Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2016 Páx. 9855

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 22 de febreiro de 2016, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se outorgan a Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. as autorizacións administrativas previa e de construción da infraestrutura eléctrica de ampliación da subestación de Estelo 132 kV-nova posición de liña 132 kV, no termo municipal de Mondoñedo (expediente IN407A 2015/44-2, 8238 AT).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa E.On Distribución, S.L. (agora denominada Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.), con enderezo para os efectos de notificación na r/ Isabel Torres, 25 (PCTCAN), 39011 Santander, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. A subestación de Estelo é unha instalación de mallado de 132 kV, situada no termo municipal de Mondoñedo (Lugo), cuxa titularidade corresponde a Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.

A situación actual do sistema de 132 kV, situado en parque de intemperie con aparellaxe convencional e topoloxía de simple barra, consta das seguintes posicións:

• Dúas posicións de liña de mallado de rede (liña 1, Boimente, e liña 2, Mondoñedo).

• Dúas posicións de liña de evacuación de parques eólicos (liña 3, eólicos 1, e liña 4, eólicos 2).

• Unha posición de medida de barras.

Segundo. O 5.6.2015 a empresa E.On Distribución, S.L. presentou, ante a Xefatura Territorial de Lugo da Consellería de Economía, Emprego e Industria (en diante, xefatura territorial), a solicitude de autorización administrativa previa e de autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada Ampliación da subestación de Estelo 132 kV-nova posición de liña de 132 kV, acompañada do proxecto de execución, da declaración responsable do proxectista que acredita o cumprimento da normativa que lle é de aplicación e das separatas técnicas correspondentes.

A ampliación consiste na instalación dunha nova posición de liña para dar entrada á liña procedente do eixe Meira-Mondoñedo, así como a cimentación e montaxe do seccionador de barras dunha posición de reserva enfrontada á citada nova posición de liña.

Debido á actual situación dos apoios final de liña externos á subestación, será necesario realizar unha reconexión das liñas de xeración que nela se conectan para evitar cruzamentos: a posición Meira-Mondoñedo situarase na rúa 3 actualmente ocupada pola liña eólicos 1, esta pasará á rúa 4, actual liña eólicos 2, que pola súa vez se desprazará á nova posición de liña obxecto desta ampliación, situada na rúa 5. Deste xeito, o sistema de 132 kV quedará composto polas seguintes posicións:

• Tres posicións de liña de mallado de rede (liña 1, Mondoñedo; liña 2, Boimente, e liña 3, Meira-Mondoñedo).

• Dúas posicións de liña de evacuación de parques eólicos (liña 4, eólicos 1, e liña 5, eólicos 2).

• Unha posición de reserva equipada unicamente con seccionador de barras.

• Unha posición de medida de barras.

Terceiro. O 10.6.2015 a xefatura territorial trasladou as separatas técnicas do proxecto da citada infraestrutura eléctrica ás seguintes entidades, para os efectos de que emitisen o seu informe ao respecto:

• O Concello de Mondoñedo, na súa calidade de Administración con bens e dereitos ao seu cargo, afectados pola infraestrutura eléctrica proxectada.

• A sociedade Fergo Galicia Vento-PE Mondoñedo, S.L., na súa calidade de propietaria do parque eólico Mondoñedo, cuxa liña eléctrica de evacuación se conectará a unha posición de liña, distinta á actual, da subestación de Estelo.

O Concello de Mondoñedo non contestou á petición de informe, nin á súa reiteración, e, en consecuencia, entendeuse a súa conformidade coa autorización da infraestrutura eléctrica proxectada, de acordo co disposto nos artigos 127 e 131 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Pola súa parte, a sociedade Fergo Galicia Vento-PE Modoñedo, S.L. presentou un escrito cunha serie de condicionados para a infraestrutura eléctrica proxectada, do que se deu traslado a E.On Distribución, S.L., cuxa contestación se trasladou á primeira, quen mantén o seu condicionado e manifesta a súa oposición ao cambio de posición da liña de evacuación do parque eólico Mondoñedo na subestación de Estelo. Na táboa seguinte resúmense os condicionados exixidos por Fergo Galicia Vento-PE Mondoñedo, S.L.:

Condicionados

1

Coa solución adoptada para a nova conexión da liña de evacuación do parque eólico Mondoñedo na subestación de Estelo, a resultante da torsión a que estaría sometido o apoio no caso de rotura do condutor viúvo obtería un coeficiente de seguridade de 1,368, inferior ao valor mínimo exixido no regulamento vixente.

2

Deberanse definir as afeccións derivadas da modificación do acceso da liña de evacuación do parque eólico de Mondoñedo á subestación de Estelo e E.On Distribución, S.L. deberá asumir a obriga de chegar a un acordo cos propietarios dos terreos.

3

E.On Distribución, S.L. deberá presentar unha previsión das actuacións antes da aprobación do proxecto e, no seu momento, deberá avisar coa antelación que marcan as leis dos cortes no sistema de evacuación do parque eólico de Mondoñedo, e debe asumir os custos e prexuízos que se lle poidan ocasionar a este parque eólico.

4

Calquera dano ou perda tanto do parque eólico, da súa liña de evacuación ou da normal operación deles, derivados da modificación das condicións actuais da subestación de Estelo, será responsabilidade de E.On Distribución, S.L. e deberá asumir os custos de reposición ou aboamento da indemnización correspondente.

Cuarto. O 21.10.2015 a xefatura territorial ditou resolución pola que se someteu a información pública a petición de autorización administrativa previa e de construción da infraestrutura eléctrica denominada Ampliación da subestación de Estelo 132 kV-nova posición de liña 132 kV, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 28 de outubro de 2015 e no Boletín Oficial da provincia do 3 de novembro de 2015.

Durante o período en que a devandita petición se someteu ao trámite de información pública presentou un escrito de alegacións Carlos Maseda González (en nome propio e en calidade de presidente e en representación de todos os membros da Asociación de Veciños de Vilaoriente da parroquia dos Remedios de Mondoñedo), no cal fan constar o seu apoio á infraestrutura eléctrica proxectada na subestación de Estelo.

Quinto. Con rexistro de saída do 19.1.2016, a xefatura territorial trasladou á Dirección Xeral de Enerxía e Minas, para os efectos da súa resolución, copia completa do expediente de referencia (IN407A 2015/44-2, 8238 AT) cun resumo da tramitación realizada.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 129/2015, do 8 de outubro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia; no Decreto 175/2015, do 3 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; en relación coa Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. Á vista dos condicionados exixidos por Fergo Galicia Vento-PE Modoñedo, S.L., da contestación a estes por parte de Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. e do resto da documentación que figura no expediente, queda de manifesto o seguinte:

• En canto ao condicionado nº 1, hai que indicar que a situación presentada é unha das hipóteses anormais (4ª) identificadas na táboa 9 da ITC-LAT 07 do Regulamento de liñas eléctricas de alta tensión, para as que se fixa un coeficiente de seguridade de 1,2 respecto ao límite de fluencia, e este resulta inferior ao coeficiente calculado (1,368) por Fergo Galicia Vento-PE Mondoñedo, S.L. e admitido por Viesgo Distribución Eléctrica, S.L.

• En canto ao condicionado nº 2, hai que indicar que a infraestrutura eléctrica proxectada afecta o predio da subestación, propiedade de Viesgo Distribución Eléctrica, S.L., e a parcela 5299 do polígono 17 (nº 2 na RBDA do proxecto da liña existente) para a cal, segundo manifesta Viesgo Distribución Eléctrica, S.L., a nova afección pola actuación proxectada quedará no interior da servidume de paso eléctrico xa establecida.

• En canto ao condicionado nº 3, hai que indicar que o tempo estimado para a execución da infraestrutura eléctrica proxectada, de acordo co disposto no proxecto de execución, será de catro meses a partir da obtención de todas as autorizacións administrativas necesarias; ademais, segundo fai constar Viesgo Distribución Eléctrica, S.L., a reconexión da liña eléctrica de evacuación do parque eólico Mondoñedo realizarase unha vez construída e posta en servizo a nova posición de liña 132 kV na subestación de Estelo, estimándose un tempo de descargo máximo de 48 horas para estes traballos de reconexión.

• En canto ao condicionado nº 4, hai que indicar que os traballos deberán programarse co fin de causar o mínimo prexuízo posible ao parque eólico Mondoñedo e, en todo caso, respectando o regulamento de explotación consensuado entre os titulares da subestación de Estelo e do parque eólico Mondoñedo, a que fai referencia Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. na súa contestación.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites establecidos na Lei 24/2013, do 26 de decembro, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e na Resolución do 19.2.2014, da Consellería de Economía e Industria, pola que se aproba o procedemento de autorización administrativa de construción.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, a Dirección Xeral de Enerxía e Minas

RESOLVE:

1. Outorgar a Viesgo Distribución Eléctrica, S.L. a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción da infraestrutura eléctrica denominada Ampliación da subestación de Estelo 132 kV-nova posición de liña 132 kV, situada no termo municipal de Mondoñedo (Lugo).

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. A infraestrutura eléctrica que se autoriza terá que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora, Viesgo Distribución Eléctrica, S.L., titulado Ampliación da subestación de Estelo 132 kV-nova posición de liña 132 kV, asinado polo enxeñeiro industrial José María Garayo Rodríguez (colexiado nº 13.411 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Valladolid) e visado por este colexio con nº 201500965 e con data do 17.3.2015, e no cal figura un orzamento de 411.771,87 €.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e logo da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento deberase cumprir canto establecen os regulamentos técnicos de aplicación, así como demais normativas e directrices vixentes aplicables.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa da Dirección Xeral de Enerxía e Minas; non obstante, a xefatura territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, debendo comunicar á dita dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución.

Unha vez construídas estas instalacións, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a xefatura territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por incumprimento das condicións estipuladas, pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Sétima. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía, Emprego e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ou publicación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 22 de febreiro de 2016

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Enerxía e Minas