Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Xoves, 4 de febreiro de 2016 Páx. 4123

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Portos de Galicia

RESOLUCIÓN do 28 de xaneiro de 2016 pola que se acorda a apertura do prazo xeral de presentación de solicitudes para a autorización da ocupación de dominio público portuario con destino á celebración de eventos, instalación de terrazas de hostalaría e actividades varias.

De acordo cos artigos 148.1.6 e 149.1.20 da Constitución española (RCL 1978, 2836; ApNDL 2875), o Estatuto de autonomía para Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril (LG 1981, 631), establece no seu artigo 27.9 que corresponde á Comunidade Autónoma galega, dentro do seu ámbito territorial, a competencia exclusiva en materia de portos non cualificados de interese xeral polo Estado, portos de refuxio e portos deportivos, ao mesmo tempo que no seu artigo 28.6 atribúe á propia Comunidade Autónoma competencia para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación do Estado, nos termos que esta estableza, canto aos portos pesqueiros.

Consonte estas previsións constitucionais e estatutarias, o Real decreto 3214/1982, do 24 de xullo (LG 1982, 1207) (BOE núm. 285, do 27 de novembro), e o Decreto do Consello da Xunta de Galicia 167/1982, do 1 de decembro (LG 1983, 216) (DOG núm. 10, do 12 de febreiro de 1983), tramitaron a transferencia á Comunidade Autónoma de Galicia, dentro do marco competencial do Ministerio de Obras Públicas e Urbanismo, das funcións e servizos relativos a todos os portos e instalacións portuarias, suxeitos ou non a réxime de concesión, non cualificados de interese xeral polo Estado no Real decreto 989/1982, do 14 de maio (RCL 1982, 1239; ApNDL 11493), e aos de refuxio e deportivos existentes no seu ámbito territorial.

Os portos, que comezaron como puntos de descarga de mercadorías e pesca, evolucionaron ata convertérense nuns complexos industriais e mercantís onde se desenvolven numerosas actividades produtivas e administrativas e que, así mesmo, realizan unha función de desenvolvemento rexional ao permitiren a localización e promoción doutras industrias, e social, en beneficio da comunidade concentrada na súa zona de influencia.

A Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación do ente público Portos de Galicia, como entidade instrumental da Xunta de Galicia destinada a exercer a competencia autonómica sobre portos, establece no seu artigo 4 que, supletoriamente, en materia de portos se aplicará a lexislación estatal vixente.

O Real decreto lexislativo 2/2011, do 5 de setembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de portos do Estado e da mariña mercante, no seu artigo 72 establece que se consideran usos e actividades permitidas no dominio público portuario.

a) Usos comerciais, entre os cales figuran os relacionados co intercambio entre modos de transporte, os relativos ao desenvolvemento de servizos portuarios e outras actividades portuarias comerciais.

b) Usos pesqueiros.

c) Usos náutico-deportivos.

d) Usos complementarios ou auxiliares dos anteriores, incluídos os relativos a actividades loxísticas e de almacenaxe e os que correspondan a empresas industriais ou comerciais cuxa localización no porto estea xustificada pola súa relación co tráfico portuario, polo volume dos tráficos marítimos que xeran ou polos servizos que prestan aos usuarios do porto.

Os portos, como zonas de actividade portuaria pesqueira, náutico deportiva e de lecer, comercial, industrial ou servizos, en principio non resultan ser lugares aptos para todo tipo de festas populares e eventos de afluencia masiva de público, tipo concertos e festivais de música, por canto as zonas portuarias acostuman implicar riscos específicos de danos a persoas e bens.

Toda pretensión de calquera persoa física ou xurídica, pública ou privada, de realizar festa, concerto, exposición, etc. en zona portuaria debe implicar unha solicitude formal e oficial na cal o organizador asuma a responsabilidade legal ante terceiros, e documente e xustifique a aplicación dun protocolo de seguranza rigoroso en canto a medios persoais e materiais (policía, sanidade, emerxencias, protección e cerramento do recinto, accesos e evacuación, cobertura de responsabilidades con disposición de pólizas de responsabilidades legais e, se for o caso, con cobertura de todo tipo de fianzas, etc.).

Agora ben, dada as características da forma de asentamento dos núcleos de poboación no litoral, prodúcese una forte implicación das actividades das vilas coa zona portuaria, de xeito que resulta tradicional nestas vilas e portos autonómicos a celebración dalgunhas actividades de lecer e espectáculos públicos de carácter ocasional e extraordinario (festas patronais, probas deportivas, eventos culturais, educativos e festivos, instalación de terrazas de hostalaría, etc.) en zona portuaria, realidade que sempre xerou numerosas solicitudes de autorización para a súa realización.

Estas solicitudes case todas as administracións, entidades, asociacións e organizacións véñenas formulando perante Portos de Galicia con escasos días de antelación á data de realización do evento en cuestión ou da instalación de que se trate (terrazas e outras), o que dificulta en extremo ou fai imposible o exame, tramitación e resolución destas peticións de ocupación do espazo portuario.

Xa que logo, e sen prexuízo da tramitación e, se for o caso, aprobación de instrucións para a regulación da autorización deste tipo de actividades, resulta preciso establecer un prazo xeral de presentación de solicitudes para a autorización, se for o caso, da ocupación de espazos de dominio público portuario polas diversas entidades organizadoras dos eventos.

Polo exposto, ao abeiro do artigo 6 da Lei 5/1994, do 29 de novembro, de creación de portos de Galicia, da delegación de facultades nesta presidencia realizada pola Orde da Consellería do Medio Rural e do Mar do 30 de marzo de 2012,

RESOLVO:

Primeiro. A apertura do prazo xeral de presentación de solicitudes para a autorización da ocupación de dominio público portuario con destino á celebración de eventos, instalación de terrazas de hostalaría e actividades varias.

Segundo. Este prazo terá unha duración de dous meses contados desde o día da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

En todo caso, se a data prevista do evento é anterior ao vencemento deste prazo de dous meses, o prazo máximo de presentación da solicitude será quince días hábiles antes da súa celebración.

Terceiro. A documentación xeral inicial que presentarán os interesados é a seguinte.

Solicitude dirixida ao presidente de Portos de Galicia, na cal se indicarán os seguintes datos:

1. Identificación do solicitante, con xustificación do poder de representación legal que ten.

2. Obxecto da solicitude.

3. Actividade que se vai desenvolver e instalacións que se pretenden (por exemplo facer mención de instalacións tales como palcos, casetas móbiles, etc.).

4. Días de ocupación (datas e horario da celebración do evento ou, no caso das terrazas de hostalaría, datas de instalación e desmontaxe).

5. Detalle da ocupación de superficie en plano e metros cadrados que se van ocupar.

6. Tipos de instalacións (xeradores eléctricos, carteis, escenarios, carpas, etc., tendo prohibido calquera enganche non autorizado á rede eléctrica ou desaugamentos á rede de pluviais).

7. Seguro de responsabilidade civil (no caso dos concellos deberá constar que a súa póliza cobre o risco na zona de dominio público portuario).

8. Outros datos que se consideren necesarios para documentala solicitude en concreto.

Cuarto. O réxime de utilización do dominio público portuario axustarase á lexislación vixente en materia de portos e costas.

Esta ocupación implicará a obriga de aboar as taxas portuarias que correspondan conforme a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Quinto. O outorgamento das autorizacións para a ocupación de dominio portuario non eximirá os titulares destas da obriga de obteren calquera outra autorización procedente que sexan da competencias doutras administracións públicas.

Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2016

José Juan Durán Hermida
Presidente de Portos de Galicia