xurado poderá outorgar o premio galego de rehabilitación entre os proxectos de rehabilitación relativos a intervencións de recuperación e adecuación do parque edificado existente.

Dotación económica: 6.000 €.

3. Mencións. Entre as actuacións que non obtivesen premio poderán destacarse con mención aquelas que o xurado aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

4. Premios especiais. O xurado poderá outorgar premios nas categorías especiais que se indican a continuación:

a) Á sustentabilidade. Destinado a destacar aquela actuación que supoña a implementación dunha arquitectura responsable co ambiente, os recursos e as xeracións futuras.

Dotación económica: 4.000 €.

b) Á traxectoria profesional. Recoñecemento á meritoria traxectoria profesional a favor da arquitectura, no territorio galego, que o outorgará o xurado con base nas propostas formuladas polas entidades integrantes do xurado.

Dotación económica: 4.000 €.

Segunda. Condicións dos proxectos e das persoas premiadas

1. Poderán optar a estes premios, agás do especial á traxectoria profesional, os proxectos arquitectónicos de edificacións finalizadas entre os días 1 de xaneiro de 2011 e 31 de decembro de 2015 dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. As persoas físicas ou xurídicas autoras dos citados proxectos deberán ser profesionais da arquitectura.

3. Poderán propoñerse para o premio especial á traxectoria profesional as persoas arquitectas que pola súa contribución a favor da arquitectura no territorio galego sexan merecedoras dun especial recoñecemento.

Terceira. Presentación de candidaturas para concorrer aos premios de arquitectura e rehabilitación e ao premio especial de sustentabilidade

1. A presentación de candidaturas realizarana as entidades con representación no xurado mediante o modelo que se incorpora como anexo II desta orde, debidamente cuberto, e ao cal se xuntará a documentación que nel se indica. Deberase dirixir á Dirección Xeral do IGVS.

2. A presentación das candidaturas realizarase unicamente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es), de conformidade co establecido nos artigos 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a citada presentación poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

3. A documentación complementaria á proposta deberá presentarase, así mesmo, por vía electrónica utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. O xurado poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, de acordo co disposto nos artigos 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Cuarta. Documentación complementaria que se presentará coas candidaturas aos premios de arquitectura e rehabilitación e ao premio especial de sustentabilidade

1. Xunto coa proposta deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Imaxes: 12 arquivos como máximo, que conterán fotografías, planos, diagramas, etc., en formato jpg.

b) Memoria descritiva e xustificativa do proxecto.

c) Lámina-resumo en formato horizontal DIN-A3 do proxecto proposto.

d) Opcionalmente, poderá achegarse un vídeo de duración máxima de 3 minutos.

e) Os proxectos que se presenten para o premio especial á sustentabilidade deberán incluír ademais unha memoria xustificativa das estratexias de sustentabilidade aplicadas, así como de resultados obtidos.

f) Anexo III: autorización das persoas autoras dos proxectos á entidade propoñente para presentar a súa candidatura e consentimento expreso das persoas autoras dos proxectos ao IGVS para poder publicar, difundir e dar publicidade aos proxectos, así como o material achegado coa proposta, nos termos establecidos nestas bases.

2. Co obxecto de permitir a identificación e posibilitar o recoñecemento público das distintas persoas que participaron nos proxectos, no proceso de presentación de candidaturas de cada proxecto deberá quedar constancia do nome, teléfono e correo electrónico de cada unha das persoas intervenientes neles.

3. Pechado o prazo de presentación de candidaturas, os proxectos propostos poderán ser visualizados no correspondente enlace que se dispoña na páxina web do IGVS.

4. A documentación presentada quedará á disposición da organización dos premios, que poderá utilizala para a súa difusión en calquera tipo de formato ou soporte.

Quinta. Prazo de presentación de candidaturas aos premios de arquitectura e rehabilitación e ao premio especial de sustentabilidade

1. O prazo de presentación de candidaturas será de corenta días naturais, contados desde o día seguinte ao da publicación da presente orde.

2. Unha vez finalizado o prazo de presentación de candidaturas, a persoa secretaria do xurado levantará acta dos proxectos presentados, que será publicada na web do IGVS.

Sexta. Proposta de premio á traxectoria profesional

As propostas para o outorgamento do premio á traxectoria profesional presentaranse no seo do xurado e virán avaladas pola correspondente xustificación.

Sétima. Composición do xurado

1. O xurado estará presidido pola persoa titular da Consellería de Infraestruturas e Vivenda. Así mesmo, formarán parte do xurado, logo de aceptación, as seguintes persoas:

a) A persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

b) A persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.

c) A persoa titular da Dirección Técnica de Solo, Edificación e Calidade do IGVS.

d) A persoa que designe a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

e) A persoa titular da Presidencia da Real Academia Gallega de Bellas Artes de Nuestra Señora del Rosario.

f) A persoa titular da Dirección da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña.

g) A persoa titular da Dirección da Escola Universitaria de Arquitectura Técnica da Universidade da Coruña.

h) A persoa decana-presidenta do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia.

i) A persoa que designe o Consello Galego de Colexios de Aparelladores e Arquitectos Técnicos.

j) A persoa que designe a Federación Gallega de la Construcción.

k) A persoa que designe a Federación de Promotores de Edificación y Suelo de Galicia.

2. Actuará como secretario/a do xurado a persoa titular da Secretaría Xeral do IGVS.

Oitava. Funcionamento do xurado

1. As reunións do xurado realizaranse nas datas sinaladas pola súa Presidencia e terán lugar na sede que o IGVS ten en Santiago de Compostela.

2. O xurado axustará o seu funcionamento ao sinalado nestas bases e ao disposto na sección 3ª do capítulo I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

3. Corresponde á Presidencia do xurado a interpretación das presentes bases, así como a resolución daqueles aspectos non determinados nestas.

Novena. Deliberacións e resolución do xurado

1. Nas candidaturas aos premios de arquitectura e rehabilitación e ao premio especial de sustentabilidade o xurado poderá realizar unha selección previa de proxectos finalistas, entre os que se elixirá un único proxecto gañador para cada unha das modalidades dos premios.

2. O xurado poderá facer mencións honoríficas, sen dotación económica, a aquelas actuacións que aprecie como merecedoras dun especial recoñecemento.

3. O xurado poderá declarar desertos os premios se considera que as obras presentadas non reúnen o mérito necesario para obter a distinción.

4. As decisións tomaranse por maioría dos presentes na deliberación e, en caso de empate, decidirá o voto de calidade da súa Presidencia.

5. O xurado emitirá a resolución, con mención aos valores dos proxectos galardoados que os fan meritorios da distinción recibida.

Décima. Difusión e publicidade

1. O IGVS poderá publicar na súa páxina web os proxectos presentados e, de ser o caso, os seleccionados como finalistas polo xurado e, en todo caso, os galardoados.

2. Tras a resolución do xurado daranse a coñecer os proxectos premiados e farase entrega, en acto público, dos correspondentes galardóns ás persoas premiadas.

3. O IGVS dará a correspondente publicidade, tanto ás persoas galardoadas como aos proxectos premiados, e pode, para tal efecto, utilizar o material achegado coa proposta de candidatura, así como divulgalo a través das publicacións, exposicións, conferencias ou calquera outra actuación que considere oportuna.

missing image file
missing image file
missing image file