Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 19 de abril de 2016 Páx. 14304

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 4 de abril de 2016, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se ordena a publicación da modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Galicia Calidade, Sociedade Anónima Unipersoal.

O Consello da Xunta de Galicia, nas súas reunións dos días 25 de abril de 2013, 29 de outubro de 2015 e 25 de febreiro de 2016 adoptou, por proposta do conselleiro de Facenda, os acordos polos que se autorizou a modificación dos estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Galicia Calidade, Sociedade Anónima Unipersoal.

En cumprimento do disposto nos artigos 104.3 e 105.2 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración Xeral e do sector público autonómico de Galicia, ordénase a publicación no Diario Oficial de Galicia, como anexo a esta resolución, dos estatutos modificados de Galicia Calidade, Sociedade Anónima Unipersoal.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2016

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda

Estatutos da sociedade mercantil pública autonómica Galicia
Calidade, Sociedade Anónima Unipersoal

TÍTULO I
Denominación, obxecto, duración e domicilio

Artigo 1. Denominación e natureza xurídica

1. Baixo a denominación de Galicia Calidade, Sociedade Anónima Unipersoal constitúese unha sociedade mercantil pública anónima de nacionalidade española e capital social integramente de titularidade pública, que se rexerá polo disposto nestes estatutos e, no non previsto neles, polo texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo; pola Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; pola Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e polo resto de disposicións que lle sexan de aplicación.

2. A sociedade terá a consideración de medio propio instrumental e de servizo técnico da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das entidades instrumentais do sector público autonómico, sen prexuízo das encomendas que poidan efectuar outras administracións respecto das cales a sociedade cumpra os requisitos necesarios para ser considerada como medio propio daquelas, no concernente á realización das actividades propias do seu obxecto social que estas lle encarguen, que estará obrigada a realizar.

As relacións coas anteriores entidades, por conseguinte, non se considerarán de natureza contractual e son, para todos os efectos, de carácter interno, dependente e subordinado e articúlanse a través de encomendas de xestión das previstas no artigo 24.6 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro.

En calquera caso, as encomendas de xestión que lle poidan efectuar referiranse sempre a actuacións concretas, e requirirase para tales efectos a resolución preceptiva e previa do órgano que efectúe a encomenda en que se identificarán os termos e condicións en que se deberá realizar a dita encomenda.

3. A sociedade queda adscrita á consellería competente en materia de comercio.

Artigo 2. Obxecto e fins

Constitúe o obxecto da sociedade:

a) A xestión e administración en xeral da marca Galicia Calidade entendido do xeito máis amplo posible e, en particular, as accións e actividades precisas, previas ou posteriores, para a incorporación de empresas á marca, outorgar as licenzas da marca e exercer as medidas de control eficaces sobre a natureza, calidade e características dos produtos e servizos elaborados ou distribuídos ao amparo da marca Galicia Calidade, como obxecto principal da sociedade, correspondendo ao código CNAE 7021.

b) Ademais do indicado na alínea anterior, constitúe igualmente o obxecto da sociedade a xestión e administración en xeral de calquera outra marca relacionada coa calidade dos produtos e dos servizos galegos que se Ile poidan encomendar, co mesmo alcance, polo menos, que respecto á marca Galicia Calidade.

c) O obxecto da sociedade abranguerá calquera tipo de acción ou actividade, sen ningunha limitación, que de xeito directo ou indirecto poida redundar en beneficio das marcas que xestiona e administra a sociedade ou das empresas integradas nelas ou para a incorporación de novas empresas ás marcas que xestiona e administra.

En especial abranguerá calquera tipo de acción ou actividade de comunicación, promoción de calquera tipo, publicitarias, reputación corporativa, patrocinio, participación en feiras, actos, actos institucionais ou de representación institucional, calquera tipo de eventos, congresos, xornadas ou outras similares, realización de estudos; convenios de colaboración, todo isto de xeito illado ou en colaboración con calquera outra empresa, persoa ou entidade pública ou privada.

d) As actividades que integran o obxecto social poderán ser desenvolvidas pola propia sociedade ou, total ou parcialmente, de xeito indirecto, en calquera das formas admitidas en dereito.

Artigo 3. Duración e data de comezo de operacións

A sociedade terá duración indefinida e comezará as súas actividades na data en que teña lugar o outorgamento da escritura de constitución.

Artigo 4. Domicilio social

1. O domicilio social fíxase na rúa San Lázaro, s/n, 3º. Edificio Igape, 15703 de Santiago de Compostela.

2. Corresponden ao Consello de Administración as competencias para o traslado do domicilio dentro do mesmo termo municipal, así como para a creación, supresión ou traslado de sucursais, axencias ou delegacións, tanto no territorio nacional coma no estranxeiro.

TÍTULO II
Capital social e accións

Artigo 5. Capital social

O capital social fíxase na cantidade de trescentos mil cincocentos seis euros (300.506 euros) dividido en cincuenta (50), accións nominativas de seis mil dez euros con doce céntimos (6.010,12 euros) cada unha, numeradas do un ao cincuenta, ambos os dous inclusive, totalmente subscritas e desembolsadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 6. Accións

1. As accións estarán representadas por títulos que poderán ser unitarios ou múltiples.

2. O título de cada acción conterá necesariamente as mencións sinaladas como mínimas no texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.

Artigo 7. Dereitos

1. Cada acción confírelle á súa persoa titular a condición de socia con todos os dereitos inherentes a esta.

2. En caso de copropiedade, usufruto ou garantía de accións, aplicarase ao que sobre estes puntos dispón o texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.

Artigo 8. Transmisión

1. As accións son indivisibles.

2. O alleamento dos títulos representativos do capital que sexan propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia requirirá acordo previo do Consello da Xunta de Galicia, por iniciativa da consellería competente en materia de comercio, por proposta da consellería competente en materia de facenda, e de conformidade co disposto na Lei 5/2011, do 30 de setembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 9. Libro de rexistro

As accións figurarán nun libro de rexistro que levará a sociedade, debidamente legalizado polo Rexistro Mercantil, no cal se inscribirán as sucesivas transferencias ou constitucións de dereitos reais ou gravames sobre elas.

Artigo 10. Exercicio dos dereitos que correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia

O exercicio dos dereitos que correspondan á Comunidade Autónoma de Galicia, como titular de accións da sociedade, será competencia da consellería competente en materia de facenda, de conformidade co disposto no artigo 106 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 11. Ampliación ou diminución do capital social

1. O capital social poderá ser ampliado ou diminuído con suxeición ás normas legais aplicables.

2. En todo aumento de capital, os accionistas poderán exercer dentro do prazo que para este efecto sinale o Consello de Administración, e que non será inferior a un mes, o dereito de subscribir na nova emisión un número de accións proporcional ao das que posúa.

3. A Xunta Xeral de Accionistas que decida a ampliación poderá acordar en beneficio da sociedade a supresión total ou parcial do dereito de subscrición preferente, na forma determinada polo texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo.

TÍTULO III
Réxime de administración da sociedade

Artigo 12. Órganos da sociedade

O goberno e administración da sociedade están encomendados aos seguintes órganos, coas facultades que a uns e outros atribúen estes estatutos e, no non previsto por eles, a normativa reitora da materia:

a) A Xunta Xeral de Accionistas.

b) O Consello de Administración.

Sección 1ª. Da Xunta Xeral de Accionistas

Artigo 13. A Xunta Xeral de Accionistas

1. A Xunta Xeral de Accionistas é o órgano soberano da sociedade e rexerase, no non disposto nos presentes estatutos, polas normas contidas no vixente texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo. Os dereitos de socio e, en particular, o dereito de asistencia e de voto nas xuntas xerais de accionistas, en nome e representación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, será exercido pola persoa titular do órgano directivo competente en materia de patrimonio ou por quen esta delegue.

Mentres subsista a situación de unipersonalidade, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través desta representante, exercerá as competencias da Xunta Xeral, as súas decisións deberanse consignar na acta, baixo a súa sinatura. Os seus acordos, adoptados de conformidade coa lei e os estatutos, serán obrigatorios para todos/as os/as accionistas, mesmo para os/as ausentes, disidentes ou que se abstivesen de votar, deixando a salvo os dereitos de impugnación e separación, se é o caso.

2. Cada acción dará dereito a un voto.

Artigo 14. Clases de xuntas e competencia

1. As xuntas poden ser ordinarias e extraordinarias.

2. A xunta xeral ordinaria, previamente convocada para o efecto, reunirase necesariamente dentro dos seis primeiros meses de cada exercicio para, se é o caso, aprobar a xestión social, as contas do exercicio anterior e resolver sobre a aplicación do resultado.

A xunta xeral ordinaria será válida aínda que fose convocada ou se celebre fóra de prazo.

3. Toda xunta que non sexa a prevista no punto anterior terá a consideración de xunta xeral extraordinaria.

Artigo 15. Reunións

1. O Consello de Administración convocará necesariamente a xunta cando o solicite un número de socios/as que represente, polo menos, o cinco por cento do capital social. Entre a convocatoria e a data prevista para a celebración da reunión deberá existir un prazo de, polo menos, un mes.

2. En todo caso, a xunta quedará validamente constituída para tratar calquera asunto sen necesidade de convocatoria previa se, estando presente ou representado todo o capital social, todas as persoas asistentes aceptan por unanimidade celebrala.

3. Actuarán como presidente/a e secretario/a da xunta os/as que o sexan do Consello de Administración.

Sección 2ª. Do Consello de Administración

Artigo 16. Composición

1.O Consello de Administración estará integrado por un número de conselleiros/as de entre catro (4) e sete (7). Terán esta condición:

a) A persoa titular da dirección xeral da Xunta de Galicia con competencias en materia de comercio.

b) Unha persoa por cada unha das áreas competenciais de comercio, agricultura, pesca e facenda, designadas polos conselleiros/as titulares das consellerías correspondentes a cada unha das ditas áreas competenciais.

c) Unha persoa representante do Instituto Galego de Promoción Económica designada pola súa presidencia.

2. O/a presidente/a do Consello de Administración será a persoa titular da dirección xeral con competencias en materia de comercio.

3. O/a secretario/a do Consello de Administración será elixido/a por este, por proposta da súa presidencia, e na súa ausencia asumirá as súas funcións o/a conselleiro/a de menor idade. O cargo de secretario/a só poderá ser desempeñado por unha persoa licenciada en dereito.

4. Ao Consello de Administración, por proposta da Presidencia, correspóndelle tamén a designación do/a letrado/a asesor/a.

5. A designación de secretario/a e letrado/a asesor/a pode recaer en quen non reúna a condición de conselleiro/a, tendo dereito, neste caso, a participar nas sesións do Consello de Administración como membros del, sen a condición de conselleiro/a, con voz pero sen voto.

En ausencia do secretario asumirá as súas funcións o conselleiro de menor idade.

6. Non poderán ocupar nin exercer cargos nesta sociedade as persoas incluídas nalgunha das prohibicións, incapacidades ou incompatibilidades establecidas polas disposicións que regulan o réxime de incompatibilidades dos altos cargos da Administración autonómica e do persoal ao servizo das administracións públicas, de conformidade co que as citadas normas dispoñan.

7. Os/as conselleiros/as do Consello de Administración serán nomeados pola Xunta Xeral de Accionistas.

Artigo 17. Duración do cargo de conselleiro/a, axudas de custo e percepción de indemnizacións

1. Os/as conselleiros/as desempeñarán o seu cargo por un período de seis anos, e poderán ser reelixidos/as.

En todo caso, os conselleiros/as deixarán de desempeñar o cargo de conselleiros/as do Consello de Administración no momento en que deixen de exercer o cargo ou destino que motivou o seu nomeamento.

2. As persoas membros do Consello de Administración percibirán as axudas de custo e indemnizacións que estean establecidas pola súa asistencia ás reunións do Consello. As indemnizacións máximas que por asistencia lles poidan corresponder serán fixadas mediante acordo do Consello da Xunta, contando co informe favorable da consellería competente en materia de facenda.

Artigo 18. Reunións

1. De acordo co establecido no artigo 246 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, o Consello de Administración será convocado polo seu presidente ou o que faga as súas veces.

Os administradores que constitúan polo menos un terzo dos membros do Consello poderán convocalo, indicando a orde do día, para a súa celebración na localidade onde radique o domicilio social, se, logo de petición ao presidente, este sen causa xustificada non fai a convocatoria no prazo dun mes.

En todo caso, ao amparo do artigo 245.3 do Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, o Consello de Administración reunirase, polo menos, unha vez ao trimestre.

2. A convocatoria, agás en casos de urxencia debidamente xustificada, cursaraa o/a secretario/a, polo menos con setenta e dúas horas de antelación, fixando a orde do día dos asuntos que se tratarán. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición das persoas membros en igual prazo.

3. Das sesións levantarase acta, que asinarán o/a presidente/a e o/a secretario/a.

Artigo 19. Adopción de acordos

1. Para que o Consello de Administración poida deliberar e adoptar acordos necesitarase que concorra á reunión a metade máis un dos/as conselleiros/as que o compoñan, e o que non vaia asistir á reunión poderá conferir, por escrito, a súa representación ao/á presidente/a ou a outro/a conselleiro/a. Ningunha persoa conselleira poderá ter máis dunha representación.

2. Os acordos adoptaranse por maioría de votos presentes e representados, e a Presidencia decidirá os posibles empates.

Artigo 20. Facultades do Consello de Administración

A título enunciativo e non limitativo, enuméranse as seguintes facultades do Consello de Administración:

a) Representar a sociedade en xuízo e fóra del.

b) Aprobar os regulamentos de réxime interior, así como os de organización interna, estrutural e funcional.

c) Outorgar as licenzas de marca.

d) Propoñer á Xunta Xeral de Accionistas extraordinaria o aumento ou diminución do capital social, logo do cumprimento de requisitos legalmente necesarios.

e) Convocar as xuntas de accionistas, xa sexan ordinarias ou extraordinarias, e executar os seus acordos.

f) Recibir información sobre a marcha da sociedade, coa amplitude que o propio Consello xulgue necesario.

g) Formular as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación do resultado no prazo máximo de tres meses a partir do peche do exercicio social.

h) Dirixir o persoal e fixar a súa retribución. Aprobar un cadro de persoal, que incluirá os postos de persoal directivo, e os instrumentos polos que se regulen as condicións de traballo do persoal, a subscrición de convenios colectivos, as ofertas de emprego e as bases das convocatorias de contratación de persoal que requirirán, en todo caso, informe previo e favorable dos centros directivos competentes en materia de orzamentos e función pública.

i) Nomear ao/á director/a xerente, por proposta da Presidencia.

j) Autorizar os convenios de cooperación ou colaboración con institucións públicas ou privadas.

k) As consignadas dun xeito especial en artigos determinados destes estatutos.

Artigo 21. Comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional

1. Por proposta da Presidencia, o Consello de Administración poderá constituír no seu seo comisións ou comités con carácter permanente ou ocasional e coa composición, atribucións, réxime das reunións, requisitos dos acordos e garantías que máis conveña á mellor e máis recta xestión e administración dos intereses sociais, sen que en ningún caso poidan atribuírse as facultades indelegables segundo lei.

2. Os comités e as comisións serán presididas polo/a presidente/a e, na súa falta, polo/a conselleiro/a de maior idade.

3. As actas que, se é o caso, se levanten serán autorizadas polo/a secretario/a do Consello de Administración.

Sección 3ª. Da Presidencia

Artigo 22. Atribucións

1. Son atribucións da Presidencia do Consello de Administración:

a) Asumir o goberno e inspección de todos os servizos da sociedade, vixiando a súa administración, o desenvolvemento da actividade social e a fiel execución das operacións.

b) Representar o Consello de Administración en toda clase de actos e usar da firma social.

c) Propoñer o Consello de Administración o nomeamento do/a director/a xerente.

d) Nomear o restante persoal da sociedade.

e) Velar para que se cumpran os estatutos sociais en toda a súa integridade e se executen fielmente os acordos do Consello de Administración.

f) Convocar e presidir o Consello de Administración.

g) Dirixir as deliberacións dos órganos da sociedade, con voto de calidade nos empates.

h) Propoñer os convenios de cooperación ou colaboración con institucións públicas ou privadas.

i) Visar as certificacións que expida o/a secretario/a, as actas das reunións, os balances, contas, estados e memorias que deban ser sometidos á Xunta Xeral de Accionistas.

j) Outorgar toda clase de actos, contratos ou negocios xurídicos, cos pactos, cláusulas ou condicións que considere oportuno establecer, agás operacións de endebedamento, e coas limitacións que se indican no seguinte parágrafo, no caso de que supoñan gasto para a sociedade.

k) Tramitar e formalizar contratos sempre que o seu importe sexa inferior ao fixado na normativa de contratación do sector público para que os contratos de subministración teñan a consideración de suxeitos a regulación harmonizada e, no caso dos contratos de obras, cando o seu importe sexa inferior aos 600.000 euros. No caso de superar estes límites deberá contarse coa aprobación do Consello de Administración.

l) Comparecer ante toda clase de xulgados e tribunais de calquera xurisdición e ante toda clase de organismos públicos, en calquera concepto, e en toda clase de xuízos e procedementos, mesmo arbitrais, achantarse, e transixir; interpoñer recursos, mesmo de casación, revisión ou nulidade, ratificar escritos e desistir das actuacións, xa directamente ou por medio de avogados/as e procuradores/as, aos/ás cales poderá conferir os oportunos poderes.

m) Xirar, aceptar, endosar, avalar, intervir e protestar letras de cambio e outros documentos de xiro.

n) Abrir, seguir e pechar a nome da sociedade no Banco de España, caixas de aforro, postais, rurais, cooperativas de crédito e demais establecementos bancarios, contas correntes e de crédito, dispoñendo contra elas e podendo, en consecuencia, ingresar e retirar fondos.

ñ) Asinar contratos de traballo, de transporte e traspaso de locais de negocio; retirar e remitir xéneros, envíos e xiros.

o) Outorgar e asinar toda clase de documentos públicos e privados; retirar e cobrar calquera cantidade ou fondos de calquera organismo público ou privado, para o cal asinará cartas de pagamento, recibos, facturas e libramentos.

2. As atribucións enumeradas coas letras h) e da k) ata a o) poderán ser delegadas pola Presidencia no/a director/a xerente, logo de acordo de Consello de Administración.

Artigo 23. A Vicepresidencia

1. A persoa titular da Vicepresidencia será nomeada pola Xunta Xeral de Accionistas, e no caso de que esta non a designe polo Consello de Administración.

2. O/a vicepresidente/a substituirá a persoa titular da Presidencia en todas as súas atribucións, nos casos de ausencia ou de enfermidade e, en xeral, cando concorra algunha causa xustificada.

Sección 4ª. Do/a director/a xerente

Artigo 24. O/a director/a xerente

1. O/a director/a xerente, baixo a inmediata dependencia do Consello de Administración e da Presidencia, dirixirá a organización empresarial da sociedade e os seus negocios sociais, segundo o réxime de atribucións, dereitos, deberes, incompatibilidades, remuneracións e competencias que, para o efecto, aquel estableza.

2. O/a director/a xerente asistirá, con voz pero sen voto, ás reunións da Xunta Xeral de Accionistas e do Consello de Administración, cando así se lle requira ou se lle convoque.

Sección 5ª. Da Comisión de Auditoría e Control

Artigo 25. Comisión de Auditoría e Control

1. Segundo o artigo 111 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, no suposto de que a sociedade estea obrigada a someter as súas contas a auditoría, deberá constituírse unha comisión de auditoría e control, dependente do Consello de Administración, integrada por tres persoas membros que serán designadas polo Consello de Administración da seguinte forma: unha en representación da consellería con competencias en comercio, outra en representación da consellería con competencias en facenda e unha terceira elixida de entre os/as restantes conselleiros/as por maioría simple.

2. Entre as súas competencias estarán, ademais das exixidas normativamente, como mínimo, as seguintes:

a) Coñecer os procesos de información financeira e os sistemas de control interno da sociedade.

b) Revisar as contas anuais da sociedade, vixiar o cumprimento dos requirimentos legais e a correcta aplicación dos principios de contabilidade xeralmente aceptados.

c) Propor ao Consello de Administración para o seu sometemento á Xunta Xeral de Accionistas o nomeamento dos auditores de contas, mediante os procedementos de adxudicación previstos na normativa de contratación pública.

d) Servir de canle de comunicación entre o Consello de Administración e os/as auditores/as de contas e avaliar os resultados de cada auditoría. Así mesmo, recibir información sobre todas as cuestións relacionadas co proceso de desenvolvemento da auditoría de contas, así como manter as comunicacións previstas na lexislación de auditoría de contas e demais normas técnicas de auditoría.

e) Elaborar un informe anual sobre as súas actividades.

TÍTULO IV
Exercicio social e aplicación do resultado

Artigo 26. Exercicio social

O exercicio social coincidirá co do ano natural e finalizará cada ano o trinta e un de decembro.

Como excepción, o primeiro exercicio social comezará na data de outorgamento da escritura fundacional.

Artigo 27. Contas anuais e aplicación do resultado

1. A administración da sociedade está obrigada a formular no prazo máximo de tres meses, contados a partir do peche do exercicio social, as contas anuais, o informe de xestión e a proposta de aplicación de resultados.

2. As contas anuais serán aprobadas pola Xunta Xeral de Accionistas que, pola súa vez, resolverá sobre a aplicación do resultado do exercicio, de acordo co balance aprobado.

3. Dentro do mes seguinte á aprobación das contas anuais, presentaranse, xunto coa oportuna certificación acreditativa da devandita aprobación e aplicación do resultado, para depositalas no Rexistro Mercantil.

TÍTULO V
Transformación, fusión, escisión e disolución

Artigo 28. Transformación, fusión e escisión

A transformación, fusión ou escisión da sociedade producirase na forma que establece a Lei 3/2009, do 3 de abril, de modificacións estruturais das sociedades mercantís, e requirirán autorización previa do Consello da Xunta, con carácter previo aos acordos que se deban adoptar segundo a lexislación mercantil.

Artigo 29. Disolución e liquidación

1. A sociedade disolverase polas causas e na forma que establece o vixente texto refundido da Lei de sociedades de capital, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo. O acordo de disolución deberá contar coa autorización previa do Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda.

O Consello da Xunta determinará, se é o caso, o destino do haber social.

2. A condición de liquidador corresponderalles ás persoas designadas pola Xunta Xeral de Accionistas da sociedade ou, na súa falta, aos/ás compoñentes do Consello de Administración, con exclusión por sorteo dun/dunha deles/as, se o número de compoñentes do Consello for par no momento de acordarse a disolución.

Artigo 30. Tutela financeira e o control patrimonial da sociedade

A consellería competente en materia de facenda exercerá as funcións relativas á súa tutela financeira e ao control patrimonial da sociedade, de conformidade co disposto na normativa de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na reguladora do seu patrimonio.

TÍTULO VI
Foro competente

Artigo 31. Foro competente

1. Os/as socios/as, para as cuestións que teñan coa sociedade ou cos seus órganos, quedan sometidos á xurisdición dos xulgados ou tribunais do domicilio social, entendendo que polo simple feito de seren accionistas renuncian á propia xurisdición, se for distinta.

2. As cuestións que poidan ser resoltas por arbitraxe de equidade serán sometidas a este e de conformidade coa regulación legal deste tipo de procedementos.