Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 29 Venres, 12 de febreiro de 2016 Páx. 5191

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 27 de xaneiro de 2016, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se comunica a aprobación do acordo de concentración parcelaria da zona de San Pedro de Maus (Vilar de Barrio-Ourense).

Ponse en coñecemento de todos os interesados na concentración parcelaria da zona de San Pedro de Maus (Vilar de Barrio, Ourense), declarada de utilidade pública e urxente execución polo Decreto 254/2001, do 20 de setembro (DOG nº 197, do 10 de outubro), o seguinte:

Primeiro. Con data do 11 de xaneiro de 2016, o director xeral de Desenvolvemento Rural aprobou o acordo de concentración parcelaria da zona de San Pedro de Maus (Vilar de Barrio, Ourense), logo de introducir no proxecto as modificacións oportunas á vista do resultado da enquisa deste último.

Segundo. O acordo de concentración seralle notificado individualmente a cada un dos afectados e estará exposto ao público no Concello de Vilar de Barrio e na zona. Os documentos que se poden examinar no citado concello refírense aos predios de substitución onde constan as situacións xurídicas derivadas das parcelas de procedencia, as fichas de atribucións, os planos e outros.

Para o caso de que se tivesen formulado alegacións ao proxecto, as resolucións destas serán as modificacións reflectidas nas fichas de atribucións do acordo.

Terceiro. No prazo de trinta días, que se contarán desde o día seguinte ao da notificación persoal ou da publicación no Diario Oficial de Galicia para os que non poidesen ser notificados individualmente, poderá interpoñerse recurso de alzada perante a conselleira do Medio Rural, e os recorrentes poden presentar o recurso no rexistro da Xefatura Territorial do Medio Rural (rúa Florentino L. Cuevillas, 4-6, baixo, Ourense); no rexistro xeral da consellería (San Caetano, s/n, Santiago de Compostela) ou en calquera das dependencias a que fai referencia o artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, por si mesmos ou por representación, e farán constar no escrito un enderezo dentro do termo municipal para os efectos das notificacións que procedan.

Advírtese, ademais, que o acordo de concentración parcelaria só poderá ser obxecto de recurso de alzada se se infrinxiren as formalidades prescritas para a súa elaboración e publicación ou se non se axustar ás bases (artigos 36, 38, 40 e 41 da Lei de concentración parcelaria para Galicia, do 14 de agosto de 1985, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro).

Ourense, 27 de xaneiro de 2016

Yago Borrajo Sánchez
Xefe territorial de Ourense