Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 24 Venres, 5 de febreiro de 2016 Páx. 4147

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 26 de xaneiro de 2016 de revogación da autorización administrativa para o exercicio da actividade aseguradora á Mutualidade Caixa Galicia de Previsión Social a Prima Fixa.

A Mutualidade Caixa Galicia de Previsión Social a Prima Fixa, na asemblea xeral ordinaria que tivo lugar con data do 25 de xuño de 2015, adoptou os acordos de disolución voluntaria e nomeamento de liquidadores.

O artigo 26.1.c) do texto refundido da Lei de ordenación e supervisión dos seguros privados, aprobado polo Real decreto lexislativo 6/2004, do 29 de outubro, dispón que procede a revogación da autorización administrativa ás entidades aseguradoras cando deixen de cumprir os requisitos establecidos por esta lei para o outorgamento desta ou incorran en causa de disolución.

O artigo 368 do texto refundido da Lei de sociedades de capital aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2010, do 2 de xullo, ao que se remite o artigo 50 do Regulamento de mutualidades de previsión social, aprobado polo Real decreto 1430/2002, do 27 de decembro, establece como causa de disolución o acordo da Xunta Xeral adoptado cos requisitos establecidos para a modificación dos estatutos.

O artigo 69 do citado texto refundido da Lei de ordenación e supervisión dos seguros privados, establece no punto 2 que as comunidades autónomas que, segundo os seus estatutos de autonomía, teñan asumidas competencias na ordenación dos seguros, concederán e revogarán a autorización administrativa ás mutualidades de previsión social, logo de informe da Administración xeral do Estado. A falta de emisión do dito informe no prazo de seis meses considerarase como manifestación de conformidade á concesión da autorización administrativa ou, no seu caso, á súa revogación. Este informe foi solicitado á Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións do Ministerio de Economía e Competitividade, o 24 de xullo de 2015. Con data do 26 de xaneiro de 2016, a Subdirección Xeral de Ordenación e Mediación en Seguros da Dirección Xeral de Seguros e Fondos de Pensións emite informe favorable sobre a revogación.

As competencias na materia están recollidas no Decreto 340/1996, do 13 de setembro, polo que se asumen os servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o Real decreto 1642/1996, do 5 de xullo, en materia de mutualidades de previsión social non integradas na Seguridade Social e se asignan á Consellería de Economía e Facenda e no Decreto 101/2014, do 1 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda.

Con base en todo o anterior, por proposta da Dirección Xeral de Política Financeira e Tesouro,

RESOLVO:

Revogar, conforme o disposto no artigo 26.1.c) do texto refundido da Lei de ordenación e supervisión dos seguros privados, a autorización administrativa concedida para o exercicio da actividade aseguradora á entidade Mutualidade Caixa Galicia de Previsión Social a Prima Fixa. A revogación determina, en todo caso, a prohibición inmediata da contratación de novos seguros pola entidade e deixa sen efecto calquera outra autorización ou cualificación administrativa que se deriven do exercicio de tal actividade.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante este mesmo órgano no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo cos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Así mesmo, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, segundo os artigos 25 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso- administrativa.

Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2016

Valeriano Martínez García
Conselleiro de Facenda