Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Venres, 18 de decembro de 2015 Páx. 47485

VI. Anuncios

b) Administración local

Concello de Nogueira de Ramuín

ANUNCIO do acordo plenario sobre a explotación do servizo de embarcadoiro e edificio de recepción de visitantes no encoro de Santo Estevo (expediente 226/2015).

O Pleno da Corporación, en sesión ordinaria que tivo lugar o día 30.10.2015, adoptou, entre outros, o acordo seguinte:

Resolución sobre o expediente do embarcadoiro de Santo Estevo.

O concelleiro Raúl Soto Martínez, presidente da mesa de contratación, informa das actuacións desenvoltas, das proposicións presentadas, así como da proposta da mesa contratación que, conforme a documentación que consta no expediente, propón excluír a oferta formulada pola mercantil Explotursil, S.L., por non incluír o estudo de viabilidade económico-financeira. Non habendo outros licitadores con ofertas admisibles, resulta unha puntuación de 49,75 puntos para a mercantil Hemisferios, S.L., sobre a que recae a proposta de adxudicación formulada pola mesa de contratación; esta queda condicionada a que se solicite un informe pericial a un técnico externo competente que valide o estudo de viabilidade achegado no sobre nº 2 por Hemisferios, S.L.

Tras o recibimento do dito informe que literalmente di: «a pesar de ser ampla a documentación e información sobre a actividade presentada ao concurso por Hemisferio, S.L., no sobre nº 2, non é suficiente para poder emitir o informe solicitado por ese concello en escrito do 30 de setembro de 2015», a concelleira do PSOE, Antonia Álvarez Veiga, indica que cómpre contar cun informe proposta da Secretaría no expediente.

Con base no indicado, sométese o expediente ao acordo de resolución dos nove concelleiros que se atopan presentes dos once que integran a Corporación e, por sete votos a favor e dous en contra do grupo do PSOE (Antonia Álvarez Veiga e Mª Rosario Valencia Regueiro), adóptase o seguinte acordo:

Primeiro. Rexeitar a oferta de Explotursil, S.L., por non incluír o estudo de viabilidade económico-financeira.

Segundo. Rexeitar a oferta de Hemisferios, S.L. con base no informe do técnico externo.

Todo iso en relación coa cláusula IX do prego de cláusulas administrativas particulares que dispón verbo do estudo de viabilidade que deberá incluír todos os elementos e a documentación necesarios para xustificar a viabilidade da oferta formulada, de xeito que a existencia de contradicións relevantes na documentación presentada, a omisión de datos esenciais ou o establecemento de orzamentos de imposible ou moi difícil cumprimento, a xuízo motivado da Administración, darán lugar ao rexeitamento da oferta presentada.

Terceiro. Deixar deserto este concurso por non axustarse ningunha das ofertas presentadas ás bases aprobadas no procedemento de contratación administrativa especial da prestación do servizo denominado de embarcadoiro e edificio de recepción de visitantes no encoro de Santo Estevo.

Cuarto. Publicalo no BOP, no DOG e no perfil do contratante.

Quinto. Notificarlles este acordo aos interesados no procedemento.

O que se notifica en cumprimento do establecido no artigo 58 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, en relación cos artigos 116 e 117 do dito texto legal e cos artigos 45 e seguintes da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, que sinalan que contra o dito acordo, que pon fin á vía administrativa, ben poderán interpor recurso de reposición ante o Pleno do Concello no prazo dun mes ou ben acudir directamente á vía xudicial e interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense, sen que se poidan simultanear ambos os dous recursos. Os prazos indicados computaranse desde o día seguinte ao da recepción desta comunicación.

Poderán, non obstante, interpor calquera outro recurso que consideren procedente.

O que se fai público en cumprimento do artigo 60 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Nogueira de Ramuín, 20 de novembro de 2015

José César Parente Pérez
Alcalde