Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 30 de marzo de 2016 Páx. 11428

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

ACORDO do 22 de marzo de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública, sobre actualización do expediente persoal dos axentes forestais do corpo de auxiliares técnicos da Xunta de Galicia, subgrupo C2, e do corpo técnico de carácter facultativo da Xunta de Galicia, subgrupo C1.

A Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (DOG nº 82, do 4 de maio), no seu punto 1.c) da disposición derrogatoria primeira, derroga a Lei 12/1992, do 9 de novembro, de creación de determinadas escalas de persoal funcionario ao servizo da Xunta de Galicia, na cal se creaba a escala de axentes forestais, dentro do corpo de auxiliares técnicos da Xunta, subgrupo C2. O seu punto 1.g), ademais, derroga a Lei 2/2000, do 21 de decembro, pola que se crea a escala de axentes facultativos ambientais, dentro do corpo de técnicos de carácter facultativo, subgrupo C1.

A dita Lei 2/2015, na súa disposición adicional novena, determina as escalas e especialidades dos corpos de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia. No seu número 3 establece que dentro das escalas e especialidades que existen no corpo de técnicos de carácter facultativo, grupo B, está a escala de axentes técnicos en Xestión Ambiental. Para o ingreso nesa escala precisarase estar en posesión da titulación de técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural ou equivalente. No punto 8.b) declárase «para extinguir» a escala de axentes facultativos ambientais e no punto 8.c) a escala de axentes forestais do corpo de auxiliares de carácter técnico, o que entrará en vigor cando se produza o desenvolvemento regulamentario da nova escala de axentes técnicos en Xestión Ambiental, segundo o número 4 da disposición derradeira quinta.

O requisito de formación inicial para a nova escala de axentes técnicos en Xestión Ambiental, que substitúe as anteriores, implica un maior nivel de cualificación que o exixido anteriormente. A posible obtención da nova titulación por parte das persoas que non conten con ela configúrase como un requisito legal imprescindible para o acceso ao novo grupo B.

Como queira que os expedientes persoais destes empregados públicos non se actualizaron cos novos ciclos da formación profesional, faise necesaria a actualización dos ditos expedientes. A partir dese momento e coa colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria estudaranse os itinerarios profesionais particularizados dos empregados interesados en obter a titulación de técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural segundo as diversas solucións que o sistema educativo permita, e para acadar esa finalidade

ACORDO:

Primeiro. Abrir un prazo de presentación voluntaria de documentación para os funcionarios de carreira da escala de axentes forestais do corpo de auxiliares técnicos da Xunta, subgrupo C2, e do corpo técnico de carácter facultativo da Xunta, subgrupo C1, que ten como obxecto determinar quen dispón do título de técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural, ou equivalente, e quen non dispón da dita titulación. Para estes últimos establecerase un itinerario formativo voluntario –para a obtención da titulación académica impartida pola Administración educativa– que lles permita presentarse ao proceso de promoción á escala de axentes técnicos de Xestión Ambiental establecida na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, no momento da súa convocatoria, para o que deberán achegar a documentación de que dispoñan do anexo II.

Segundo. A documentación (orixinal ou fotocopia compulsada polos servizos de persoal da consellería de destino dos ditos empregados) será entregada, numerada correlativamente cada unha das súas follas e grampada nun único expediente, segundo a orde que establece o anexo II que se xunta. O dito expediente deberá ser remitido polo interesado a través dun rexistro público á Dirección Xeral da Función Pública da Consellería de Facenda.

O prazo de presentación finaliza aos trinta días naturais da publicación do presente aordo.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2016

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO I

Título de técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural, ou equivalente.

ANEXO II
Méritos que se deberán achegar

A. Méritos académicos:

1. Título de educación secundaria obrigatoria e equivalentes:

a) Título de graduado escolar.

b) Titulacións equivalentes a graduado escolar:

b.1) Certificado de estudos primarios obtido antes de finalizar o curso 75/76.

b.2) Ter reunido no seu día condicións para obter o certificado de estudos primarios.

b.3) Estudos parciais de bacharelato elemental.

b.4) 4 cursos completos de bacharelato xeral, plans anteriores a LXE70 (con ou sen reválida).

b.5) 5 cursos completos de bacharelato técnico ou laboral (con ou sen reválida).

b.6) 4 cursos completos de humanidades da carreira eclesiástica.

2. Título de bacharelato e equivalentes:

a) Título de BUP e/ou COU.

b) Titulacións equivalentes a bacharelato:

b.1) Proba de acceso á universidade para maiores de 25 anos.

b.2) Proba de acceso á universidade e outro título anterior ou dúas materias de carreira universitaria.

b.3) Todos os cursos de bacharelato de todos os plans anteriores a LXE70 (sen reválida ou proba).

b.4) 6 cursos de humanidades con dous de filosofía da carreira eclesiástica.

b.5) 6 cursos de bacharelato anteriores a LXE70 con 1 ou 2 pendentes.

b.6) Maxisterio plan 1959 sen reválida máis bacharelato elemental.

b.7) BUP con 1 ou 2 pendentes.

3. Titulacións universitarias:

a) Título de diplomado/a.

b) Título de licenciado/a.

c) Título de grao.

d) Título de mestrado.

e) Título de doutor.

B. Titulacións profesionais:

1. Título de técnico e equivalentes:

a) Título de técnico auxiliar.

b) Título de oficial industrial.

2. Título de técnico superior e equivalentes:

a) Título de técnico especialista.

b) Título de mestre industrial.

C. Instrumentos de acreditación de competencia profesional:

1. Certificado de profesionalidade.

2. Certificado de acreditación de unidade de competencia.

D. Superación de probas de acceso e competencias clave:

1. Probas de acceso a ciclos de grao medio.

2. Probas de superación de competencias clave de nivel 2.

3. Probas de acceso a ciclos de grao superior.

4. Probas de superación de competencias clave de nivel 3.

5. Probas de acceso a ensinanzas de réxime especial.

E. Profesións reguladas, habilitacións e carnés profesionais:

1. Titulacións de profesións reguladas.

2. Habilitacións e carnés profesionais.

F. Outra formación:

1. Entidades públicas y homologadas.

2. Outros cursos.

G. Experiencia profesional:

1. Mesmo corpo da Administración.

2. Outros corpos.

3. Outra experiencia.

H. Ensinanzas de réxime especial (ser relevantes):

1. Certificado de aptitude de escola oficial de idiomas.

2. Certificado do ciclo elemental de escola oficial de idiomas.

3. Certificado de nivel intermedio (B1) de escola oficial de idiomas.

4. Certificado de nivel avanzado (B2) ou superior de escola oficial de idiomas.

5. Técnico de ensinanzas de artes plásticas e deseño.

6. Técnico superior de ensinanzas de artes plásticas e deseño.

7. Técnico deportivo.

8. Técnico deportivo superior.

9. Outras titulacións de ensinanzas especiais.

I. Outros méritos.

ANEXO III

........................................................................................ DNI........................... funcionario de carreira da escala de axentes forestais do corpo de auxiliares de carácter técnico ou da escala de axentes facultativos ambientais do corpo técnico de carácter facultativo da Xunta, con destino definitivo en....................... coa finalidade establecida no Acordo do día 22 de marzo de 2016, da Dirección Xeral da Función Pública, sobre actualización do expediente persoal:

(*) Achega xustificante de estar en posesión do título de técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural, ou equivalente.

Ou

(*) Manifesta que non posúe o título de técnico superior en Xestión Forestal e do Medio Natural ou equivalente, polo que presenta o anexo II coa documentación comprensiva dos seus méritos para a finalidade establecida no dito acordo.

* Risque o que proceda

..........................., ....... de marzo de 2016

Asdo.:

Dirección Xeral da Función Pública. Consellería de Facenda. Edificio Administrativo de San Caetano. 15781 Santiago de Compostela.