Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 9 de febreiro de 2016 Páx. 4447

III. Outras disposicións

Consello de Contas de Galicia

RESOLUCIÓN do 1 de febreiro de 2016 pola que se ordena a publicación do Acordo do Pleno do 27 de xaneiro de 2016 polo que se aproba a instrución relativa ao artigo 218.3 do texto refundido da Lei de facendas locais, en relación coa información sobre acordos e resolucións das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos, así como sobre acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización previa.

Tendo en conta o disposto nos artigos 218.3 e 223 da Lei de facendas locais (texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo), en relación con os artigos 2, 4 e 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, reguladora do Consello de Contas de Galicia, así como o principio de rendición única das contas das entidades locais de Galicia recoñecido no convenio subscrito co Tribunal de Contas o 27 de xuño de 2011 e polo que a institución se adhire á Plataforma de rendición de contas das entidades locais (www.rendiciondecuentas.es) para a remisión telemática das contas das entidades locais da Comunidade Autónoma, apróbase a instrución relativa ao artigo 218.3 TRLFL en relación coa información sobre acordos e resolucións das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos, así como sobre acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización previa.

Santiago de Compostela, 1 de febreiro de 2016

José Antonio Redondo López
Conselleiro Maior

Acordo do 27 de xaneiro de 2016 do Pleno do Consello de Contas polo que se aproba a instrución relativa ao artigo 218.3 TRLFL en relación coa información sobre acordos e resolucións das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos, así como sobre acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización previa

O parágrafo terceiro do artigo 218 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (TRLFL) na redacción dada pola Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local, establece que «O órgano interventor remitirá anualmente ao Tribunal de Contas todas as resolucións e acordos adoptados polo presidente da entidade local e polo pleno da corporación contrarios aos reparos formulados, así como un resumo das principais anomalías detectadas en materia de ingresos. Á citada documentación deberá xuntar, se for o caso, os informes xustificativos presentados pola corporación local». Este precepto compleméntase co sinalado no artigo 223.4 do TRLFL, que, en relación co previsto no artigo 53 do Estatuto de autonomía de Galicia e nos artigos 2 e 4 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, que o desenvolve, implica recoñecer a competencia do Consello de Contas de Galicia para a fiscalización externa das contas e da xestión económica das entidades locais e de todos os organismos e sociedades delas dependentes e, por tanto, para ter acceso á información identificada no número 3 do artigo 218 do TRLFC.

O Consello de Contas, mediante convenio subscrito co Tribunal de Contas con data do 27 de xuño de 2011, esta adherido á Plataforma de rendición de contas das entidades locais (www.rendiciondecuentas.es) para a remisión telemática das contas das entidades locais da Comunidade Autónoma. Neste convenio ambas as partes recoñecen a rendición única das contas das entidades locais de Galicia, isto é, acordan considerar rendidas as contas das entidades locais de Galicia cando fosen presentadas ante calquera das dúas institucións, sempre que se respecten os requisitos formais e materiais exixidos para o efecto.

Para os efectos de facilitar o cumprimento da obriga prevista no citado artigo 218.3 do TRLFL creouse unha aplicación específica na Plataforma de rendición de contas das entidades locais, facilitando no só a remisión anual dos acordos e expedientes a que se refire o artigo 218.3 do TRLRHL senón tamén o seu uso por parte das entidades locais como ferramenta de xestión e seguimento deste tipo de acordos e resolucións.

Para regular o procedemento de envío mediante o uso da devandita plataforma, o Pleno do Tribunal de Contas, con data do 30 de xuño de 2015, acordou a aprobación da «Instrución que regula a remisión telemática de información sobre acordos e resolucións das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos, así como sobre acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización previa».

A necesidade de contar con procedementos homoxéneos que permitan a explotación da información e que sexan compatibles coas características técnicas do sistema empregado para a súa presentación aconsellan que o Consello de Contas asuma o contido desa instrución en todo o que non se opoña á normativa reguladora da institución.

En virtude do exposto, acórdase:

Primeiro. Quedan sometidos ao cumprimento da obriga que regula esta instrución os órganos interventores das entidades suxeitas a control interno baixo a modalidade de fiscalización previa. Na súa consecuencia, estano necesariamente as entidades locais territoriais definidas no artigo 3 da Lei reguladora das bases do réxime local, así como calquera outra entidade do sector público local da Comunidade Autónoma adscrita ou dependente que quede sometida á dita modalidade de fiscalización. Tamén estarán suxeitas ao cumprimento desta obriga as entidades locais de ámbito territorial inferior ao municipio que manteñan a súa condición de entidade local de acordo co previsto na Lei 27/2013, do 27 de decembro, de racionalización e sustentabilidade da Administración local.

Segundo. A forma, alcance e procedemento que debe seguirse para dar cumprimento á obriga establecida no artigo 218.3 do TRLFL é a prevista na instrución que regula a remisión telemática de información sobre acordos e resolucións das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos, así como sobre acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización previa, publicada no BOE núm. 170, do 17 de xullo de 2015.

Terceiro. En virtude do deber de colaboración previsto no artigo 23 da Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas, consonte o disposto no artigo 223.4 do TRLFL, a remisión da información en relación cos acordos e resolucións ditados polos órganos competentes das entidades locais contrarios a reparos formulados por interventores locais e anomalías detectadas en materia de ingresos, así como sobre acordos adoptados con omisión do trámite de fiscalización previa que se deberá achegar a este Consello, será a prevista nas respectivas subepígrafes da epígrafe II da instrución, de acordo co especificado no anexo desta.

Asemade, prevese que, xunto coa documentación expresamente relacionada na instrución, este Consello poida solicitar outra referida aos reparos, expedientes de gastos ou anomalías comunicadas ou a calquera outro expediente de gastos ou ingresos, e, neste caso, o órgano interventor da entidade pública local debe facilitar tamén a información e documentación requirida de acordo co sinalado na epígrafe III.

Cuarto. No non previsto neste acordo observarase o establecido na instrución, sempre que non se opoña ou contradiga o disposto na Lei 6/1985, do 24 de xuño, do Consello de Contas.

Sexto. Esta instrución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.