Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 22 Mércores, 3 de febreiro de 2016 Páx. 3905

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2013 pola que se autorizan as instalacións electromecánicas, se aproba o proxecto de execución, se declara a utilidade pública, en concreto, e se recoñece a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, así como a compatibilidade con diversos dereitos do parque eólico Monteagudo, nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña), promovido pola Sociedad Eólica Gallega del Atlántico, S.L. (expediente IN661A 03/03).

Examinado o expediente iniciado por solicitude de Eólica Gallega del Atlántico, S.L. en relación coa autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica, constan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. Mediante Resolución do 6 de maio de 2004 (DOG nº 100, do 26 de maio) publicouse a relación de solicitudes de autorización para a instalación de parques eólicos admitidas a trámite ao abeiro da Orde do 22 de xaneiro de 2004 (DOG nº 18, do 28 de xaneiro), entre as cales se incluíu a do parque eólico Monteagudo (en diante parque eólico) cunha potencia de 45 MW.

Segundo. O 12 de maio de 2006, Unitec Técnicas Unidas, S.L. e Eólica Gallega del Atlántico, S.L. solicitaron a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución, a declaración de utilidade pública, en concreto, e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica para unha potencia do parque eólico de 19 MW.

Terceiro. Con data do 30 de xuño de 2006, a Consellería de Innovación e Industria autorizou a transmisión da parte correspondente a Unitec Técnicas Unidas, S.L. dentro do Plan eólico estratéxico Enviroil-Unitec a favor de Eólica Gallega del Atlántico, S.L.

Cuarto. O 15 de novembro de 2006, a Consellería de Innovación e Industria resolveu autorizar o traslado de 26 MW dentro da área de investigación Alto do Lendo, así como continuar coa tramitación dos 19 MW correspondentes a Eólica Gallega del Atlántico, S.L.

Quinto. Con data do 8 de febreiro de 2008, Eólica Gallega del Atlántico, S.L. solicitou a continuación do procedemento de autorización administrativa, a declaración de impacto ambiental, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial, a declaración de utilidade pública, en concreto, e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica do parque eólico.

Sexto. Por Acordo do 28 de abril de 2008, da Delegación Provincial da Coruña, someteuse a información pública a petición de autorización, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, a declaración de utilidade pública e o estudo de impacto ambiental das instalacións electromecánicas do parque eólico.

O acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia, no Boletín Oficial da provincia da Coruña e no xornal La Voz de Galicia do 28 de maio. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da dita delegación provincial e dos concellos afectados (Arteixo, A Laracha e Carballo).

Sétimo. Por Resolución do 30 de abril de 2010, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, publicouse a relación de solicitudes de outorgamento de autorización administrativa de instalación de parques eólicos para promotores titulares de plans eólicos empresariais, entre as cales se incluíu a solicitude de ampliación da potencia do parque eólico en 0,6 MW.

Oitavo. O 10 de novembro de 2010, Eólica Gallega del Atlántico, S.L. presenta o proxecto modificado adaptado á nova potencia do parque eólico e solicita a autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e do proxecto sectorial, a declaración de utilidade pública, en concreto, e o recoñecemento da condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica.

Noveno. Mediante Acordo do 22 de febreiro de 2011, da Xefatura Territorial da Coruña, someteuse a información pública a solicitude de autorización, a aprobación do proxecto de execución, a aprobación do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, o estudo de impacto ambiental e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións electromecánicas do proxecto modificado do parque eólico.

O acordo publicouse no Diario Oficial de Galicia e no xornal La Opinión, ambos os dous do 7 de abril, e no Boletín Oficial da provincia da Coruña do 24 de marzo. Así mesmo, permaneceu exposto ao público nos taboleiros de anuncios da dita xefatura territorial e dos concellos afectados (Arteixo, A Laracha e Carballo).

Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

– Con data do 23 de marzo de 2011, Marisol Lois Caamaño comunica que Santiago Lois Castelo, que figura como titular das parcelas 51 e 52 da RBDA, faleceu, e deixou como herdeiros os seus fillos Marcelino, Mª del Carmen, Josefa e Marisol Lois Caamaño. Así mesmo, manifesta que as dúas leiras figuran nunha única escritura.

– O 24 de marzo de 2011, Josefina Villaverde Vázquez expón que na notificación das parcelas 53 e 54 do proxecto figura como titular Carmen Vázquez Vázquez, pero que os propietarios son os herdeiros de Teodoro Vázquez Garabán (Socorro, Carmen, María e Josefina, esta última xa falecida) e que as ditas leiras, aínda que están separadas por un camiño de servidume, son unha única unidade e non dúas como se fai constar na notificación

– O 24 de marzo de 2011, Ramón Baldomir Freire comunica que se deberá facer a corrección correspondente no seu apelido e debe figurar «Baldomir» e non «Valdomir».

– Con data do 25 de marzo de 2011, José Vázquez Varela presenta un escrito relativo ás parcelas 188 e 189 do proxecto, do contido do cal non é posible deducir con claridade o que desexa alegar.

– Con data do 31 de marzo de 2011, Jesusa Socorro Canedo Villar solicita que, na tramitación do expediente, as notificacións relativas ás parcelas 2 e 5 do proxecto se lle notifiquen a ela, no enderezo que especifica, independentemente dos outros herdeiros de Manuel Canedo Mato (Marcelino e José Canedo Villar). Así mesmo, manifesta que a parcela 1 do polígono 199 é exclusiva da súa propiedade.

– O 29 de marzo de 2011, Manuel José Casais Regueiro e Mª Carmen Varela Rama alegan que, segundo a notificación recibida, a ocupación que se fai da súa leira, a 16 do proxecto, provoca que esta quede cortada pola metade, facéndoa inservible para a súa utilización, e que a dita ocupación non ten nada que ver coa que figura no contrato que teñen acordado e asinado.

– Con data do 1 de abril de 2011, María Pilar Calvo Villar alega que a parcela é da súa titularidade, como herdeira de María Villar Rodríguez e presenta documentación acreditativa.

Así mesmo, mostra a súa desconformidade coa relación de bens e dereitos afectados no que se refire á súa leira posto que esta está dedicada a plantación forestal, indicando a cantidade, antigüidade e o tipo dos pés existentes na dita parcela.

– O 19 de abril de 2011, José Luis Figueiroa Mira, en representación de Puente Lendo, S.L., presenta escrito mostrando o seu desacordo coa superficie afectada polas instalacións do parque eólico e solicita que sexa modificada, na relación de bens e dereitos afectados, a superficie ocupada das concesións de explotación Emir y Demasía nº 5607 e Virgen de la Estrella y Demasía nº 5615.

– O 27 de abril de 2011, tivo entrada na Xefatura Territorial da Coruña outra alegación da sociedade Puente Lendo, S.L., representada por Carolina Moreno Vázquez, na que se formula a nulidade das autorizacións e aprobación do proxecto de execución que, se é o caso, se teñan outorgado, se cuestiona o interese público en termos de prioridade do aproveitamento eólico respecto dos aproveitamentos mineiros, se manifesta a súa total reserva sobre a legalidade de calquera das autorizacións en que se fundamente a pretensión expropiadora de bens e dereitos afectados para a construción e explotación do parque eólico e, finalmente, se mostra en desacordo co alcance da afección expropiadora, posto que considera que non se tiveron en conta as afeccións reais.

Décimo. Con data do 11 de marzo de 2011 o Servizo de Enerxía e Minas da Xefatura Territorial de Economía e Industria da Coruña informa dos dereitos mineiros existentes dentro da área de afección do parque eólico, sendo estes os que se indican a seguir:

– Concesión de explotación Emérita y Demasía nº 4308, titularidade de Puente Lendo, S.L.

– Concesión de explotación Emir y Demasía nº 5607, titularidade de Puente Lendo, S.L.

– Concesión de explotación Virgen de la Estrella y Demasía nº 5615, titularidade de Puente Lendo, S.L.

– Permiso de investigación Monte Mina nº 6993, solicitado por Río Narcea Gold Mines, S.A.

Décimo primeiro. Con data do 22 de xuño de 2012, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria informou de que as instalacións recollidas no proxecto de execución da modificación do parque eólico se adecuan aos regulamentos de aplicación e que procedía continuar coa tramitación do expediente, polo que, coa mesma data, o elevou á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas.

Décimo segundo. Con data do 8 de outubro de 2012, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental formulou a declaración de impacto ambiental, que se fixo pública por Resolución do 31 de outubro de 2012 da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas (DOG nº 37, do 21 de febreiro de 2013).

Décimo terceiro. Mediante Acordo do 26 de marzo de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, iniciouse o trámite de compatibilidade entre os distintos aproveitamentos concorrentes no espazo territorial proxectado para o parque eólico, concedendo trámite de audiencia á Eólica Gallega del Atlántico, S.L., como promotor do parque eólico, e a Puente Lendo, S.L. e a Mineira de Corcoesto, S.L. como titular e solicitante actual, respectivamente, dos aproveitamentos mineiros indicados no antecedente do feito décimo.

Décimo cuarto. Con data do 6 de maio de 2013, Eólica Gallega del Atlántico, S.L. presenta documentación acreditativa actualizada da autorización de conexión á rede de distribución para o parque eólico.

Décimo quinto. Con data do 20 de xuño de 2013, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña emite informe sobre a compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros existentes na súa área de afección, no cal se recollen as conclusións que a seguir se transcriben:

«(...)

3. Conclusións.

Examinados os expedientes, proxectos e documentación asociados a eles conclúese, a xuízo do que subscribe, o seguinte en relación cos dereitos mineiros afectados:

– Concesión de explotación Virgen de la Estrella y Demasía nº 5615.

Non existe interferencia entre as infraestruturas eólica e eléctrica do parque eólico Monteagudo, previstas dentro do perímetro autorizado da C.E. Virgen de la Estrella y Demasía nº 5615. Do anterior dedúcese que as actuacións previstas para a execución do P.E. Monteagudo serían compatibles coa explotación da C.E. Virgen de la Estrella y Demasía nº 5615.

– Concesión de explotación Emir y Demasía nº 5607.

Dentro da C.E. Emir y Demasía nº 5607 está prevista a instalación de 1 aeroxerador e a súa infraestrutura asociada. Analizado o proxecto do perímetro autorizado, dedúcese que non supón interferencia entre ambas as dúas actuacións, polo que serían compatibles.

– Concesión de explotación Emérita y Demasía nº 4308.

Aínda que parte da súa superficie está dentro do perímetro definido pola poligonal do parque eólico, non se ve afectada polas instalacións deste, polo que ambas as dúas actuacións serían perfectamente compatibles.

– Solicitude de permiso de investigación Monte Mina nº 6993.

Dentro do perímetro solicitado deste permiso de investigación está prevista a instalación de 5 aeroxeradores e a súa infraestrutura asociada. Analizado o proxecto de investigación presentado para a tramitación da solicitude do permiso de investigación, compróbase que non existiría interferencia entre os labores de investigación reflectidas e a infraestrutura eléctrica prevista dentro do seu perímetro, polo que ambas as dúas actuacións serían perfectamente compatibles.

(…)».

Décimo sexto. O 15 de xullo de 2013, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, en relación co proxecto sectorial do parque eólico, o informe a que fai referencia o artigo 13.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzo, polo que se regulan os plans e proxectos sectoriais de incidencia supramunicipal.

Décimo sétimo. O 15 de xullo de 2013, a Subdirección Xeral de Recursos Minerais, en vista do informe da Xefatura Territorial da Coruña sobre a compatibilidade do parque eólico cos dereitos mineiros existentes na súa área de afección, comunica que non ten nada que engadir ao respecto.

Aos antecedentes de feito descritos sonlle de aplicación os seguintes

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este procedemento con fundamento no Decreto 110/2013, do 4 de xullo, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria, en relación co establecido no artigo 28.3 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no artigo 4.1 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio, polo que se regula a actividade de produción de enerxía eléctrica en réxime especial e nos artigos 18, 24 e 27.1 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia.

Segundo. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites de procedemento establecidos na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, no Decreto 302/2001, do 25 de outubro, polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido pola disposición transitoria cuarta da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais normas vixentes de aplicación.

Terceiro. Con respecto ás alegacións presentadas, visto o seu contido e as respostas da empresa promotora, indícase o seguinte:

– Con respecto á alegación presentada por Marisol Lois Caamaño, o promotor manifesta que toma razón da titularidade actual das leiras referidas na dita alegación e que se dirixirá aos herdeiros do anterior titular para modificar o acordo subscrito no seu día con el. Así mesmo, comunica que é coñecedora de que as parcelas constitúen unha única unidade no catastro e así se reflectiu na información pública realizada.

– En relación coa alegación de Josefina Villaverde Vázquez, o promotor manifesta que toma razón da titularidade actual da leira e que se dirixirá aos herdeiros de Teodoro Vázquez Garabán para buscar un acordo económico sobre a afección do proxecto eólico á leira da súa titularidade.

– Con respecto ao erro manifestado por Ramón Baldomir Freire na súa alegación, a empresa promotora tomou nota do apelido correcto do alegante.

– En resposta á alegación de José Vázquez Varela, o promotor manifesta que non poden contestar á alegación por non entender a mensaxe de fondo que quere transmitir o titular das leiras, pero que se poñerán en contacto con él para buscar un acordo económico sobre a afección do parque eólico sobre as súas parcelas.

– Con respecto á alegación de Jesusa Socorro Canedo Villar, o promotor manifesta que non ten obxeccións ao solicitado, aínda que considera que a alegante deberá acreditar a súa condición de coherdeira e de propietaria única da parcela nº 27.

– En resposta á alegación de Manuel José Casais Regueiro e María del Carmen Varela Rama, o promotor manifesta que diminuíron as afeccións inicialmente previstas sobre a leira no contrato asinado en 2007, e que non se corta a parcela pola metade senón que se deixa na zona norte unha afección moi semellante á orixinal e se elimina a prevista para o aeroxerador no seu día. Así mesmo, manifesta que se poñerán en contacto cos titulares para modificar o acordo asinado.

– Con respecto á alegación de María Pilar Calvo Villar, o promotor manifesta que, en vista da documentación presentada pola alegante, queda perfectamente acreditada a súa titularidade sobre a leira nº 38 e que, ademais, José Calvo Varela desfruta do usufruto sobre ela, polo que todas as comunicacións relativas á parcela irán dirixidas a ambos os dous. Así mesmo, respecto ao uso da parcela, o promotor manifesta que, efectivamente, se produciu un erro ao clasificar a leira como de monte baixo e que está dedicada a plantación, tal e como expón a alegante, e que esta circunstancia se valorará á hora de realizar unha oferta económica polas afeccións producidas e, de non acadarse acordo, no momento oportuno do procedemento de expropiación.

– Respecto das alegacións presentadas pola sociedade Puente Lendo, S.L., o promotor manifesta, en relación co desacordo no alcance das afeccións, que despois de consultar os expedientes das concesións de explotación afectadas se comproba que a zona nº 5 do proxecto de concentración de labores é a máis próxima ás instalacións proxectadas do parque eólico, atopándose a 719 metros de distancia da canalización eléctrica máis próxima e a 988 metros do aeroxerador máis próximo, distancias moi superiores ás que a empresa mineira recolle nas súas alegacións como distancias de seguranza que se establecerán. Conclúen, por tanto, que da implantación do parque eólico non deriva ningún prexuízo para as explotacións mineiras, polo que non está xustificada a pretensión de Puente Lendo, S.L. de que se amplíe a extensión das afeccións recollidas na relación de bens e dereitos afectados.

Ademais do manifestado polo promotor na súa resposta, cabe facer as seguintes consideracións en relación co alegado pola sociedade Puente Lendo, S.L.:

• En primeiro lugar, cabe manifestar que o trámite de información pública foi efectuado nas datas e na forma descritas no antecedente de feito décimo. De forma simultánea ao dito trámite, practicáronse as notificacións relativas á solicitude de declaración de utilidade pública para o parque eólico de referencia, co fin de que as persoas, físicas ou xurídicas, incluídas na relación de bens e dereitos afectados (entre elas Puente Lendo, S.L.) puidesen alegar o que considerasen oportuno en relación con erros detectados ou con calquera outra cuestión.

En conclusión, tanto o trámite de información pública como as notificacións individuais aos afectados pola solicitude de declaración de utilidade pública para o parque eólico, efectuáronse da forma establecida na normativa de aplicación e, consecuentemente, con anterioridade a calquera autorización relativa ao parque eólico.

• No que se refire á compatibilidade entre os aproveitamentos mineiros e eólico, e ao momento en que se debe decidir sobre ela, cabe remitirse ao establecido nos artigos 28, 29, 30 e 31 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, de aplicación ao presente procedemento en virtude da disposición transitoria cuarta da Lei 8/2009, do 22 de decembro.

En cumprimento dos mencionados preceptos efectuouse, en peza separada, o trámite de compatibilidade, iniciado na data e da forma indicada no antecedente de feito décimo terceiro, e concluíuse a compatibilidade entre os aproveitamentos mineiros e a instalación eólica, de acordo co contido dos informes referidos nos antecedentes de feito décimo quinto e décimo sétimo, o que fai innecesario, por tanto, determinar a prevalencia entre aproveitamentos.

Polo exposto, e no exercicio das competencias que teño atribuídas,

RESOLVO:

Primeiro. Autorizar as instalacións do parque eólico Monteagudo, localizado nos concellos de Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña) e promovido por Eólica Gallega del Atlántico, S.L., cunha potencia máxima para evacuar de 19 MW.

Segundo. Aprobar o proxecto de execución das instalacións do parque eólico Monteagudo, asinado polo enxeñeiro industrial Martín Echeverría Crespo, colexiado 433, e visado polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industrias de Galicia (Delegación da Coruña) o 9 de decembro de 2010, co número CO103406.

As características principais recollidas no dito proxecto son as seguintes:

Solicitante: Eólica Gallega del Atlántico, S.L.

Domicilio: avenida de Europa nº 16 (parque empresarial La Moraleja), 28108 Alcobendas, Madrid.

Denominación: parque eólico Monteagudo.

Potencia instalada: 19,5 MW.

Potencia máxima para evacuar: 19 MW.

Municipios afectados: Arteixo, A Laracha e Carballo (A Coruña).

Produción anual: 47.910 MWh/ano.

Orzamento de execución por contrata: 24.592.121,28 euros.

Coordenadas perimétricas da poligonal do parque eólico:

Vértice

UTM-X

UTM-Y

1

531.033,21

4.795.332,81

2

533.687,35

4.795.332,81

3

532.674,93

4.792.152,42

4

531.799,64

4.792.152,42

5

531.359,65

4.793.055,50

6

531.998,86

4.793.255,73

7

531.745,13

4.793.674,35

8

531.059,40

4.793.671,34

9

530.538,00

4.794.741,93

Coordenadas de localización dos aeroxeradores:

Aeroxerador

UTM-X

UTM-Y

A1.1

530.940

4.794.900

A1.2

531.194

4.794.799

A2.1

531.368

4.794.285

A3.1

531.965

4.793.935

A3.2

532.099

4.793.665

A3.3

532.449

4.793.027

A2.2

531.763

4.794.680

Características técnicas das instalacións eléctricas de produción, interconexión e transformación:

– Seis aeroxeradores do tipo AW 109/3000 IEC-IIA de 3.000 kW de potencia nominal unitaria montados sobre fustes de formigón de 98,2 m de altura e rotor de 109 m de diámetro ou similar.

– Un aeroxerador do tipo AW 77/1500 IEC-IIA de 1.500 kW de potencia nominal unitaria montado sobre fuste metálico de 76,88 m de altura e rotor de 77 m de diámetro ou similar.

– Rede eléctrica subterránea de media tensión a 12 kV realizada en condutor RHZ1 12/20 kV de 1×400 mm2 Al y 1×240 mm2 Al para interconexión dos aeroxeradores e destes coa subestación transformadora.

– Subestación transformadora intemperie, equipada con transformador de 15 ONAN/20 ONAF MVA e relación de transformación 66/12 kV, celas de media tensión 12 kV, transformador de servizos auxiliares de 50 kVA e relación 12/0,42 kV, aparellos de medida, protección, telemando e telecontrol.

Terceiro. Recoñecer ao parque eólico Monteagudo a condición de instalación acollida ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica regulamentado polo Real decreto 661/2007, do 25 de maio, e incluíla no grupo b.2., subgrupo b.2.1., do artigo 2 do citado real decreto.

Cuarto. Declarar a utilidade pública, en concreto, das instalacións do proxecto do parque eólico Monteagudo, segundo o previsto nos artigos 52 e 54 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, o que leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954 (BOE nº 351, do 17 de decembro).

Quinto. Declarar a compatibilidade do parque eólico Monteagudo coas concesións de explotación Emérita y Demasía nº 4308, Emir y Demasía nº 5607 e Virgen de la Estrella y Demasía nº 5615, todas elas titularidade de Puente Lendo, S.L., e coa solicitude do permiso de investigación Monte Mina nº 6993, efectuada por Mineira de Corcoesto, S.L.

A presente autorización axustarase ao cumprimento das seguintes condicións:

1. Conforme o disposto no artigo 19 do Decreto 302/2001, do 25 de outubro, para os efectos de garantir o cumprimento das súas obrigas, Eólica Gallega del Atlántico, S.L. deberá constituír, no prazo de 30 días contados desde o seguinte ao da notificación da presente resolución, unha fianza de 491.842 euros, importe correspondente ao 2 % do orzamento do proxecto de execución que por esta resolución se aproba.

A dita fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase unha vez que se formalice a acta de posta en marcha das instalacións.

2. Consonte o disposto no artigo 4 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, fíxase, a proposta do órgano ambiental, a contía do aval correspondente aos labores de restauración asociados á fase de obras en 184.441 euros, polo que, Eólica Gallega del Atlántico, S.L. deberá depositar o devandito aval no prazo de 30 días contados desde o dia seguinte ao da notificación desta resolución.

Esta fianza constituirase na Caixa Xeral de Depósitos da Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, en calquera das formas sinaladas no artigo 11.3 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias, e devolverase cando desaparezan as causas que motivaron a súa exixencia, unha vez depositado o importe correspondente ao aval de restauración en fase de desmantelamento, conforme o artigo 6 do Decreto 455/1996, do 7 de novembro.

3. Como requisito necesario para a aplicación á citada instalación do réxime especial de produción de enerxía eléctrica, o promotor deberá inscribila definitivamente no Rexistro de Instalacións de Produción de Enerxía Eléctrica en Réxime Especial da Comunidade Autónoma de Galicia, creado pola Orde da Consellería de Industria e Comercio do 5 de xuño de 1995 (DOG do 14 de xullo), logo da acreditación do cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 11 e 12 do Real decreto 661/2007, do 25 de maio.

4. A instalación adaptarase ao procedemento de captación e procesamento de datos de produción de enerxía eléctrica de Galicia regulamentado pola Orde da Consellería de Innovación e Industria, do 23 de xaneiro de 2009, pola que se establece o procedemento para a captación e procesamento dos datos de produción enerxética das instalacións acollidas ao réxime especial de produción de enerxía eléctrica na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 37, do 23 de febreiro).

5. As instalacións autorizadas terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto de execución que por esta resolución se aproba, cun orzamento de 24.592.121,28 euros.

Prestarase especial atención aos sistemas de limitación de potencia co obxecto de garantir que, unha vez que entren en funcionamento as instalacións do parque eólico, a potencia xerada en ningún momento supere o valor da potencia máxima para evacuar establecida na presente resolución.

6. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de nove meses contados a partir da data de ocupación dos terreos.

Unha vez construídas as instalacións autorizadas, e con carácter previo á súa posta en marcha, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria da Coruña inspeccionará a totalidade das obras e montaxes efectuadas e verificará o cumprimento das condicións establecidas nesta resolución e as demais que sexan de aplicación, incluídas as contidas na declaración de impacto ambiental formulada o 8 de outubro de 2012 pola Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

7. O parque eólico deberá cumprir cos requisitos que se recollan nos procedementos de operación aprobados polo Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo que lle resulten de aplicación.

8. A Administración reserva para si o dereito de deixar sen efecto a presente autorización por calquera das causas establecidas no artigo 34 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, por incumprimento das condiciones impostas ou por calquera outra causa excepcional que o xustifique.

9. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

A presente resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia da Coruña, de acordo co establecido nos artigos 128 e 148 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, así como en cumprimento do disposto polo artigo 59.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, para os efectos da notificación aos interesados cando estes sexan descoñecidos, se ignore o lugar ou o medio de notificación, ou ben cando, intentada esta, non se puidese practicar.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación, de acordo co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución, de conformidade co establecido nos artigos 10, 14 e 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, sen prexuízo de que os interesados poidan interpoñer calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2013

P.D. (Orde do 30.4.2009; DOG nº 87, do 6 de maio)
Borja Verea Fraiz
Secretario xeral técnico da Consellería de Economía e Industria