Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 8 de abril de 2016 Páx. 12753

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social

ORDE do 4 de abril de 2016 pola que se convoca o procedemento de adxudicación de estadías e servizos nas residencias de tempo libre adscritas a esta consellería para o ano 2016.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23, asígnalle á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

Por outra banda, o Real decreto 4123/1982, do 29 de decembro, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tempo libre, dispón que terán dereito a ser persoas usuarias das residencias traspasadas todas as persoas traballadoras de nacionalidade española e os e as familiares destas, calquera que sexa o lugar do seu domicilio.

A Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, no seu artigo 2, define os servizos sociais como o conxunto coordinado de prestacións, programas e equipamentos destinados a garantir a igualdade de oportunidades no acceso á calidade de vida e á participación social de toda a poboación galega, competencias atribuídas neste sector á Consellería de Política Social a través do Decreto 176/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Consellería de Política Social dispón de dous centros destinados ao desfrute do lecer das familias, as residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, ás que se lles quere dar un fondo contido social e posibilitar o acceso de familias a un período vacacional nas residencias de tempo libre de Galicia.

Mediante a presente orde ofértanse quendas de estadías nas devanditas residencias, co fin de favorecer a comunicación e participación persoal e socio-familiar, e cumprir unha importante función social.

Neste sentido, esta orde recolle aspectos, tales como a determinación das persoas destinatarias, distribución de prazas, servizos ofertados, solicitudes e tramitación, adxudicacións, prezos e pagamento, contribuíndo con isto a reforzar a confianza da cidadanía no funcionamento do sistema.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

RESOLVO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar o procedemento de adxudicación de estadías e servizos para o ano 2016 das residencias de tempo libre de Panxón e O Carballiño, sitas nas localidades de Panxón-Nigrán (Pontevedra) e O Carballiño (Ourense), respectivamente, e adscritas á Consellería de Política Social.

O procedemento regulado pola presente orde comprende exclusivamente as estadías reflectidas no anexo II cuxa adxudicación corresponde á Consellería de Política Social.

Artigo 2. Persoas destinatarias

Poderán ser destinatarias todas as persoas maiores de idade ou menores, sempre que vaian en compañía dos seus proxenitores ou das súas proxenitoras ou titores ou titoras legais, e que teñan a súa residencia en territorio español. Igualmente, poderán acollerse a esta orde os galegos e as galegas residentes no exterior.

Non se admitirán as solicitudes que inclúan persoas que gozasen dalgunha quenda na mesma residencia nalgún dos dous anos anteriores.

Artigo 3. Distribución das prazas

A distribución das prazas será compartida nun 50 % entre a Consellería de Política Social e as centrais sindicais en razón da súa representatividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos resultados obtidos nas derradeiras eleccións sindicais.

Artigo 4. Tipos de servizo

1. Servizo de residencia.

O servizo de residencia consistirá no aloxamento e na mantenza en réxime de pensión completa durante a quenda adxudicada ás persoas beneficiarias.

2. Servizos para non residentes.

Poderán gozar do servizo de comedor os e as familiares e persoas con relación de amizade cos ou coas residentes, que veñan visitar a instalación, segundo as normas para a provisión de prazas que determine a persoa que exerza a dirección de cada residencia, e sen prexuízo da prioridade que se outorgue e se garanta ás persoas aloxadas.

Artigo 5. Prezos

Os prezos, tanto para os servizos de residencia como para as persoas non residentes, serán os previstos no Decreto 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.

Artigo 6. Documentación

1. Cada unidade familiar poderá solicitar estadías para calquera das dúas residencias de tempo libre adscritas á Consellería de Política Social e para unha ou varias quendas.

2. A solicitude (anexo I) irá acompañada da seguinte documentación:

a) Certificado de discapacidade, de ser o caso, só no caso de non ser expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou cando, sendo expedido por esta, non se autorice a súa consulta.

b) Copia do DNI ou NIE da persoa solicitante, só no caso de non autorizar a súa consulta no Sistema de verificación de datos de identidade.

c) Copia do título de familia numerosa, de ser o caso, só no caso de non ser expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou cando, sendo expedido por esta, non se autorice a súa consulta.

d) Copia da resolución administrativa de acollemento, de ser o caso, só no caso de non ser expedida pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou cando, sendo expedido por esta, non se autorice a súa consulta.

e) Copia do certificado de monoparentalidade, de ser o caso, só no caso de non ser expedido pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou cando, sendo expedido por esta, non se autorice a súa consulta.

Artigo 7. Presentación de solicitudes: lugar e prazo

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.es/chave365).

2. Opcionalmente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante ou representante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, xa mencionados.

A documentación complementaria tamén poderá presentarse en formato papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

As copias dos documentos gozarán da mesma validez e eficacia que os seus orixinais sempre que exista constancia de que sexan auténticas.

3. A sede electrónica da Xunta de Galicia ten á disposición das persoas interesadas unha serie de modelos normalizados dos trámites máis comunmente utilizados na tramitación administrativa, que poderán ser presentados en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

4. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada ou representante deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro.

5. O prazo de presentación de solicitudes abrirase ao día seguinte da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de abril de 2016.

Artigo 8. Consentimentos e autorizacións

1. A tramitación do procedemento require a incorporación de datos en poder das administracións públicas. Polo tanto, os modelos de solicitude incluirán autorizacións expresas ao órgano xestor para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos. No caso de que non se autorice o órgano xestor para realizar esta operación, deberán achegarse os documentos comprobantes dos datos, nos termos exixidos polas normas reguladoras do procedemento.

2. As solicitudes das persoas interesadas deberán achegar os documentos ou informacións previstos nesta orde, salvo que estes xa estean en poder da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia; neste caso, as persoas interesadas poderán acollerse ao establecido no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á persoa solicitante ou representante a súa presentación ou, na súa falta, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

Artigo 9. Requirimento de emenda

A persoa que exerza a dirección da respectiva residencia comprobará que os expedientes reúnen todos os requisitos exixidos na presente orde. En caso contrario, reclamaralles por escrito ás persoas interesadas os documentos preceptivos para poder resolver o expediente, co apercibimento de que, se así non se fai nun prazo de dez (10) días, se cosniderará que desisten da súa petición, de acordo co artigo 71.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, logo da resolución do xefe ou da xefa territorial competente, que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da dita lei.

Artigo 10. Adxudicación de estadías

A adxudicación das prazas efectuarase por sorteo de datas. O dito sorteo terá lugar o día 4 de maio de 2016, ás 10.00 horas, nas dependencias da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social (San Caetano s/n, Santiago de Compostela), que será público e terá lugar ante a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Consellería de Política Social. Deste sorteo redactarase acta e remitirase o resultado ás persoas titulares das xefaturas territoriais competentes por razón do territorio en que se atopan as residencias de tempo libre.

No antedito sorteo teranse en conta todas aquelas solicitudes presentadas dentro do prazo establecido. Todas as datas do prazo establecido no artigo 7.4 entran en sorteo e delas sairá unha que será aquela pola cal se iniciará a adxudicación das prazas, ata cubrir o total de cuartos dispoñibles.

As prazas que queden vacantes por renuncias posteriores á súa adxudicación ofertaranse ás persoas solicitantes que non obtivesen praza, seguindo para estes efectos a orde de adxudicación establecida no sorteo.

Reservarase a primeira quenda do mes de agosto en ambas as dúas residencias para as familias numerosas definidas no artigo 10 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.

Reservarase a última quenda do mes de xullo en ambas as dúas residencias para as familias acolledoras definidas no artigo 17 da Lei 3/2011, do 30 de xuño. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.

Reservarase a segunda quenda do mes de xullo en ambas as dúas residencias para as familias monoparentais definidas no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño. Non obstante, poderán solicitar calquera outra das datas que se recollen no anexo II.

As prazas das quendas reservadas que non se cubran incluiranse na quenda xeral. As familias acolledoras, numerosas e monoparentais que se presenten a unha quenda distinta da reservada para elas non terán ningunha preferencia.

Non se adxudicarán prazas por máis dunha quenda durante a tempada de verán na mesma residencia.

Artigo 11. Resolución

1. Correspóndelle ao xefe ou á xefa territorial competente por razón de territorio, por delegación do conselleiro de Política Social, a resolución das adxudicacións das estadías. As ditas resolucións deberán facer constar expresamente que se adoptan por delegación e consideraranse ditadas polo órgano delegante.

A persoa que exerza a dirección de cada residencia notificará ás persoas interesadas a quenda e tempada concedida ou a non adxudicación, de ser o caso, no prazo máximo de catro meses contado desde o día de inicio da presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo sen se ditar resolución expresa, as solicitudes consideraranse desestimadas.

2. As resolucións ditadas neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de 6 meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.

Potestativamente e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da dita resolución expresa. Se a resolución é presunta, o prazo será de 3 meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Transcorridos os ditos prazos, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.

3. O día 23 de maio de 2016 publicarase a relación das persoas beneficiarias coas estadías e quendas adxudicadas nas páxinas web http://benestar.xunta.es/ e www.familiasgalegas.org.

Do mesmo xeito, farase e publicarase nas mesmas páxinas web unha relación das persoas solicitantes que queden en reserva.

Artigo 12. Pagamento do prezo da estadía

As persoas beneficiarias realizarán un depósito de 30 € por cuarto en concepto de reserva, no prazo de 5 días naturais desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, e outro depósito pola cantidade restante ata completar a totalidade do prezo da estadía, 25 días naturais antes do inicio da quenda adxudicada.

Artigo 13. Anulación de estadías e reintegro de pagamentos

1. Se a persoa adxudicataria anula a estadía perderá a cantidade depositada en concepto de reserva, agás causa de forza maior debidamente acreditada. A dita anulación efectuarase por calquera medio polo que quede constancia da data de entrada da anulación e remitirase ao enderezo da residencia de tempo libre que corresponda.

2. Terá dereito a que se lle devolvan as restantes cantidades depositadas, para o cal terá que facer a reclamación da dita cantidade. Unha vez instruído o expediente, resolverase a reclamación e, se procede, farase o reintegro de acordo coas porcentaxes que se detallan a continuación:

a) Anulación ata 20 días antes da data do comezo do gozo das estadías: 100 %.

b) Anulación entre 19 e 10 días antes da data de comezo do gozo das estadías: 75 %.

c) Anulación entre 9 e 3 días antes da data de comezo do gozo das estadías: 50 %.

d) Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o gozo das estadías: 25 %.

3. Para calcular a porcentaxe da devolución tomarase como data de referencia a de rexistro de entrada na residencia. En ningún caso se fará responsable a residencia dos eventuais atrasos que poidan producirse no envío da devandita documentación.

Artigo 14. Protección de datos

De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, os datos persoais recollidos na tramitación desta orde, cuxo tratamento e publicación autorizan as persoas interesadas mediante a presentación das solicitudes, serán incluídos nun ficheiro denominado Relacións administrativas coa cidadanía e entidades. O órgano responsable deste ficheiro é a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social. Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición poderanse exercer ante a Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Política Social, mediante o envío dunha comunicación ao seguinte enderezo: Consellería de Política Social, Secretaría Xeral Técnica, Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela, ou a través dun correo electrónico a sxt.politica.social@xunta.es.

Disposición adicional única. Delegación de competencias

Apróbase a delegación de competencias para resolver a adxudicación das estadías da persoa titular da Consellería de Política Social na persoa titular da Xefatura Territorial da Consellería de Política Social en Ourense, para as que correspondan á residencia de tempo libre do Carballiño, e en Vigo para as que correspondan á residencia de tempo libre de Panxón.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2016

José Manuel Rey Varela
Conselleiro de Política Social

missing image file
missing image file

ANEXO II
Estadías das persoas residentes

Residencia

Mes

Quenda

Tempada

Panxón

Xullo

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Agosto

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Setembro

Do 1 ao 10

Alta

O Carballiño

Xullo

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Agosto

Do 1 ao 10

Do 12 ao 20

Do 22 ao 30

Alta

Setembro

Do 1 ao 10

Alta