Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 238 Martes, 15 de decembro de 2015 Páx. 46971

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 10 de decembro de 2015, da Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda, pola que se somete a información pública o Proxecto de orde pola que se regulan os medios de comprobación do valor dos bens inmobles previstos no artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, no ámbito dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

No ámbito dos ingresos tributarios das comunidades autónomas, os impostos cedidos representan unha parte importante, non só pola recadación que achegan senón tamén polo número dos contribuíntes que afectan. Nestes impostos cedidos, os que reúnen principalmente as características anteriormente sinaladas son os impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Estes impostos caracterízanse por ser a súa base impoñible o valor real do ben que se transmite, o que supón a existencia dun concepto xurídico indeterminado que a Administración tributaria ten o deber de determinar en cada caso. Para facer este labor, o artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria (LXT), faculta a Administración tributaria para aplicar os métodos de comprobación alí sinalados e regula na súa parte aplicativa o procedemento de comprobación de valores como mecanismo para a súa fixación.

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento normativo dos medios de valoración previstos no devandito artigo en canto son aptos para a valoración de bens inmobles.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, será sometida a información pública. Neste caso o prazo para presentar alegacións será de sete días hábiles, tal e como prevé o número 5 do citado artigo, cando razóns debidamente motivadas así o xustifiquen. En efecto, debido á necesidade de analizar un mercado inmobiliario moi volátil e inestable, no cal aparecen novos actores non tradicionais como a Sareb ou os investidores internacionais, e coa intención de que queden reflectidas as tendencias máis recentes na evolución dos valores, faise aconsellable tecnicamente dispor dos datos do mercado máis próximos ao exercicio 2016, de xeito que a análise que contén se aproxime o máximo posible á data da súa entrada en vigor, prevista para o vindeiro 1 de xaneiro. Non foi posible, por tanto, comezar antes a tramitación do proxecto de orde.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter a información pública, por un prazo de sete días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o proxecto de orde pola que se regulan os medios de comprobación do valor dos bens inmobles previstos no artigo 57 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, no ámbito dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

O proxecto de orde poderase consultar na páxina web da Consellería de Facenda:

http://www.conselleriadefacenda.es/a-conselleria/transparencia/elaboracion-de-disposicions-de-caracter-xeral/normativas-en-elaboracion

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas á Secretaría Xeral Técnica e do Patrimonio, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2015

María del Socorro Martín Hierro
Secretaria xeral técnica e do Patrimonio da Consellería de Facenda