Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Xoves, 31 de decembro de 2015 Páx. 53334

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía, Emprego e Industria

RESOLUCIÓN do 4 de decembro de 2015, da Xefatura Territorial de Ourense, pola que se conceden as autorizacións administrativas previa e de construción e se declara, en concreto, de utilidade pública, para os efectos da urxente ocupación, a instalación eléctrica denominada LMT, CT e RBT San Lázaro, no concello de Ribadavia (expediente IN407A 2013/76-3).

Examinado o expediente instruído por pedimento de Unión Fenosa Distribución, S.A., con domicilio para os efectos de notificacións na Batundeira, 2, Velle, 32960 Ourense, sobre as autorizacións administrativas previa e de construción e a declaración, en concreto, de utilidade pública das instalacións eléctricas de refencia, que se desagregan no seu proxecto de execución asinado o 18 de novembro de 2013 por Burkard Hecht Elorduy, enxeñeiro industrial colexiado nº 2633, resultan os seguintes:

Antecedentes de feito.

Primeiro

A petición someteuse a información pública por Resolución do 18 de decembro de 2013, da Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria de Ourense, que foi publicada no DOG do 21 de xaneiro de 2014, no BOP de Ourense do 25 de xaneiro de 2014, no xornal diario La Región de Ourense do 3 de febreiro de 2014, no taboleiro de anuncios do concello afectado e nesta xefatura territorial, en aplicación dos artigos 125 e 144 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, que regula o procedemento de autorización das instalacións de enerxía eléctrica.

Segundo

Dentro do prazo establecido para iso foron presentadas alegacións polo propietario do predio nº 2 dos afectados segundo as numeracións do plano parcelario de proxecto; destas alegacións e do informe que achega, no cal o arquitecto técnico actuante cuantifica as perdas que ao seu entender sufriría a sinalada propiedade coa imposición das servidumes previstas no proxecto, déuselle traslado á empresa solicitante para os efectos oportunos.

Terceiro

As características técnicas básicas das instalacións proxectadas, que teñen un orzamento de 70.805,88 euros, son as seguintes:

• LMT subterránea a 20 kV, de 187 m de lonxitude con condutor RHZ1-2OL-12/20 kV 3×150 mm2 Al, con orixe na LMT aérea existente (CAS803) ao CT Francelos (32C330) e remate no CT proxectado prefabricado San Lázaro de 400 kVA e R/T 20.000/400-230 V. RBT aerosubterránea de 210 m en aéreo, con condutor RZ, e 114 m en subterráneo, con condutor XZ1, derivada do CT proxectado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro

A Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria de Ourense é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma galega en materia de industria, enerxía e minas, e no exercicio das competencias atribuídas polo Real decreto 1955/2000, polo Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, e polo Decreto 245/2009, do 30 de abril, que regula as delegacións territoriais da Xunta de Galicia (DOG do 1 de maio).

Segundo

No expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 55 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, e os regulamentarios ordenados nos capítulos II e V do título VII do citado Real decreto 1955/2000.

Terceiro

Polo que se refiren ao menosprezo derivado das ocupacións e imposicións de servidumes de paso do tendido eléctrico proxectado, a que se refire Juan García Chousán nas súas alegacións, como propietario do predio sinalado, non corresponde a esta fase do procedemento entrar na súa valoración, pois iso é competencia do Xurado de Expropiación de Galicia, órgano ao cal se lle remitirá o expediente logo do levantamento das actas previas á ocupación, nas que se indicarán de xeito singularizado as afeccións que se considerarán segundo o perito da Administración, asi como as alegacións que queiran realizar os asistentes, e tamén coa incorporación das follas de valoración coas valoracións contraditorias que presenten as partes. Para este trámite serán convocados no seu momento os afectados.

Cuarto

O proxecto de execución, que conta con informe de xeito favorable dos servizos técnicos desta xefatura territorial, reúne todos os requisitos necesarios para a súa execución, efectuándose a comprobación sobre o terreo da traza da infraestructura eléctrica, en que non se dá ningunha das limitacións á constitución de servidume de paso a que se refire o artigo 161 do Real decreto 1955/2000.

Esta xefatura territorial, de acordo co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, resolve:

1º. Declarar de utilidade pública, en concreto, o proxecto e conceder a autorización administrativa previa e a autorización administrativa de construción ás devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ao proxecto antes sinalado e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse en prazo non superior a un ano, contado a partir da data desta resolución.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implica a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

2º. Que o representante da Administración, en cumprimento do disposto nos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 149 do Real decreto 1955/2000, dea comezo ao levantamento das actas previas á ocupación, nos días e horas que a cada interesado se lle notifique de xeito individual, daqueles predios que figuran no anexo da resolución de información pública do proxecto.

Contra a presente resolución, que non é definitiva en vía administrativa, cabe interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme o establecido no artigo 115 da Lei 30/1992, do 26 de decembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou calquera outro recurso que se considere pertinente.

Ourense, 4 de decembro de 2015

Alfonso Tomás Paz Doniz
Xefe territorial de Ourense