Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Martes, 26 de xaneiro de 2016 Páx. 2843

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2015 pola que se establece o Plan de inspeccións en materia de certificación enerxética de edificios para o ano 2016.

O Real decreto 235/2013, do 5 de abril, polo que se aproba o procedemento básico para a certificación enerxética dos edificios, regula nos seus artigos 9 e 10 o control dos certificados de eficiencia enerxética, así como a inspección para a comprobación e vixilancia do cumprimento da obriga da certificación de eficiencia enerxética de edificios, actuacións que corresponden aos órganos competentes de cada comunidade autónoma.

Este control técnico deberá permitir comprobar a validez do resultado da cualificación de eficiencia enerxética indicada no certificado e nestas tarefas poderán participar os axentes autorizados tal e como prevé o artigo 9 do procedemento básico aprobado polo Real decreto 235/2013.

O exercicio das competencias atribuídas á dirección xeral competente en materia de enerxía polo Decreto 42/2009, do 21 de xaneiro, polo que se regula a certificación enerxética de edificios de nova construción na Comunidade Autónoma de Galicia, foi obxecto de delegación no Instituto Enerxético de Galicia, ente de dereito público creado pola Lei 3/1999, do 11 de marzo, adscrito á consellería competente en materia de enerxía, mediante a Resolución do 9 de xaneiro de 2014, da Dirección Xeral de Enerxía e Minas, pola que se delegan competencias no Instituto Enerxético de Galicia.

Así, en virtude das competencias asumidas polo Inega en materia de certificación enerxética, e co fin de dar cumprimento á normativa en materia de control técnico e inspección do procedemento de certificación enerxética,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar o Plan de Inspeccións para un período de 9 meses desde a presente resolución co fin de comprobar e vixiar o cumprimento do procedemento da certificación de eficiencia enerxética de edificios.

Segundo. O Plan de inspeccións realizarase sobre unha mostra representativa dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios rexistrados conforme a Resolución do 20 de maio de 2013 pola que se aproba o modelo de solicitude para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios existentes e a súa modificación, segundo a Resolución do 21 de maio de 2015, pola que se aproba o modelo de comunicación para a inscrición dos certificados de eficiencia enerxética dos edificios existentes no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética de Edificios de Galicia (procedemento IN413D).

Para levar a cabo as tarefas contidas neste plan de inspeccións, o Inega poderá delegar esta responsabilidade nun axente autorizado nesta materia. Segundo o establecido no Real decreto 235/2013, os axentes autorizados para a realización do control técnico serán as entidades de control que cumpran os requisitos técnicos establecidos no Real decreto 410/2010, do 31 de marzo, para o exercicio da súa actividade no campo regulamentario da edificación, así como as entidades legalmente habilitadas para o campo regulamentario das instalacións térmicas en edificios, ou técnicos/as competentes independentes.

A mostra representativa dos certificados que se van inspeccionar abranguerá edificacións situadas en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

A repartición por provincias desta mostra de certificados será aleatoria e seguirá a mesma porcentaxe de certificados rexistrados totais en cada unha delas.

O número de certificados inspeccionados de cada unha das letras (A, B, C, D, E, F, G) será proporcional ao número total de certificados inscritos con cada unha das cualificacións.

As actuacións contidas no Plan de inspeccións consistirán na comprobación completa dos datos de base da edificación utilizados para expedir o certificado de eficiencia enerxética, comprobación completa dos resultados consignados no certificado, incluídas as recomendacións formuladas e visita in situ ao edificio, coa finalidade de comprobar a correspondencia entre as especificacións que constan no certificado de eficiencia enerxética e o edificio cualificado.

Ademais, comprobarase que o técnico asinante do certificado estea en posesión da titulación exixida polo Real decreto 235/2013, que o habilita como técnico competente para asinar os certificados de eficiencia enerxética.

Verificarase tamén a correcta inscrición no Rexistro de Certificados de Eficiencia Enerxética, segundo o procedemento IN413D en vigor no momento en que se realizou. Así, comprobarase:

– Que a documentación presentada é a establecida pola normativa que regula o procedemento de rexistro (CEE asinado, arquivos de cálculo, xustificante de pagamento de taxas correcto).

– Que os documentos presentados son coherentes entre eles e entre a solicitude ou comunicación de rexistro.

– Que o certificado de eficiencia enerxética está completo e que cumpre co contido recollido no artigo 6 do Real decreto 235/2013, en particular ou de inclusión do documento de recomendacións para a mellora da cualificación.

– Que o inmoble se inscribiu co enderezo, referencia catastral, tipoloxía (residencial/terciario), normativa de construción e cualificación enerxética correcta.

Como resultado de cada inspección realizarase unha acta de inspección.

Por outra banda, este plan de inspeccións incluirá a inspección do cumprimento do artigo 12.2 do Real decreto 235/2013, polo que se regula o procedemento básico de certificación de eficiencia enerxética de edificios, en materia de publicidade, polo que se seleccionará unha mostra dun número representativo de axencias inmobiliarias repartidas nas catro provincias galegas nas cales se comprobará, cunha visita ás súas oficinas, o cumprimento do establecido neste artigo.

Así mesmo, comprobarase o artigo 5.6 do Real decreto 235/2013, relativo á obriga de presentar o certificado de eficiencia enerxética ante o órgano competente para o seu rexistro.

Realizarase un informe trimestral onde se resumirán as principais incidencias detectadas tanto nas visitas ás edificacións como nas axencias inmobiliarias e xuntaranse as actas das inspeccións realizadas en soporte dixital, así como calquera documentación relativa ao Plan de inspeccións que sexa relevante para o seu resultado e análise.

No caso de contratar un axente autorizado para desempeñar as funcións de verificación indicadas neste plan, este non poderán intervir noutras actividades relacionadas co control do edificio que non sexan as propias da inspección do certificado de eficiencia enerxética do edificio que é obxecto de verificación.

Disposición derradeira Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2015

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia