Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2016 Páx. 10797

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 12 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) en Ortigueira, promovido pola empresa Gas Galicia SDG, S.A. (expediente IN627A 2015/30-0).

Para os efectos previstos no artigo 73 da Lei 34/1998, do 7 de outubro, do sector de hidrocarburos, e no artigo 78 do Real decreto 1434/2002, do 27 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de gas natural, sométese a información pública o seguinte proxecto de autorización administrativa:

• Peticionario.

Gas Galicia SDG, S.A., con CIF nº A15383284 e con enderezo para os efectos de notificación na rúa Lisboa, s/n, Edificio Área Central, local 31-HIJ, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

• Antecedentes.

O 18 de novembro de 2011 esta dirección xeral ditou resolución pola que se outorgou a Gas Galicia SDG, S.A. a autorización administrativa para a distribución de gas natural canalizado no termo municipal de Ortigueira, na provincia da Coruña (expediente IN627A 2010/9-0); que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 30 de decembro de 2011 e no Boletín Oficial da provincia do 23 de decembro.

Conforme o disposto nesta autorización administrativa, a subministración de gas natural ao termo municipal de Ortigueira realizarase desde unha planta de gas natural licuado (GNL) situada no polígono industrial de Cuíña, no termo municipal de Ortigueira e desde a que partirá a rede de distribución cara a este núcleo urbano.

O 21 de decembro de 2015 Gas Galicia SDG, S.A. solicitou a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución da instalación nunha localización diferente.

• Obxecto da petición.

O obxecto da petición é a autorización administrativa e a aprobación do proxecto de execución denominado «Planta satélite de almacenamento e regasificación de gas natural licuado (GNL) en Ortigueira (A Coruña)».

• Descrición das instalacións.

A planta satélite de GNL situarase na parcela de referencia catastral 15062A070002740000TQ polígono 70, parcela 274 nas Regas, Ortigueira. Gas Galicia SDG, S.A. chegou a acordo co propietario da devandita parcela. Trátase dunha localización diferente á prevista no proxecto que serviu de base para o outorgamento da autorización administrativa a que se fai referencia nos antecedentes.

Proxéctase un módulo de almacenamento de GNL cun depósito horizontal cunha capacidade inicial de 10 m3, ampliable a 30 m3, mediante a instalación dun segundo depósito de 20 m3.

O módulo de 10 m3 proporcionará gas natural nas seguintes condicións, para alimentar a rede de distribución:

– Presión normal de servizo de almacenaxe de GNL > 4 bar

– Capacidade de regasificación: 300 m3(n)/h

– Presión de subministración de GN: 0,4 bar

– Temperatura de subministración de GN: 0-20 ºC

• Termo municipal.

A solicitude afecta o termo municipal de Ortigueira, na provincia da Coruña.

• Orzamento.

Cento corenta mil catrocentos noventa e tres euros con oitenta e seis céntimos (140.493,86 €).

O que se fai público para coñecemento xeral e para que todas aquelas persoas, naturais ou xurídicas, que se consideren prexudicadas nos seus dereitos, poidan presentar as súas alegacións, no prazo de 20 días a partir da data de publicación deste anuncio, podendo examinar o correspondente proxecto na Dirección Xeral de Enerxía e Minas, Edificio Administrativo San Caetano, bloque 5, 4º andar, 15781 Santiago de Compostela, así como na Xefatura Territorial da Coruña da Consellería de Economía, Emprego e Industria, rúa Vicente Ferrer, 2, 15071 A Coruña.

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas