Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 28 de marzo de 2016 Páx. 11060

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 15 de marzo de 2016 para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción da mellora do trazado na AC-133, punto quilométrico 9+600 ao 10+000 (clave AC/12/095.06).

Con data do 14 de marzo de 2016, a Dirección da Axencia Galega de Infraestruturas, por delegación da conselleira de Infraestruturas e Vivenda (Orde do 4 de febreiro de 2013, Diario Oficial de Galicia do 20 de febreiro), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data do 16 de outubro de 2012 aprobouse, mediante resolución da Axencia Galega de Infraestruturas, o proxecto de construción de mellora do trazado na AC-133, treito p.q. 9+600 ao 10+000, de clave AC/12/095.06.

Segundo. Con data do 29 de decembro de 2015 publicouse no Diario Oficial de Galicia (núm. 247) o Anuncio do 18 de decembro de 2015 polo que se somete ao trámite de información pública o proxecto de construción de mellora do trazado na AC-133, treito p.q. 9+600 ao 10+000, de clave AC/12/095.06, así como a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados.

Terceiro. Durante todo o trámite de información pública presentáronse informes e certificados e procedeuse á súa valoración.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. De acordo co establecido no artigo 21 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o mencionado proxecto de construción sométese ao trámite de información pública durante un período de trinta días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. Que simultaneamente ao trámite sinalado no parágrafo anterior e para os efectos previstos no artigo 56.1 do Regulamento de expropiación forzosa, sométese á información pública a relación individual de bens, dereitos e propietarios afectados pola realización da obra correspondente.

Por todo o exposto e tras a análise efectuada das alegacións e dos informes presentados polos organismos oficiais competentes,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar, de acordo co establecido no artigo 22.2 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción de mellora do trazado na AC-133, treito p.q. 9+600 ao 10+000, de clave: AC/12/095.06, cos seguintes condicionantes:

1. Modificarase o proxecto engadindo dúas novas actuacións: un cambio de sentido no cruzamento da AC-133 co Camiño Vello (rúa Peneda), de titularidade municipal, e outro cambio de sentido no cruzamento coa estrada provincial DP-3504, que faciliten os xiros á esquerda nas mellores condicións de seguridade viaria no tramo obxecto do proxecto.

2. Incluirase no proxecto a expropiación do terreo que queda entre o novo trazado proxectado e o antigo e o seu posterior recheo e revexetación. Esta actuación suporá tamén a modificación da solución construtiva adoptada para a obra de drenaxe transversal sita neste punto.

Segundo. Consonte establece o artigo 23 da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, o Concello de Mugardos deberá adaptar o seu planeamento urbanístico ao contido no proxecto, no cal se establecerán as determinacións do planeamento urbanístico que deben ser modificadas como consecuencia da súa aprobación, no prazo que determine este último e, en todo caso, na súa primeira modificación ou revisión.

Terceiro. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante a conselleira de Infraestruturas e Vivenda no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación da presente resolución no DOG, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2016

Francisco Menéndez Iglesias
Director da Axencia Galega de Infraestruturas