Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 28 de marzo de 2016 Páx. 11065

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Fondo Galego de Garantía Agraria

ANUNCIO do 16 de marzo de 2016 sobre a asignación definitiva dos dereitos de pagamento básico.

En relación coa comunicación da asignación dos dereitos definitivos de pagamento básico, o artigo 25, número 10, do Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de decembro de 2013, polo que se establecen normas aplicables aos pagamentos directos aos agricultores en virtude dos réximes de axuda incluídos no marco da Política Agrícola Común e polo que se derrogan os regulamentos (CE) nº 637/2008 e (CE) nº 73/2009 do Consello, establece que en 2015 os Estados membros informarán aos agricultores do valor dos seus dereitos de pagamento calculado de acordo co citado artigo e os artigos 26 e 27, para cada ano do período a que se aplica o citado regulamento.

Así mesmo, o Regulamento delegado (UE) nº 639/2014 da Comisión, do 11 de marzo de 2014, que completa o Regulamento (UE) nº 1307/2013 do Parlamento Europeo e do Consello, dispón no seu artigo 18 que, cando a información aos agricultores establecida no artigo 25, número 10 (...) do Regulamento (UE) nº 1307/2013 se basee en datos provisionais, o Estado membro de que se trate, unha vez realizados todos os controis necesarios conforme o artigo 74 do Regulamento (UE) nº 1306/2013 e, en calquera caso, antes do 1 de abril do ano seguinte ao primeiro ano de aplicación do réxime de pagamento básico, establecerá e comunicará aos agricultores o valor e o número definitivo dos dereitos de pagamento.

En definitiva, a información mínima que establecen os regulamentos comunitarios que debe comunicarse antes do 1 de abril de 2016 aos beneficiarios de dereitos de pagamento básico da campaña 2015 é o valor e o número de dereitos de pagamento básico para cada ano do período do 2015 a 2019.

No entanto, con base nas dúas disposicións regulamentarias anteriores, o Real decreto 1076/2014, do 19 de decembro, sobre asignación de dereitos de réxime de pagamento básico da Política Agrícola Común, engade, no seu artigo 20, número 3, que para realizar as comunicacións referidas no punto anterior as comunidades autónomas, unha vez que o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente remita os datos necesarios para tal fin, remitirán aos beneficiarios do réxime de pagamento básico por calquera das formas posibles que lles permita o coñecemento dos seus datos, incluída a posibilidade de acceso ás bases de datos, unha comunicación de dereitos de pagamento básico que conterá, polo menos, a seguinte información:

a) O importe de referencia establecido resultado dos importes percibidos en 2014, antes de sancións e penalizacións, por axudas directas, que será utilizado para estimar o valor unitario inicial, como consecuencia da incorporación das axudas de cada un dos sectores no réxime de pagamento básico.

b) O número e o valor dos dereitos de axuda definitivos para cada ano entre 2015 e 2019 que se determinen por cada rexión do réxime de pagamento básico.

En consecuencia, na Comunidade Autónoma de Galicia debe comunicarse aos beneficiarios de pagamento básico, ademais da información mínima establecida nos regulamentos comunitarios, o importe de referencia dos importes percibidos en 2014 procedentes das axudas directas integradas no réxime de pagamento básico.

Para tal efecto, e de conformidade co previsto na normativa citada, procédese a informar de que se pode consultar na sede electrónica do Fondo Español de Garantía Agraria (www.fega.es), a asignación definitiva dos dereitos de pagamento básico, incluíndo o importe de referencia establecido resultado dos importes percibidos en 2014, antes de sancións e penalizacións, por axudas directas; así como o número e valor dos dereitos de axuda definitivos para cada ano entre 2015 e 2019.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2016

Belén María do Campo Piñeiro
Directora do Fondo Galego de Garantía Agraria